DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 13 de agosto de 2025 Páx. 44054

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

Esta convocatoria de axudas vén dar resposta a unha queixa recorrente do sector das empresas de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada, no cal se presenta unha problemática derivada da carencia de persoal que cumpa cos requisitos legais exixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos de transporte por estrada, a de dispor do certificado de aptitude profesional (CAP) e obter o/s permiso/s de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E ou D+E.

Así, segundo varios estudos realizados sobre a situación do emprego no noso país, a porcentaxe de empresas do sector que están experimentando dificultades para cubrir os seus postos vacantes sitúase en máis do 20 % e calcúlase en máis de 10.000 as ofertas de emprego que quedan vacantes pola falta de candidatos dispoñibles.

A escaseza de condutores vén motivada por diversos factores, como o elevado custo económico que supón acceder á dita profesión.

Neste ámbito enmárcase esta orde, dirixida a fomentar a incorporación de novos profesionais ao sector, ao implementar dúas liñas de axudas para facilitar a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, o que vai contribuír a mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación na medida en que se conceden axudas para o financiamento dos cursos de formación, ampliando así as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización e que intenta, así mesmo, paliar a escaseza de condutores, problema xeneralizado nas empresas de loxística da Unión Europea.

Ademais, subvenciónase tamén a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para o que se articulan dúas liñas de axuda, de xeito que as persoas interesadas poderán solicitar as dúas liñas de xeito acumulativo ou só unha delas.

Estas axudas pretenden abarcar a maior porcentaxe de poboación posible, polo que se destinarán a calquera persoa maior de idade, empadroada na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (30 de outubro de 2024) e que se matricule nun centro de formación CAP para a realización dun curso para a obtención do certificado de aptitude profesional e/ou nunha autoescola para a obtención do permiso de condución C e/ou D, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

As contías máximas que se van subvencionar por alumno establécense tomando como referencia o custo medio dos cursos e da obtención dos permisos de condución.

Na liña 1, fíxase unha contía máxima para subvencionar por alumno para o curso de cualificación inicial, de mercadorías ou de viaxeiros e na modalidade ordinaria ou acelerada de 1.200 €, e o curso de «ampliación ou promoción», para os que xa teñen a cualificación inicial nunha das dúas categorías e desexan obter a outra, nun importe de 300 €.

Na liña 2, fíxase a contía máxima para subvencionar por alumno para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D de 1.200 €.

No suposto de que soliciten as dúas liñas, o importe máximo subvencionable será de 3.900 € por alumno.

O período subvencionable comprende do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025. Neste período os solicitantes deberán ser maiores de idade acreditar que están empadronados en Galicia con anterioridade ao 30 de outubro de 2024.

Para seren persoas beneficiarias da liña 1, terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional. Non se exixe a superación do exame CAP para poder ser beneficiario das axudas, pero deberán intentar superar o dito exame presentándose, polo menos, a catro convocatorias no prazo dun ano desde o remate do curso.

No suposto de que o beneficiario non se presente ás ditas convocatorias, deberá reintegrar o 20 % do importe percibido.

Para seren persoas beneficiarias da liña 2, deberán obter o/s permiso/s de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E durante o período subvencionable.

O certificado de cualificación profesional debe obterse con independencia do permiso de condución, conforme o establecido na Directiva (UE) nº 2022/2561 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de decembro de 2022, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, e no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada (BOE núm. 98, do 24 de abril).

O dito real decreto require, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, a asistencia aos preceptivos cursos de formación e a superación dunha proba no prazo dun (1) ano desde o remate dos cursos.

Así, mediante a Resolución do 11 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, convocáronse as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2025, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, publicada no DOG núm. 222, do 18 de novembro. Para o ano 2025 convócanse oito probas e amplíanse en dúas convocatorias o número mínimo de seis convocatorias anuais que establece o Real decreto 284/2021, coa finalidade de darlles máis oportunidades aos aspirantes para a superación das probas.

Para fomentar a obtención do dito certificado, subvencionarase a realización dos cursos, así como a obtención dos permisos de condución, o que permitirá o exercicio da actividade profesional cos obxectivos de promover a formación, o emprego e a actividade do transporte por estrada, ao tratarse de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia.

Estes obxectivos están plenamente aliñados cos do resto de departamentos desta administración, en cada un dos seus ámbitos competenciais, a prol de impulsar a recuperación económica, e están incluídos nos obxectivos estratéxicos definidos no Plan estratéxico para Galicia.

As persoas beneficiarias serán os propios alumnos e só serán subvencionables os cursos impartidos na modalidade presencial, ben sexa ordinaria, acelerada ou de ampliación.

A modalidade ordinaria consistirá na asistencia a un curso de 280 horas de duración, que na modalidade acelerada será de 140 horas.

Para seguir os cursos e concorrer aos exames non será precisa a titularidade previa do permiso de condución (categoría ou clase C ou D, segundo corresponda).

O orzamento inicialmente asignado ascende a un millón de euros (1.000.000 €), con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Así mesmo, tendo en conta o obxecto e finalidade das actuacións subvencionables, neste caso concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con base neles, esta convocatoria tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva e exceptúase do criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación, e regúlase un procedemento de concesión abreviado en que a proposta de concesión lle será formulada ao órgano concedente directamente polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos polas bases reguladoras para conceder a subvención.

As ditas razóns de interese social e económico responden á escaseza de condutores profesionais, por unha banda, e aos elevados custos económicos que comportan os cursos de formación e a obtención dos permisos de condución para poder acceder á profesión, por outra.

Consecuentemente, esta orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e fin

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de dúas liñas de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF310F) e aprobar a convocatoria para o ano 2025:

Liña 1: Subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de «ampliación ou promoción», dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

Liña 2: Subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E.

2. O período subvencionable para ambas as liñas será do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

3. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2025 que figuran como anexos a esta orde:

– Anexo I: Adhesión das entidades ás axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C e/ou D, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.

– Anexo II: Axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C e/ou D, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.

– Anexo III: Autorización para a representación.

– Anexo IV: Solicitude de pagamento.

4. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das ditas axudas, para a cal se deben adherir as entidades colaboradoras (anexo V).

5. As axudas establecidas nesta convocatoria teñen como fin de utilidade pública fomentar o emprego no sector do transporte, promovendo a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial de condutor/a de vehículos de mercadorías ou de viaxeiros, ou de «ampliación ou promoción» no caso daqueles alumnos que, dispondo do CAP de mercadorías ou de viaxeiros, pretendan obter o correspondente á outra actividade, segundo o establecido no Real decreto 284/2021, e os correspondentes permisos de condución C e/ou D para acceder á profesión, compensando parcialmente o custo da súa realización.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para o exercicio 2025 e imputaranse á aplicación orzamentaria 2025.05.08.512A.481.1.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a un millón de euros (1.000.000 €), destinados a subvencionar as persoas beneficiarias, sen repartición ou distribución por liñas.

2. O importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa data de presentación das solicitudes e se cumpren os requisitos fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De se producir a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
(https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes convoca estas axudas para o ano 2025. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederáselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 16. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

2. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes publicarao na web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade

3. Os cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou do certificado de aptitude profesional na modalidade «ampliación ou promoción» e a obtención dos permisos de conducir das clases C e/ou D deberán realizarse na Comunidade Autónoma de Galicia a través das empresas autorizadas como centros de formación CAP ou autoescolas.

4. A concorrencia ás probas para a obtención do certificado de aptitude profesional poderá realizarse tanto na propia Comunidade Autónoma de Galicia como en calquera outra comunidade autónoma.

Artigo 4. Contía máxima da axuda

1. Para a liña 1, o importe máximo para percibir por cada alumno será de 1.200 euros para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP), e de 300 € para a obtención do CAP na modalidade de «ampliación ou promoción», para aqueles alumnos que xa teñan o certificado nunha categoría e que lles sirva para obtelo noutra categoría.

2. Para a liña 2, a contía máxima para os custos de matrícula e clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e/ou D+E será de 1.200 €.

Estas contías non poderán superar, en ningún caso, a cantidade total aboada pola persoa beneficiaria para a realización do curso ou para obter os permisos de condución correspondentes.

A contía máxima subvencionable por alumno será de 3.900 €.

3. Para a liña 1, realizarase o pagamento da axuda tras presentar a solicitude e a documentación xustificativa de ter superado o curso de cualificación inicial ou o de «ampliación promoción» coa cualificación de apto.

Para o pagamento da axuda non se exixirá que o alumno aprobe o exame CAP e só deberá ter superado o curso. Porén, deberá intentar aprobar o dito exame, para o cal terá que se presentar a un mínimo de catro convocatorias, salvo que o aprobe nas convocatorias anteriores, durante o prazo dun ano desde o remate do curso. En caso contrario, deberá reintegrar o 20 % da axuda.

Entenderase superado o curso como apto cando sexa validado polo órgano competente na aplicación CAP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Para a verificación de que o alumno se presentou a un mínimo de catro (4) probas de exame desde o remate do curso, empregarase tamén a aplicación CAP do Ministerio.

De non cumpriren este último requisito, as persoas beneficiarias deberán reintegrar o 20 % do importe da axuda percibida.

Para a liña 2, acreditar que está en posesión do permiso de condución (clase C e/ou D) e obtelo durante o período subvencionable.

Artigo 5. Compatibilidade da axuda

A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos, públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo das actividades para as cales se solicita a axuda.

Artigo 6. Medios para a tramitación do procedemento

1. Os procedementos administrativos previstos nesta orde tramitaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

2. As entidades colaboradoras poderán coñecer o estado das súas solicitudes de adhesión e das súas solicitudes de axuda a través da Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

CAPÍTULO II

Entidades colaboradoras

Artigo 7. Requisitos e condicións de solvencia

1. Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as empresas autorizadas como centros de formación CAP, para impartiren os cursos de formación inicial, polas administracións públicas competentes para o outorgamento de autorización de transporte público, que se denominarán «empresas CAP», e as autoescolas que outorguen a formación e as prácticas correspondentes para a obtención dos permisos de condución C e/ou D.

As «empresas CAP» e as autoescolas deben ter o seu domicilio social ou unha sucursal aberta na Comunidade Autónoma de Galicia e acreditar as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Para lograren a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións coa Dirección Xeral de Mobilidade.

As características técnicas exixibles tamén se poderán consultar na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade-sostible).

4. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

Artigo 8. Obrigas das entidades colaboradoras

Son obrigas das entidades colaboradoras, centros de formación CAP e autoescolas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Formalizar o convenio de colaboración entre elas e a Dirección Xeral de Mobilidade, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V desta orde.

2º. Realizar, ante a Dirección Xeral de Mobilidade, os trámites para solicitar a axuda.

3º. Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

4º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo II) e solicitude de pagamento (anexo IV).

5º. Impartir os cursos necesarios para a obtención da cualificación inicial, tanto ordinaria como acelerada, ou para a obtención do CAP na modalidade de «ampliación ou promoción», de conformidade co establecido no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, así como impartir a formación e as prácticas correspondentes para a obtención dos permisos de condución C e/ou D.

6º. Exhibir nas dependencias dos centros de formación e das asociacións/federacións, durante a vixencia do programa, un cartel de «promoción» deste, no cal se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá ao dispor na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade).

7º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

8º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.

9º. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

10º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous (2) anos desde a súa concesión.

11º. Remitirlle copia dixitalizada da dita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.

12º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo para presentar as solicitudes de adhesión

1. As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF310F) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades colaboradoras presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. No formulario, que figura como anexo I desta orde, o solicitante declarará o seguinte:

a) Que coñece o contido das bases e do convenio e que cumpre cos requisitos establecidos neles.

b) Que ten o seu domicilio social ou algunha sucursal aberta na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 7.3 da orde.

d) Que consente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre a entidade colaboradora e a Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar exenta do pagamento do imposto de actividades económicas, de acordo co artigo 82 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, así como non darse de baixa no citado imposto. En caso contrario, achegará a documentación correspondente ao pagamento do imposto.

i) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

k) Que se compromete a:

1º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recollidos nos documentos achegados.

2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e pagamento.

3º. Impartir, no marco da iniciativa, os cursos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

4º. Facilitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade canta información e documentación precise para verificar.

5º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

l) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será dun mes, contado a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán presentar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite a representación con que se actúa.

b) Convenio de colaboración (anexo V) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

c) Outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente.

