DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 13 de agosto de 2025 Páx. 44047

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 73/2025, do 4 de agosto, polo que se modifica o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, foi aprobado tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

De acordo con estes criterios, foron aprobados os decretos 48/2024 e 49/2024, do 14 de abril, polos que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, respectivamente, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas, consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Posteriormente, o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería, recolle a distribución de competencias entre os diferentes órganos desta.

Debe sinalarse que as necesidades administrativas derivadas da estrutura vixente fan conveniente redistribuír as funcións dalgúns órganos da Secretaría Xeral Técnica.

Por outra banda, o seu capítulo IX regula a Dirección Xeral de Mobilidade e indica que exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos, entre outros, da programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable, xunto co seu réxime administrativo, dirección, inspección e control delas, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A dirección da política aeronáutica é competencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, que a exerce a través da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Porén, de conformidade co artigo 27.9 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, a comunidade autónoma ten a competencia exclusiva en materia de aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado, así como dos aeroportos deportivos, aínda que estas competencias non están a ser exercidas na actualidade.

Ata o de agora, a tramitación das autorizacións correspondentes aos aeródromos de competencia autonómica, as súas modificacións, así como as funcións de inspección e supervisión, estaban a ser realizadas pola AESA. Trátase de infraestruturas destinadas a aeronaves ultralixeiras, hidroaeródromos e heliportos, distintas dos aeródromos de uso público en que se realizan operacións de transporte comercial de pasaxeiros, mercadorías ou correo, incluídos os servizos de aerotaxi.

A Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a activación dos mecanismos previstos no ordenamento xurídico co fin de formalizar o traspaso das funcións e servizos precisos para o pleno exercicio das competencias que lle corresponden nesta materia.

Para posibilitar o seu exercicio e desenvolver a normativa correspondente, resulta preciso dotar a Dirección Xeral de Mobilidade dunha nova estrutura administrativa, mediante a creación dun Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias, que se integrará na Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender a esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catro de agosto de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, queda modificado como segue:

Un. A letra e) do punto 1 do artigo 8 queda redactada como segue:

«e) A coordinación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación, dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, así como a elaboración e sinatura das memorias propostas de inicio, dos pregos de prescricións técnicas e da documentación integrante dos expedientes de contratación administrativa correspondentes á área competencial da Secretaría Xeral Técnica que lle sexan encomendados pola persoa titular do dito órgano de dirección».

Dous. A letra n) do punto 1 do artigo 8 queda redactada como segue:

n) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económicoadministrativos dos expedientes de gasto, a sinatura dos expedientes e as propostas de pagamento da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, correspondentes á área competencial da Secretaría Xeral Técnica que lle sexan encomendados pola persoa titular do dito órgano de dirección.

Tres. O punto 2.1 do artigo 8 queda redactado da seguinte maneira:

«2.1. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A ordenación, a xestión e a administración ordinaria dos recursos humanos e o seguimento e control do rexistro de persoal da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, excepto do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

b) A xestión do réxime interno do persoal, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

d) A habilitación de gastos de persoal da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

e) O estudo, a tramitación e a elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

f) A xestión das queixas e suxestións formuladas ante a Consellería.

g) A coordinación, xestión e seguimento das solicitudes de información pública e de información particular formuladas ante a Consellería.

h) O seguimento, xestión e coordinación das competencias relativas á protección de datos, previstas no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, para o ámbito da Consellería.

i) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. O artigo 10 queda redactado como segue:

«1. A Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación de Fondos Europeos exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa, agás aqueles que sexan competencia doutros órganos.

b) A xestión dos asuntos relativos aos proxectos e actuacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes financiados ou susceptibles de seren financiados con fondos europeos.

c) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación de Fondos Europeos contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Contratación I.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes que lle sexan asignados.

b) A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas aplicables aos contratos que subscriba a Consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas na materia a outros órganos e aos servizos de xestión de infraestruturas administrativas, de obras e proxectos, de seguimento de infraestruturas deportivas e de xestión e coordinación de fondos europeos.

c) O seguimento e control dos contratos, agás aqueles que sexan competencia doutros órganos.

d) A elaboración de informes e/ou propostas de resolución dos recursos en materia contractual.

e) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Contratación II e Xestión de Fondos Europeos.

2.2.1. A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A asistencia e o apoio á persoa titular da subdirección na análise e estudo de proxectos e actuacións da Consellería susceptibles de seren financiados ou cofinanciados con fondos europeos.

b) A análise do cumprimento das obrigas de comunicación, publicidade e difusión das actuacións financiadas ou cofinanciadas con fondos europeos na Consellería.

c) A elaboración e/ou a revisión de pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas, así como a restante documentación dos expedientes de contratación que se lle asignen.

Este servizo encargarase, en todo caso, dos que sexan financiados ou cofinanciados con fondos europeos, velando pola súa adecuación á normativa comunitaria de aplicación.

d) A xestión dos expedientes de contratación que se lle asignen. Encargarase, ademais, da xestión das actuacións da Consellería financiadas ou cofinanciadas con fondos europeos.

e) O seguimento e o control dos contratos que se lle asignen, en coordinación co resto de órganos da Consellería.

f) A preparación e a transmisión da información a través das aplicacións informáticas correspondentes durante a execución das operacións da Consellería financiadas ou cofinanciadas con fondos europeos.

g) A elaboración de informes e/ou propostas de resolución dos recursos en materia contractual daqueles expedientes que fosen tramitados polo servizo.

h) A preparación de expedientes, elaboración de escritos de alegacións e redacción de informes requiridos durante os procedementos de auditoría das actuacións financiadas ou cofinanciadas con fondos europeos.

i) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Cinco. Suprímese a letra l) do artigo 12.1 e modifícase a letra k), que queda redactada do seguinte xeito:

«k) Aqueloutras funcións que, pola materia que desenvolve, lle sexan encomendadas».

Seis. Engádese un número 4 ao punto 2.3.2 do artigo 51, coa seguinte redacción:

«2.3.2.4. Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación de autorizacións de establecemento e apertura ao tráfico das instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As actuacións inspectoras nas instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A tramitación de expedientes sancionadores derivados das actuacións anteriores.

d) A xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

e) A programación de investimentos, obras e instalacións de transporte por ferrocarril, aéreo e por cable no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes