DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 12 de agosto de 2025 Páx. 43746

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 4 de agosto de 2025 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades que forman parte do Sistema universitario de Galicia para o curso 2025/26.

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, establece que a implantación de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional corresponde á comunidade autónoma.

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade, regula, nos artigos 26 e 27, o procedemento de verificación dos plans de estudos e establecemento do carácter oficial das titulacións. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Por acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á publicación no Boletín Oficial del Estado e á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente someterase a informe no Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de seren autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición mais aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 12 de xuño de 2025, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre as solicitudes das universidades do Sistema universitario de Galicia para a implantación das seguintes titulacións, unha vez obtidas as resolucións de verificación do Ministerio con data do 18 de xullo de 2025.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2025/26, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva pola Universidade de Vigo e pola Universidade da Coruña. Título conxunto coordinado pola Universidade de Vigo.

2. Máster universitario en Realidade Estendida pola Universidade da Coruña e pola Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña.

Artigo 2

Que se autorice a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2025/26, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados. A autorización deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario coa mesma denominación e código RUCT 4310352.

2. Máster universitario en Materiais Avanzados/Advanced Materials pola Universidade Autónoma de Madrid, Universidade de Alicante, Universidade de Barcelona, Universidade de Castilla-La Mancha, Universidade de Málaga, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Zaragoza, Universitat de Valencia (Estudio General) e a Universitat Politécnica de Valencia. Título conxunto coordinado pola Universitat de Valencia: o presente máster recibe o informe de avaliación da axencia valenciana.

3. Máster universitario en Xestión da Arte e do Patrimonio Cultural pola Universidade de Santiago de Compostela. A autorización deste máster inicia o proceso de extinción do máster universitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte pola Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e pola Universidade de Santiago de Compostela, con código RUCT 4314274.

4. Programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe pola Universidade de Santiago de Compostela. A autorización deste título inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Université de Rennes II, con código RUCT 5601074.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2025/26, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva pola Universidade de Vigo e pola Universidade da Coruña. Título conxunto coordinado pola Universidade de Vigo.

2. Máster universitario en Creación Artística Contemporánea pola Universidade de Vigo.

3. Máster universitario en Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo.

4. Máster universitario en Realidade Estendida pola Universidade da Coruña e pola Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña.

5. Programa de doutoramento en Investigación Sanitaria pola Universidade de Vigo.

Artigo 4

Que se autorice a Universidad Intercontinental de la Empresa para implantar, no curso 2025/26, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Dereito pola Universidad Intercontinental de la Empresa.

Artigo 5

As universidades, logo de seren autorizadas a implantar as ensinanzas universitarias, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico.

Artigo 6

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do estudantado que se encontre cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional