DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 11 de agosto de 2025 Páx. 43631

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2025 pola que se convoca o Curso de prevención de riscos laborais, nivel básico, para persoal empregado público, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.

RESOLVO:

Convocar o curso de prevención de riscos laborais que figura no anexo II, que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nesta actividade formativa os/as empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 18 ao 28 de agosto de 2025.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53, 981 54 62 54, 981 54 62 73 e 981 54 63 35, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas; terán prioridade aquelas persoas que posúan a condición de delegado/a de prevención, traballador/a designado/a e/ou empresario/a que asuma as funcións de prevención de riscos laborais na súa empresa (deberán achegar a documentación que o acredite ao enderezo <issga.cursoprl@xunta.gal> dentro do prazo de presentación de solicitudes) e reservarase o 50 % das prazas do curso ao persoal empregado público.

Todo isto sen prexuízo da aplicación dos criterios de reserva de prazas para persoas con discapacidade, así como das medidas de promoción da igualdade e da conciliación, establecidos na normativa autonómica vixente.

2. No caso de que non haxa un número suficiente de persoas solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no dito curso, de acordo co disposto no artigo 45.1b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e o seguimento das actividades formativas e desenvolvemento das probas de avaliación.

1. Os cambios ou as substitucións na selección

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de espera.

2. A renuncia

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, ademáis do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo para presentar o escrito de renuncia iniciarase o día seguinte ao remate do prazo de matrícula e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades de teleformación

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Desenvolvemento das probas de avaliación

A proba final do curso realizarase de xeito telemático a través da aula virtual da EGAP.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de teleformación, é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que a titoría propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas e o horario de realización destas serán os indicados no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP e do ISSGA

1. A EGAP e o ISSGA poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o ISSGA reservan para si dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o ISSGA garantirán, nas actividades derivadas desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Edición

Denominación

Persoal destinatario

Prazas

Horas

Modalidade

Data de inicio

Data de remate

Data e hora do exame final (en liña)

CV25090

T01

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. ISSGA

Empregados/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/ as e delegados/as de prevención, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

16.9.2025

14.11.2025

14.11.2025, ás 10.00 horas

CV25090

T02

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. ISSGA

Empregados/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/ as e delegados/as de prevención, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

16.9.2025

14.11.2025

14.11.2025, ás 10.00 horas

CV25090

T03

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. ISSGA

Empregados/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/ as e delegados/as de prevención, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

16.9.2025

14.11.2025

14.11.2025, ás 10:00 horas