Unha vez asinado o convenio pola Dirección Xeral de Mobilidade, a entidade colaboradora poderá presentar as solicitudes de axudas en representación dos beneficiarios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

f) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

i) Certificación de alta no imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Instrución e resolución do procedemento de adhesión

1. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se considerará por desistida da súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento será efectuado por parte do órgano instrutor no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e consellería competente en materia de economía e facenda.

2. Aquelas entidades cuxas solicitudes reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridas a este programa. A resolución de adhesión ditarase individualmente para cada unha das solicitudes de adhesión e notificarase seguindo a súa orde de presentación, salvo que sexa obxecto de emenda. Nese caso, terase en conta a data de presentación da emenda.

3. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditar as resolucións deste procedemento.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dez (10) días hábiles, contados desde a presentación da solicitude. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de adhesión.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento desde que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas

1. A Dirección Xeral de Mobilidade publicará na páxina web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o procedemento de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras adheridas, prevendo que se poida producir unha demora de ata quince (15) días entre a formalización da adhesión e a publicación e queda exenta de responsabilidade a Dirección Xeral de Mobilidade no suposto de se producir unha demora superior.

2. As entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade nin poderán tramitar solicitudes de axuda ata que completen o proceso de adhesión.

3. A Dirección Xeral de Mobilidade suspenderá a publicidade dunha entidade colaboradora no suposto de baixa da/s correspondente/s sucursal/sucursais comunicadas, así como nos supostos de que calquera centro ou sucursal sexa suspendida ou cause baixa na aplicación CAP. Pola contra, no caso de apertura de novas sucursais en Galicia dun mesmo centro de formación, ao seren os centros as entidades adheridas, as modificacións realizadas nelas incorporaranse automaticamente.

CAPÍTULO III

Concesión de axudas

Artigo 16. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude.

a) Ter 18 anos.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (30 de outubro de 2024). As entidades adheridas poderán requirirlle á persoa interesada a xustificación deste feito mediante a xustificación oficial de empadroamento.

c) Para seren persoas beneficiarias da liña 1, terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional.

Deberán intentar superar o exame CAP e presentarse, no prazo dun ano desde o remate do curso, a un mínimo de catro convocatorias de exame, salvo que superen o dito exame nas convocatorias anteriores.

Non se exixe a superación do exame CAP, pero si a presentación a este polo menos en catro ocasións. En caso contrario, deberán reintegrar o 20 % da axuda recibida.

Para seren persoas beneficiarias da liña 2, deberán obter o/s permiso/s de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E durante o período subvencionable.

d) Ter aboado o importe do curso e os custos de matrícula e as clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C e/ou D.

e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.

2. Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de «ampliación ou promoción», suposto en que tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.

Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable, co límite máximo que sinala o artigo 4.2 desta orde.

As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo co límite máximo de 3.900 €, de conformidade co artigo 4.2 desta orde.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar, ante a Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora, cando sexa preciso, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Acreditar, cando se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 21 de comprobación de datos, ante a Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora, no momento de presentar a solicitude da axuda, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. A Dirección Xeral de Mobilidade podería comprobar o cumprimento destas obrigas por parte da persoa beneficiaria.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que estas deban presentarse ante a Dirección Xeral de Mobilidade. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 24 desta orde.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro do 20 % do importe da axuda percibida no suposto de que a persoa beneficiaria non se presente a un mínimo de catro (4) convocatorias ás probas para a obtención do certificado de aptitude profesional no prazo dun (1) ano desde o remate do curso, sempre e cando non superen as ditas probas nas anteriores convocatorias a que se presenten.

g) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de outubro de 2025 e finalizará o 30 de outubro de 2025, ou cando se esgoten os fondos.

Artigo 19. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF310G) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/mobilidade

2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No formulario, que figura como anexo II desta orde, o solicitante declarará o seguinte:

a) Se, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para este mesmo proxecto ou conceptos para os cales se solicita esta subvención.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

c) Que está empadroado na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao 30 de outubro de 2024, inicio do período subvencionable.

d) Que coñece as bases desta convocatoria de axudas.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Lei de subvencións de Galicia.

h) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

i) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de dous (2) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

j) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que se deban presentar ante a Dirección Xeral de Mobilidade.

k) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A entidade colaboradora presentará telematicamente a solicitude de axuda en representación da persoa beneficiaria. Para iso, deberá presentar o documento de representación conforme o anexo III, que deberá ser asinado pola persoa beneficiaria, dixitalizado e que se achegará xunto coa solicitude da axuda presentada pola entidade colaboradora.

5. De chegar a esgotarse os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, que poderán ser reasignados para os expedientes que estean na lista de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 20. Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Autorización para a representación por parte da entidade colaboradora (anexo III), asinada pola persoa solicitante da axuda.

2. A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 21. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

g) Certificado sobre o cumprimento das obrigas tributarias coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificado de residencia coa data da última variación no padrón da persoa solicitante.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesada que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. O outorgamento das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de data da solicitude e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser persoa beneficiaria das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 12.

3. A orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ao tratarse dunha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva e en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Documentación xustificativa e solicitude de pagamento

1. A documentación xustificativa poderá presentarse xunto coa solicitude ou nun momento posterior.

2. En todo caso, para o cobramento polo solicitante da subvención, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo IV desta orde.

Para a liña 1, deberá achegar as facturas e xustificantes de pagamento do curso CAP inicial e/ou ampliación ou promoción.

Para a liña 2, deberá presentar a documentación xustificativa relativa á obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D e as facturas e xustificantes do pagamento da matrícula e das clases correspondentes.

Na factura indicarase claramente o número da factura, a data de emisión, o nome e NIF da persoa beneficiaria, a data de matrícula no curso, a duración do curso, a modalidade ordinaria ou «ampliación ou promoción», a data da matrícula para a obtención dos permisos de condución, o selo e a sinatura do representante do centro de formación ou autoescola como entidades colaboradoras.

Así mesmo, deberá comprender os seguintes conceptos: base impoñible (importe do curso), IVE e total da base impoñible máis IVE.

O pagamento polo alumno terase que xustificar de acordo coas seguintes regras:

a) Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico.

b) Consideraranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo e certificación bancaria, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay…), nos cales deberán estar claramente identificados:

i. Persoa beneficiaria: debe quedar acreditado que o pagador é o/a alumno/a, o/a beneficiario/a da axuda.

ii. Receptor do pagamento: a entidade colaboradora.

iii. Número de factura obxecto de pagamento.

3. A expedición da factura e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

4. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

5. Todos os pagamentos que realicen os alumnos se deberán efectuar durante a vixencia desta convocatoria de axudas (período subvencionable).

Artigo 25. Resolución de concesión e pagamento

1. Unha vez avaliada a solicitude inicial e a solicitude de pagamento, a resolución elevarase ao órgano competente para resolver. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude, e, se é o caso, da súa emenda, e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao contido da resolución.

2. A resolución de concesión e pagamento comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e a contía da subvención. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións ditadas neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 26. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades colaboradoras avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efecturase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes da Dirección Xeral de Mobilidade poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da actividade subvencionada que consideren convenientes.

Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade colaboradora os presentase, poderase entender que a persoa solicitante da axuda desiste da súa solicitude de subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e pagamento, a Dirección Xeral de Mobilidade aboaralle á persoa solicitante da subvención o importe correspondente na conta bancaria facilitada para ese efecto no anexo II (Solicitude de axuda/s).

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a facilitarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 29. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condición tidas en conta para a resolución de concesión e pagamento da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 30. Aceptación e renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, trascorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

No caso de que a persoa beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora. De se comunicar a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 26 destas bases reguladoras.

Artigo 31. Prazo para presentar a documentación xustificativa

A data límite para presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa é o 30.11.2025.

A data límite para superar o curso CAP e obter os permisos de condución das clases C e/ou D é o 30.10.2025.

Artigo 32. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. A Dirección Xeral de Mobilidade reservará para si o dereito para realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice a Dirección Xeral de Mobilidade para o seguimento das axudas concedidas, así como ás de control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se, no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias das subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se é o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 33. Normativa de aplicación

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

8. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS)– versión consolidada.

Artigo 34. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe Formación https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions

b) Os teléfonos 981 54 43 77 e 881 99 50 76 da dita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: axudas.mobilidade@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das facultades para resolver sobre as solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras, así como sobre as solicitudes de concesión e pagamento das subvencións previstas nesta orde.

Igualmente, deléganse as facultades para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolución de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Tamén se delega na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para formalizar os convenios de colaboración coas entidades colaboradoras.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír os procedementos de adhesión de entidades colaboradoras e de concesión das subvencións. Como tal, correspóndelle o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá designar unha persoa que substitúa a anterior en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria

Contra esta orde poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade colaboradora [NOME DA ENTIDADE COLABORADORA] para a xestión das axudas para a realización dos cursos dirixidos á obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D

Na data da sinatura dixital,

Dunha parte, a directora xeral de Mobilidade en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire a disposición adicional primeira da Orde do DÍA de MES de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

Da outra parte, [NOME APELIDOS], con NIF [Nº NIF], actuando en nome e representación da entidade [NOME DA ENTIDADE COLABORADORA], con NIF/CIF [Nº NIF/CIF], debidamente facultado/a para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que a Orde do DÍA de MES de 2025 establece as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025.

II. Que, consonte a dita orde, procede a realización dunha selección de entidades colaboradoras para a xestión das ditas axudas. Estas entidades colaboradoras actuarán de enlace entre a Dirección Xeral de Mobilidade e as persoas beneficiarias das axudas que se convocan para fomentar a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral.

III. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir este convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade [NOME DA ENTIDADE COLABORADORA] para xestionar as axudas convocadas na Orde do DÍA de MES de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

A colaboración establécese para xestionar a/s actuación/s «Axudas para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de «ampliación ou promoción»» e/ou «Axudas para a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E».

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade [NOME DA ENTIDADE COLABORADORA] é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 7 das bases reguladoras para a concesión de subvencións. Esta entidade acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas nas ditas bases reguladoras.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 28 de febreiro de 2026.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora está obrigada, ademais de ao establecido no artigo 8 da Orde que establece as bases reguladoras, e sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión, ante a Dirección Xeral de Mobilidade, das axudas das persoas beneficiarias.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de persoa beneficiaria, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas das persoas beneficiarias e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións, tal e como se recolle na orde que establece as bases reguladoras.

–Impartir os cursos necesarios para a obtención da cualificación inicial, tanto ordinaria como acelerada, ou para a obtención do CAP na modalidade de «ampliación ou promoción», de conformidade co establecido no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, así como impartir a formación e as prácticas correspondentes para a obtención dos permisos de condución C e/ou D.

– Comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos subministrados.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, e as normas que o desenvolvan.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Estar ao día no pagamento das obrigas á Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como á Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

– Coñecer o Plan específico de prevención de riscos e medidas antifraude da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, aprobado o 21 de outubro de 2024, e aplicar aquelas medidas antifraude que sexan eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 10.2.l) das bases reguladoras das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Ter o domicilio social ou algunha sucursal aberta na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Posuír a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 7.3 das bases reguladoras das axudas.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e a Dirección Xeral de Mobilidade, segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non se está incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora, recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que lle comunicará á Dirección Xeral de Mobilidade calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor das axudas para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigas cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas da Dirección Xeral de Mobilidade

– Facilitarlle á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispor na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade) dunha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicarlle á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos das persoas beneficiarias

A documentación xustificativa que deberán presentar as persoas beneficiarias das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes poderá presentarse xunto coa solicitude ou nun momento posterior. En todo caso, a data límite para presentar a dita documentación xustificativa é o 30 de novembro de 2025.

A entidade colaboradora está obrigada a requirirlles ás persoas beneficiarias a documentación establecida nas bases reguladoras das axudas, así como a comprobar esta e a gardar a mencionada documentación durante un período de dous anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro Especial de Operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará ao dispor da Dirección Xeral de Mobilidade e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen as persoas beneficiarias.

Novena. Requisitos da entidade e das persoas beneficiarias

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican na orde que establece as bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

As persoas beneficiarias xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma previstos nas bases reguladoras das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, nos artigos da Orde das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, e a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se, no curso das verificacións que realizará a Dirección Xeral de Mobilidade, se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

Este convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e co cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

A Dirección Xeral de Mobilidade

A entidade colaboradora