BDNS (Identif.): 851573.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/851573
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Serán beneficiarias as entidades locais que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas no artigo 1 das bases da convocatoria e que comprendan programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables.
2. Enténdense incluídas no número anterior as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, de acordo co título III da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.
Non obstante o anterior e con relación a aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este criterio cando as persoas usuarias participantes do programa estean empadroadas nun único concello dos integrantes da devandita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.
3. En calquera caso, as entidades locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Aquelas entidades locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada, segundo as seguintes regras:
1º. Para os concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 150 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior, deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.
2º. Para os consorcios locais, as mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter 200 persoas inmigrantes empadroadas.
O dito cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución desta convocatoria.
c) As entidades locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer, para o seu termo municipal, doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, agás que o contido do programa solicitado inclúa só o servizo independente de reforzo socioeducativo para menores.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
4. As entidades solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, excepto a porcentaxe de poboación inmigrante empadroada sobre a poboación total empadroada.
Segundo. Obxecto
O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal durante os exercicios 2025, 2026 e 2027, que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS623C).
Cuarto. Importe
1. O crédito total destinado ás actuacións ascende á cantidade de oito millóns corenta e tres mil trescentos setenta euros (8.043.370 €), distribuído para os anos 2025, 2026 e 2027 como se indica:
|
Aplicacións orzamentarias |
2025 |
2026 |
2027 |
Total |
|
08.03.312C.460.0 |
279.370,00 € |
500.000,00 € |
210.000,00 € |
989.370,00 € |
|
08.03.313C.460.1 |
400.000,00 € |
680.000,00 € |
280.000,00 € |
1.360.000,00 € |
|
08.03.313C.460.2 |
1.689.000,00 € |
2.830.000,00 € |
1.175.000,00 € |
5.694.000,00 € |
|
Total |
2.368.370,00 € |
4.010.000,00 € |
1.665.000,00 € |
8.043.370,00 € |
Estas partidas están cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 %, a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivos específicos ESO 4.8.: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular, para os colectivos desfavorecidos; medidas 2.H.04: mellora da inclusión sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social a través de itinerarios integrados e personalizados de inserción que abarcan medidas de distintos ámbitos; ESO 4.9.: promover a integración socioeconómica dos nacionais de terceiros países, incluídos os inmigrantes; medida 2.I.01: itinerarios ou programas de inserción sociolaboral que combinen varias medidas dirixidos a migrantes, e ESO4.10.: promover a integración socioeconómica das comunidades marxinadas, como os xitanos; medida 2.J.01: realización de accións individualizadas de formación e acompañamento social dirixidas de forma específica, non exclusiva, á poboación xitana, respectivamente, distribuídos nas seguintes liñas:
|
Liñas de financiamento |
Ano 2025 (€) |
Ano 2026 (€) |
Ano 2027 (€) |
Total (€) |
|
Programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana |
400.000,00 |
680.000,00 |
280.000,00 |
1.360.000,00 |
|
Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante |
279.370,00 |
500.000,00 |
210.000,00 |
989.370,00 |
|
Programas dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social |
650.000,00 |
1.100.000,00 |
455.000,00 |
2.205.000,00 |
|
Programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos a familias en situación ou risco de exclusión social |
729.000,00 |
1.200.000,00 |
500.000,00 |
2.429.000,00 |
|
Programas dirixidos a persoas sen fogar |
310.000,00 |
530.000,00 |
220.000,00 |
1.060.000,00 |
|
Total |
2.368.370,00 |
4.010.000,00 |
1.665.000,00 |
8.043.370,00 |
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
