O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de maio de 2025, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Corporación de Servizos Audiovisuais e Galicia, S.A.
En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Corporación de Servizos Audiovisuais e Galicia, S.A.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio
ANEXO
Estatutos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, Sociedade Anónima
ÍNDICE
Título I. Denominación, obxecto, domicilio e duración
Artigo 1. Constitución e denominación
Artigo 2. Réxime xurídico
Artigo 3. Obxecto social
Artigo 4. Duración
Artigo 5. Domicilio social
Artigo 6. Estrutura da Corporación
Artigo 7. Cooperación.
Título II. Capital social
Artigo 8. Capital social
Título III. Órganos da CSAG
Artigo 9. Órganos da CSAG
Sección 1ª. O Consello de Administración
Artigo 10. Definición e composición
Artigo 11. Elección e nomeamento dos membros do Consello de Administración
Artigo 12. Experiencia profesional acreditada e prestixio recoñecido
Artigo 13. Duración do cargo de membro do Consello de Administración
Artigo 14. Cesamento do cargo de membro do Consello de Administración
Artigo 15. Estatuto persoal
Artigo 16. Competencias e funcións do Consello de Administración
Artigo 17. Presidencia do Consello de Administración
Artigo 18. Secretaría do Consello de Administración
Artigo 19. Funcionamento
Artigo 20. A Comisión de Economía e Control.
Sección 2ª. A directora ou o director xeral
Artigo 21. Definición, elección e nomeamento
Artigo 22. Duración do mandato
Artigo 23. Cesamento
Artigo 24. Estatuto persoal da directora ou director xeral
Artigo 25. Competencias e funcións
Artigo 26. Delegación de funcións
Sección 3ª. Outros órganos estatutarios
Artigo 27. A Xunta Xeral
Artigo 28. Clases de xunta xeral
Artigo 29. A Xunta Universal
Artigo 30. Da convocatoria
Artigo 31. Constitución
Sección 4ª. Outros órganos previstos legalmente. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional
Artigo 32. Definición
Artigo 33. Composición
Artigo 34. Funcións
Artigo 35. Réxime de funcionamento
Título IV. Réxime de persoal
Artigo 36. Membros do Consello de Administración
Artigo 37. Persoal de alta dirección e persoal directivo profesional
Artigo 38. Persoal laboral
Artigo 39. Persoal de natureza artística
Artigo 40. Funcións en materia de persoal
Título V. Réxime económico
Sección 1ª. Financiamento, contabilidade e réxime orzamentario
Artigo 41. Sistema de financiamento
Artigo 42. Recurso ao endebedamento
Artigo 43. Separación estrutural de actividades e sistema de contabilidade analítica
Artigo 44. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro
Sección 2ª. Contas anuais
Artigo 45. Contas anuais e auditoría externa
Artigo 46. A formulación das contas anuais
Artigo 47. Dos auditores de contas
Artigo 48. Aprobación das contas anuais e aplicación de resultado
Título VI. Patrimonio, contratación e exercicio de accións
Sección 1ª. Patrimonio
Artigo 49. Patrimonio
Sección 2ª. Exercicio de accións
Artigo 50. Exercicio de accións
Título VII. Modificación de estatutos, transformación, fusión, escisión e disolución da CSAG
Artigo 51. Modificacións estruturais
Título VIII. Control externo
Artigo 52. Control parlamentario
Artigo 53. Control por parte da autoridade audiovisual
Artigo 54. Control por parte do Consello de Contas
TÍTULO I
Denominación, obxecto, domicilio e duración
Artigo 1. Constitución e denominación
Coa denominación Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (en diante, a CSAG) constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica de capital integramente participado pola Comunidade Autónoma de Galicia baixo a forma xurídica de sociedade anónima.
Artigo 2. Réxime xurídico
1. A CSAG rexerase, en primeiro lugar, pola Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, polos seus estatutos sociais e pola lexislación xeral da comunicación audiovisual. En segundo lugar, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e, na falta da normativa anterior, pola lexislación mercantil.
2. A CSAG gozará de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. Ademais, terá autonomía na súa xestión e actuará con independencia funcional respecto do Consello da Xunta e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Obxecto social
1. Constitúe o obxecto social da CSAG a prestación do servizo público de comunicación audiovisual nos termos previstos na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, así como todas aquelas actividades necesarias para o cumprimento da misión de servizo público ou que estean relacionadas coa comunicación audiovisual.
2. O seu obxecto social comprende a realización e, se é o caso, comercialización de toda actividade de produción, edición e difusión de canles de radio, televisión e servizos de información a través de programacións diversas dirixidas a todo tipo de público en todo tipo de soportes de comunicación, debendo satisfacer os intereses xerais e cubrir as máis diversas materias, así como a comercialización e venda dos seus produtos e servizos e dos seus espazos publicitarios; a distribución, venda e cesión a terceiros dos dereitos de explotación de producións ou obras audiovisuais; a edición de libros e soportes gravados de sons e vídeo, así como a distribución, venda e alugamento destes. A tal fin, a CSAG poderá utilizar as súas marcas de identidade Televisión de Galicia e Radio Galega.
Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) 6010 e 6020.
3. No desenvolvemento do seu obxecto social, a CSAG promoverá e difundirá a cultura e identidade de Galicia e contribuirá ao uso e coñecemento da lingua galega.
4. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, os contidos e os servizos de produción allea, sen prexuízo da posibilidade de utilizaren adicionalmente outras linguas cando así o xustificar a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da Comunidade Autónoma, en cumprimento da misión de servizo público definida na lei.
5. O galego será a lingua de uso habitual e preferente na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Artigo 4. Duración
A duración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia será indefinida.
Artigo 5. Domicilio social
1. A CSAG terá o seu domicilio social en San Marcos, s/n, Santiago de Compostela.
2. O Consello de Administración da CSAG está facultado para modificar o domicilio social.
3. Sen prexuízo do domicilio social da Corporación, a Dirección Xeral poderá establecer, modificar ou suprimir delegacións, correspondencias, oficinas, sucursais e axencias, representacións ou dependencias en calquera lugar, coa función, facultades e modalidades de funcionamento que determine.
Artigo 6. Estrutura da Corporación
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia deberá contar coa organización, a estrutura e os recursos humanos e económicos suficientes para asegurar o cumprimento da misión de servizo público definida na lei, incluídos os necesarios para garantir a provisión de programas, contidos e servizos territoriais.
2. Coa finalidade de cumprir co seu obxecto social, a CSAG poderá, logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, constituír ou participar no capital de toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil e cuxo obxecto social estea vinculado coas actividades e funcións daquela, incluídas as de servizo público. A adquisición ou perda da participación maioritaria da CSAG no capital social das devanditas sociedades requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as sociedades sobre as cales exerza o control, nos termos do artigo 42 do Código de comercio, non poden participar no capital social de prestadores do servizo de comunicación audiovisual de titularidade privada.
Artigo 7. Cooperación
Para cumprir mellor a misión de servizo público definida na lei, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode subscribir convenios de cooperación con outras entidades prestadoras do servizo público de comunicación audiovisual, coas administracións públicas e coas entidades vinculadas a estas ou dependentes delas.
TÍTULO II
Capital social
Artigo 8. Capital social
1. O capital social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, subscrito e desembolsado na súa integridade pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, fíxase na cantidade de 25.000.000 de euros (vinte e cinco millóns de euros), representado en vinte e cinco mil (25.000) accións dun valor nominal de 1.000 euros cada unha, numeradas da 1 á 25.000.
2. As accións en que se divide o capital social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia son transmisibles de conformidade co disposto no artigo 18.2 da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
3. A ampliación e diminución do capital social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia requirirá, así mesmo, acordo da Xunta Xeral, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia.
TÍTULO III
Órganos da CSAG
Artigo 9. Órganos da CSAG
1. Son órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia:
(i) O Consello de Administración.
(ii) O director ou directora xeral.
2. Os membros do Consello de Administración e a persoa titular da Dirección Xeral son nomeados seguindo procedementos transparentes, abertos, efectivos e non discriminatorios e mais criterios transparentes, obxectivos, non discriminatorios e proporcionados, de acordo co previsto na lei.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia contará cun Consello Asesor de Participación Social e Profesional, como órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados nela.
Sección 1ª. O Consello de Administración
Artigo 10. Definición e composición
1. O Consello de Administración é o órgano colexiado de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. O Consello de Administración componse de sete membros, dos cales un é a persoa titular da Dirección Xeral.
Artigo 11. Elección e nomeamento dos membros do Consello de Administración
1. Os membros do Consello de Administración distintos da persoa titular da Dirección Xeral son elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se non se acadar esta maioría, no prazo dun mes repetirase a votación e abondará para a elección unha maioría de tres quintos.
2. As persoas propostas a través dos grupos parlamentarios deben ter experiencia profesional acreditada e prestixio recoñecido, nos termos establecidos polo artigo seguinte. Do mesmo xeito, teranse en conta criterios de proporcionalidade e de pluralidade ideolóxica, política, social e cultural e garantirase o cumprimento do principio de composición ou presenza equilibrada de mulleres e homes, consonte a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. As persoas propostas a través dos grupos parlamentarios comparecerán perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia na forma que determina o Regulamento do Parlamento, co fin de se examinar a súa idoneidade para o cargo.
4. A Xunta Xeral da Sociedade nomeará os membros do Consello de Administración elixidos polo Parlamento de Galicia.
5. As vacantes no Consello de Administración serán cubertas na mesma forma prevista nos números anteriores e deberase respectar a pluralidade de orixe. O mandato dos novos membros terá unha duración equivalente ao tempo que lles quedar de mandato aos membros aos cales substitúen.
Artigo 12. Experiencia profesional acreditada e prestixio recoñecido
1. Para os efectos do disposto no artigo anterior, presúmese que unha persoa posúe unha experiencia profesional acreditada e un prestixio recoñecido para ser membro do Consello de Administración se reúne algún dos seguintes requisitos:
a) Ter desempeñado funcións de administración, de alta dirección, de control ou asesoramento ou funcións de similar responsabilidade en entidades públicas ou privadas.
b) Ter méritos relevantes de carácter profesional, docentes ou de investigación en ámbitos relacionados coa comunicación.
2. Na composición do Consello de Administración débese garantir a presenza de persoas que desempeñasen funcións de administración, de alta dirección, de control ou asesoramento ou funcións de similar responsabilidade en entidades públicas ou privadas e de persoas que teñan méritos relevantes de carácter profesional, docentes ou de investigación en ámbitos relacionados coa comunicación.
Artigo 13. Duración do cargo de membro do Consello de Administración
1. O mandato dos membros do Consello de Administración é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento.
2. O mandato é renovable por unha soa vez.
3. Despois de se esgotar o mandato, os membros do Consello de Administración continúan no exercicio das súas funcións ata a renovación no cargo ou ata a toma de posesión das persoas que os substitúan.
Artigo 14. Cesamento do cargo de membro do Consello de Administración
Os membros do Consello de Administración cesan no seu cargo polas seguintes causas:
a) Expiración do prazo do seu mandato.
b) Incapacidade permanente para o exercicio do cargo.
c) Renuncia expresa notificada formalmente ao Consello de Administración.
d) Defunción.
e) Inhabilitación para o emprego ou cargo público ou condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.
f) Incompatibilidade sobrevida.
g) Separación aprobada polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos, por proposta da Xunta Xeral da Sociedade, logo da instrución do correspondente expediente contraditorio por parte do Consello de Administración, por non desenvolver as súas funcións de acordo co establecido na lei e nas normas que a desenvolveren.
Artigo 15. Estatuto persoal
1. Os membros do Consello de Administración actúan no exercicio do seu cargo con plena independencia e neutralidade, sen poderen recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Consello da Xunta de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos, dos sindicatos ou doutras institucións ou entidades.
2. Os membros do Consello de Administración exercen as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil e axustan a súa actuación aos principios de legalidade, de obxectividade e de bo goberno.
3. Os membros do Consello de Administración terán dedicación exclusiva e estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. En todo caso, a condición de membro do Consello de Administración é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. Os membros do Consello de Administración non poden ter intereses directos nin indirectos en empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de comunicación corporativa, de produción ou distribución de películas cinematográficas, discográficas ou de programas filmados ou gravados en calquera tipo de soporte ou medio tecnolóxico nin en ningún tipo de entidade relacionada coa subministración ou a dotación de material, de servizos ou de programas á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Artigo 16. Competencias e funcións do Consello de Administración
Sen prexuízo das funcións que lle corresponden de conformidade coa lexislación mercantil, ao Consello de Administración correspóndenlle as seguintes competencias e funcións:
a) Aprobar a organización básica da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
b) Aprobar a creación das comisións de participación, asesoramento e control interno do propio Consello. En todo caso, o Consello de Administración constituirá no seu seo unha comisión de economía e control.
c) Aprobar o regulamento interno e as demais normas de funcionamento do propio Consello.
d) Resolver as solicitudes de autorización ou de recoñecemento de compatibilidade dos membros do Consello de Administración, excluída a persoa interesada, logo do informe da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Aprobar as directrices básicas en materia de persoal e os instrumentos de ordenación do persoal e as súas modificacións.
f) Nomear o persoal directivo designado pola persoa titular da Dirección Xeral e formalizar o seu cesamento, no suposto de destitución por parte daquela.
g) Elaborar e aprobar os criterios reitores da dirección editorial da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
h) Aprobar, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral, o plan xeral de actuación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
i) Aprobar o programa de actuacións, investimentos e financiamento e os anteproxectos de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia elaborados pola persoa titular da Dirección Xeral, así como formular as contas anuais.
j) Aprobar, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral, o informe anual sobre a xestión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e sobre o cumprimento da misión de servizo público definida na lei, para a súa remisión á autoridade audiovisual competente.
k) Aprobar as normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, logo de oír as organizacións sindicais representativas e o Consello Asesor de Participación Social e Profesional, así como o procedemento para elixir a representación neste das persoas profesionais dos devanditos medios.
l) Elaborar e aprobar as normas reguladoras da emisión de publicidade, tendo en conta os criterios de autorregulación do sector, ademais da normativa de protección da saúde das persoas menores de idade e de prevención das condutas adictivas.
m) Velar polo cumprimento da misión de servizo público definida na lei, nos termos establecidos polo mandato estratéxico e polo contrato plurianual de xestión.
n) En xeral, as facultades indelegables que lle corresponden ao consello de administración das sociedades de capital consonte a lexislación mercantil.
ñ) As demais que lle atribúan expresamente esta lei ou estes estatutos sociais.
Artigo 17. Presidencia do Consello de Administración
1. A Presidencia do Consello de Administración é exercida por un dos seus membros, excluída a persoa titular da Dirección Xeral, de acordo coa orde rotatoria que estableza o propio Consello, por períodos de seis meses.
2. Correspóndelle á Presidencia do Consello de Administración acordar a convocatoria das sesións do órgano, fixar a orde do día de acordo coa Dirección Xeral e presidir as sesións, moderando o desenvolvemento dos debates, nos termos que dispoña o regulamento interno e as demais normas de funcionamento do Consello de Administración.
Alén diso, a Presidencia coordina o funcionamento do Consello de Administración coa Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
3. A persoa titular da Presidencia do Consello de Administración non exercerá funcións de representación nin de dirección executiva da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que corresponden exclusivamente á persoa titular da Dirección Xeral.
Artigo 18. Secretaría do Consello de Administración
1. A Secretaría do Consello de Administración é exercida por unha persoa con titulación universitaria en Dereito, que non pode ter a condición de membro do Consello de Administración e asiste ás reunións deste con voz mais sen voto.
2. A designación e a destitución da persoa titular da Secretaría correspóndelle ao Consello de Administración, así como a súa substitución temporal nos supostos de vacante, de ausencia ou de enfermidade, consonte o que establezan estes estatutos sociais.
3. Correspóndenlle á Secretaría do Consello de Administración as funcións que lle atribúan estes estatutos sociais e, en todo caso, efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da Presidencia, preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións e expedir as certificacións dos acordos aprobados, co visto e prace da Presidencia, e asesorar en dereito o órgano.
4. A persoa titular da Secretaría está suxeita ao estatuto persoal establecido para os membros do Consello de Administración no artigo 29 da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, agás o previsto no seu número 3.
5. O Consello de Administración fixará as retribucións e o sistema de contratación da persoa titular da Secretaría cando esta non pertenza ao cadro de persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. No caso de pertencer ao devandito cadro de persoal, o Consello fixará a retribución que lle corresponda pola realización das funcións inherentes ao cargo.
Artigo 19. Funcionamento
1. O Consello de Administración reúnese en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao mes e en sesión extraordinaria cando o soliciten a persoa titular da Dirección Xeral ou unha terceira parte dos seus membros.
2. Para a constitución válida do Consello de Administración, para os efectos de realizar sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría, ou, de ser o caso, das que as substitúan, e mais da metade, polo menos, dos demais membros do órgano.
3. Os acordos do Consello de Administración son adoptados por maioría de votos, agás que estes estatutos sociais ou a lexislación mercantil establezan outra cousa. O voto da persoa titular da Dirección Xeral terá carácter dirimente cando se produciren empates nas votacións.
Artigo 20. A Comisión de Economía e Control
1. No seo do Consello de Administración crearase unha comisión de economía e control que será formada na primeira sesión do Consello de Administración e se comporá por 3 membros. Os membros da Comisión de Economía e Control desempeñarán o seu cargo por un período de tres anos e cesarán cando o fagan na súa condición de conselleiros/as ou cando así o acorde o Consello de Administración ou polo transcurso do prazo establecido para o desempeño do seu cargo.
2. Será competencia da Comisión de Economía e Control o seguimento do estado financeiro da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, así como o estrito cumprimento do servizo público para o que foi creada. Para iso, poderá recadar canta información considere necesaria para poder exercer as súas funcións.
3. En particular, a Comisión de Economía e Control terá como mínimo as seguintes competencias:
a) Supervisar as contas anuais e o estado de información non financeiro (EINF) de cada exercicio e formular as observacións que considere axeitadas.
b) Supervisar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
c) Analizar as liñas xerais de asignación orzamentaria de cada exercicio e os criterios utilizados para a súa elaboración.
d) Supervisar os plans financeiros plurianuais.
e) Realizar un seguimento e análise da xestión e evolución da execución orzamentaria.
f) Efectuar o seguimento da evolución dos ingresos comerciais.
g) Supervisar, con carácter trimestral, a posición financeira da Corporación.
4. O funcionamento da Comisión de Economía e Control fixarase no regulamento de funcionamento que aprobe o Consello de Administración. En todo caso, a Comisión de Economía e Control reunirase cunha periodicidade, polo menos, trimestral, e cada vez que o convoque o seu presidente/a, que será elixido/a polo Consello de Administración na súa primeira sesión.
Sección 2ª. A directora ou o director xeral
Artigo 21. Definición, elección e nomeamento
1. A Dirección Xeral exerce de forma permanente as funcións de goberno, administración e representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia que lle atribúen a lei e estes estatutos sociais.
2. A persoa titular da Dirección Xeral é elixida polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se non se acadar esta maioría, no prazo dun mes poderase repetir a votación e abondará para a elección unha maioría de tres quintos.
3. A candidatura a titular da Dirección Xeral é formulada pola comisión parlamentaria correspondente, na forma que determine o Regulamento do Parlamento, entre persoas que teñan formación acreditada de nivel de educación superior, coñecementos e competencias profesionais, prestixio recoñecido e experiencia en xestión empresarial, administración ou investigación científica na actividade da comunicación audiovisual e no goberno corporativo.
4. A persoa proposta comparecerá perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia, co fin de se examinar a súa idoneidade para o cargo.
5. O Consello de Administración nomeará a persoa titular da Dirección Xeral na primeira sesión que realice, logo da elección desta por parte do Parlamento de Galicia.
Artigo 22. Duración do mandato
1. O mandato da persoa titular da Dirección Xeral é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento, e ten carácter renovable.
2. Despois de se esgotar o mandato, a persoa titular da Dirección Xeral continúa no exercicio das súas funcións ata a renovación no cargo ou ata a toma de posesión da persoa que a substitúa.
Artigo 23. Cesamento
1. A persoa titular da Dirección Xeral cesa no seu cargo polas seguintes causas:
a) Expiración do prazo do seu mandato.
b) Incapacidade permanente para o exercicio do cargo.
c) Renuncia expresa notificada formalmente ao Consello de Administración.
d) Defunción.
e) Inhabilitación para o emprego ou cargo público ou condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.
f) Incompatibilidade sobrevida.
g) Separación aprobada polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos, por proposta da Xunta Xeral da Sociedade ou do Consello de Administración, logo da instrución do correspondente expediente contraditorio, por non desempeñar as súas funcións de acordo co establecido nesta lei e nas normas que a desenvolveren.
2. Alén diso, a persoa titular da Dirección Xeral será separada do seu cargo polo Consello de Administración cando, logo da liquidación do orzamento anual da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, se constatar a concorrencia dalgunha das seguintes circunstancias por causas imputables á súa xestión:
a) Un empeoramento do resultado orzado cunha desviación igual ou superior ao dez por cento da compensación pola prestación do servizo público de comunicación audiovisual.
b) A existencia dunha desviación orzamentaria por exceso igual ou superior ao dez por cento das cifras aprobadas para o total das dotacións tanto do orzamento de explotación coma do orzamento do capital, excluídos do cómputo do primeiro os impostos e os resultados e do cómputo do segundo a variación do capital circulante.
Artigo 24. Estatuto persoal da directora ou director xeral
1. A persoa titular da Dirección Xeral actúa no exercicio do seu cargo con plena independencia e neutralidade, sen poder recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Consello da Xunta de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos, dos sindicatos ou doutras institucións ou entidades.
2. A persoa titular da Dirección Xeral exerce as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil e axusta a súa actuación aos principios de legalidade, de obxectividade e de bo goberno.
3. A persoa titular da Dirección Xeral terá dedicación exclusiva e estará suxeita ao réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. En todo caso, a condición de persoa titular da Dirección Xeral é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. A persoa titular da Dirección Xeral non pode ter intereses directos nin indirectos en empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de comunicación corporativa, de produción ou distribución de películas cinematográficas, discográficas ou de programas filmados ou gravados en calquera tipo de soporte ou medio tecnolóxico nin en calquera tipo de entidade relacionada coa subministración ou dotación de material, servizos ou programas á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Artigo 25. Competencias e funcións
1. A persoa titular da Dirección Xeral representa a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e desempeña a súa dirección executiva. Ademais, correspóndenlle as seguintes competencias e funcións:
a) Adoptar e executar cantos actos, actuacións ou decisións sexan necesarios para o desempeño da dirección executiva da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
b) Elaborar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
c) Actuar como órgano de contratación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
d) Autorizar os pagamentos e os gastos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
e) Aprobar a estrutura organizativa da Dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as súas modificacións.
f) Exercer a xefatura superior do persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e desenvolver as directrices básicas do Consello de Administración en materia de persoal.
g) Designar e destituír o persoal directivo de acordo co previsto na Lei 1/2025, do 14 marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, e nestes estatutos sociais.
h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
i) Ditar as disposicións, as instrucións e as circulares relativas ao funcionamento da organización interna.
j) Propor, para ser sometido á Xunta Xeral da Sociedade, o nomeamento dos auditores de contas ou das sociedades de auditoría.
k) Asinar o contrato plurianual de xestión convido baixo as directrices do mandato estratéxico.
l) Establecer as directrices oportunas para que os programas, os contidos e os servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia cumpran a misión de servizo público definida na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, nos termos establecidos polo mandato estratéxico e polo contrato plurianual de xestión.
m) Cumprir e facer cumprir a lei e os acordos do Consello de Administración.
n) As demais funcións de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia non atribuídas expresamente a outros órganos pola Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, por estes estatutos sociais ou pola lexislación mercantil.
2. As dúbidas que no transcurso da actividade da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia poidan xurdir respecto da atribución dunha competencia ao Consello de Administración ou á Dirección Xeral resolveranse sempre a favor desta última.
Artigo 26. Delegación de funcións
A directora ou o director xeral da CSAG poderán delegar e apoderar as funcións que teñen atribuídas en persoal desta.
Sección 3ª. Outros órganos estatutarios
Artigo 27. A Xunta Xeral
A Xunta Xeral será o órgano supremo de expresión da vontade social. Corresponderanlle as funcións que especificamente lle confire a normativa mercantil respectando sempre as especialidades contidas para este órgano na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
Artigo 28. Clases de xunta xeral
1. A Xunta Xeral de Accionistas ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio e ten como finalidade a aprobación da xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado. A realización da Xunta Xeral de Accionistas ordinaria fóra do prazo establecido non afectará a súa validez.
2. A xunta xeral que non estea prevista no número anterior terá a consideración de Xunta Xeral de Accionistas extraordinaria.
Artigo 29. A Xunta Universal
Entenderase que a Xunta Xeral foi debidamente convocada e procederase á súa realización no caso de que se encontre presente todo o capital social e se acorde por unanimidade a realización desta.
Artigo 30. Da convocatoria
1. A Xunta Xeral será convocada polo Consello de Administración para a súa realización dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio.
2. O Consello de Administración convocará, así mesmo, a Xunta Xeral sempre que o considere necesario ou conveniente e, en todo caso, cando o solicite o socio único.
Artigo 31. Constitución
A Xunta quedará validamente constituída cando se cumpra o quórum previsto na lei, salvo o establecido para o caso da Xunta Universal.
Sección 4ª. Outros órganos previstos legalmente. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional
Artigo 32. Definición
O Consello Asesor de Participación Social e Profesional é o órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que ten como finalidade contribuír a fortalecer a participación, así como a calidade, a profesionalidade e a independencia da información e, en xeral, dos programas, os contidos e os servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 33. Composición
1. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional está composto por quince membros, segundo a seguinte distribución, en que se garantirá o cumprimento do principio de composición ou presenza equilibrada de mulleres e homes, conforme a Lei 7/2023, do 30 de novembro:
a) Nove membros en representación dos sectores da cultura, a ciencia e a tecnoloxía, a educación e a sanidade, das entidades locais, das organizacións de persoas consumidoras e usuarias, das organizacións de persoas con discapacidade e das organizacións profesionais do sector audiovisual e da comunicación, elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos ou, de non se acadar esta, por maioría de tres quintos en segunda votación, dentro da mesma sesión plenaria.
b) Tres membros en representación dos sectores das industrias culturais e do audiovisual, a lingua e as tecnoloxías e redes de comunicación, designados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta dos órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competentes en tales materias.
c) Dous membros en representación das persoas profesionais dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, elixidos polo procedemento que establecer o Consello de Administración.
d) A persoa titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. O mandato dos membros do Consello Asesor de Participación Social e Profesional, exceptuada a persoa titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, é de dous anos, renovable por unha soa vez. Após se esgotar o mandato, os membros continúan en funcións ata a renovación no cargo ou ata o nomeamento das persoas que os substitúan.
3. Os membros do Consello Asesor de Participación Social e Profesional non terán dedicación exclusiva ao cargo nin percibirán remuneracións polo exercicio deste, sen prexuízo das indemnizacións que corresponderen pola asistencia ás súas sesións.
4. En todo caso, a condición de membro do Consello Asesor de Participación Social e Profesional é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política, agás nas entidades locais.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional contará cunha presidenta ou un presidente elixido de entre os seus membros por maioría absoluta, que exercerá as funcións inherentes á presidencia dun órgano colexiado. A Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia proporá un membro do seu persoal con cualificación suficiente para que actúe como secretario do órgano, con voz mais sen voto.
Artigo 34. Funcións
1. Correspóndelle ao Consello Asesor de Participación Social e Profesional velar pola riqueza do pluralismo do discurso público democrático, pola diversidade de opinións e pola participación proporcionada a prol da formación da opinión pública galega, así como pola calidade, a profesionalidade, a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a independencia dos contidos difundidos polos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para cumprir as funcións previstas no número anterior, a persoa titular da Dirección Xeral informará o Consello Asesor de Participación Social e Profesional sobre as seguintes materias:
a) Os criterios e as medidas que garantan o dereito de acceso e participación dos grupos sociais e políticos significativos en función da súa relevancia, a súa representatividade e o seu ámbito de actuación.
b) As liñas de programación dos contidos de información, formación e entretemento, segundo os principios de prestación do servizo público de comunicación audiovisual recollidos na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, e as medidas e iniciativas que puideren contribuír a mellorar a súa calidade.
c) O desenvolvemento de accións de alfabetización mediática e dixital, de accesibilidade e posta en valor dos servizos públicos de comunicación audiovisual na sociedade dixital, de protección dos dereitos individuais e dixitais fronte ao odio, a violencia e a desigualdade e de uso responsable dos datos e das redes.
d) As actividades de sustentabilidade social empresarial desenvolvidas pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
e) As pautas e as medidas de protección dos dereitos das persoas menores de idade nos contidos dos servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia sobre a involucración en situacións de risco, violencia, vulnerabilidade, trastornos alimentarios, condutas adictivas, acoso e ciberacoso.
f) As estratexias e os medios de promoción da innovación da dixitalización, da introdución responsable da intelixencia artificial e da colaboración coas institucións públicas e as empresas de Galicia sobre servizos converxentes da internet das cousas.
g) O fomento dos principios e os valores promovidos pola Declaración europea sobre os dereitos e principios dixitais para a década dixital no que corresponda ao marco dos programas estratéxicos e os contratos plurianuais de xestión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
h) O desenvolvemento das novas capacidades de difusión de contidos multilingües que permitan as redes globais e as tecnoloxías da información e a comunicación, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da Comunidade Autónoma, en cumprimento da misión de servizo público definida na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
i) As normas e as actividades de autorregulación e corregulación internas e externas que promova ou nas cales participe a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
j) Calquera outra materia en que o Consello de Administración ou a Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia requiran do asesoramento do órgano.
Artigo 35. Réxime de funcionamento
1. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional aprobará un regulamento de réxime interno.
2. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional reúnese de forma ordinaria unha vez cada catro meses e con carácter extraordinario cando o solicite a maioría dos seus membros.
3. Os acordos do órgano son adoptados mediante o voto da maioría absoluta dos seus membros.
4. A Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia proporcionará o apoio material que o Consello Asesor de Participación Social e Profesional precise para o desenvolvemento das súas funcións.
TÍTULO IV
Réxime de persoal
Artigo 36. Membros do Consello de Administración
1. Os membros do Consello de Administración, incluída a persoa titular da Dirección Xeral, vincúlanse á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia por unha relación mercantil, sen prexuízo das especialidades establecidas na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
2. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, aproba as retribucións que lles corresponde percibir á persoa titular da Dirección Xeral e aos demais membros do Consello de Administración. Estas cantidades intégranse no orzamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e, polo tanto, nos termos en que proceda, na lei de orzamentos que o Parlamento de Galicia aprobe cada ano.
Artigo 37. Persoal de alta dirección e persoal directivo profesional
1. Terá a consideración de persoal de alta dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia o persoal desta que cumpra os requisitos establecidos no artigo 1.2 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección. Este persoal rexerase polo establecido na indicada normativa laboral. A súa selección efectuarase con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia, mérito e capacidade entre persoas que demostren a súa cualificación profesional.
2. Terá a consideración de persoal directivo profesional da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia o persoal desta que desempeñe postos de traballo definidos como tales na estrutura directiva da entidade aprobada pola persoa titular da Dirección Xeral, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica, complexidade ou relevancia das funcións xerenciais ou de dirección e coordinación asignadas a eles.
3. A selección do persoal directivo profesional efectuarase mediante unha convocatoria pública, de acordo cos principios de concorrencia, mérito e capacidade, entre o persoal laboral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ou outras persoas que cumpran os requisitos necesarios para participaren na convocatoria. A súa designación efectuarase tras a apreciación discrecional por parte do órgano competente da idoneidade das persoas candidatas en relación cos requisitos exixidos para desempeñar o posto. O persoal directivo profesional da Corporación de Servizos Audiovisuais terá a condición de persoal directivo para os efectos do establecido no artigo 1.4 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección.
4. O persoal directivo profesional estará suxeito a avaliación periódica consonte os criterios de eficacia e eficiencia, de responsabilidade pola súa xestión e de control de resultados en relación cos obxectivos que lle sexan fixados. O cesamento nos postos directivos producirase por causas obxectivas vinculadas a unha avaliación negativa do desempeño, á perda da confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, apreciadas polo órgano superior xerárquico do cal a persoa directiva dependa directamente. Os contratos que se formalicen farán referencia a estas circunstancias e incluirán expresamente as causas de extinción expresadas como condicións resolutorias do contrato.
5. As condicións retributivas do persoal recollido neste artigo serán as establecidas no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, ou na norma que o substitúa.
Artigo 38. Persoal laboral
1. O persoal ao servizo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxese:
a) Polas disposicións aplicables do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
b) Polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e as demais normas de dereito laboral.
c) Polos convenios colectivos.
d) Polo correspondente contrato de traballo.
2. No tocante á selección e á contratación, tamén son aplicables as disposicións relativas ás sociedades mercantís públicas autonómicas recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
3. A contratación do persoal laboral fixo realizarase conforme os principios de igualdade, de mérito, de capacidade e de publicidade, mediante procesos selectivos convocados pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia no marco do que estableza a lexislación básica en materia de reposición de efectivos de persoal nas entidades do sector público e a que aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento desta.
Artigo 39. Persoal de natureza artística
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode subscribir contratos ao abeiro da normativa que regula a relación especial de traballo das persoas artistas en espectáculos públicos á cal se refire a alínea e) do número 1 do artigo 2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
Artigo 40. Funcións en materia de persoal
Correspóndelle ao Consello de Administración:
a) Aprobar a organización básica da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
b) A aprobación das directrices básicas en materia de persoal.
c) A aprobación dos instrumentos de ordenación de persoal e as súas modificacións.
d) Nomear o persoal directivo designado pola persoa titular da Dirección Xeral e formalizar o seu cesamento, no suposto de destitución por parte daquela
2. Correspóndelle á directora ou director xeral:
a) Designar e destituír o persoal directivo de acordo co previsto na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, e nestes estatutos sociais.
b) Exercer a xefatura superior do persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e desenvolver as directrices básicas do Consello de Administración en materia de persoal.
c) Aprobar a estrutura organizativa da dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as súas modificacións.
d) A convocatoria e resolución de probas selectivas e a aprobación das bases destas.
e) A convocatoria e resolución dos concursos de traslados
f) O exercicio das facultades disciplinarias.
g) A provisión dos contratos do persoal excluído da aplicación do convenio colectivo.
h) Ditar as disposicións, as instrucións e as circulares relativas ao funcionamento da organización interna.
i) O impulso da formación profesional dos traballadores.
O/a director/a xeral poderá delegar ou apoderar o exercicio destas funcións no directivo con competencia en materia de recursos humanos.
TÍTULO V
Réxime económico
Sección 1ª. Financiamento, contabilidade e réxime orzamentario
Artigo 41. Sistema de financiamento
1. O sistema de financiamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia dotaraa dos recursos económicos que lle permitan cumprir a misión de servizo público definida na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, dun xeito eficaz. Alén diso, respectará os principios seguintes:
a) Compatibilidade coa normativa vixente en materia de competencia, en especial coa normativa de axudas de Estado.
b) Garantía de estabilidade orzamentaria para o cumprimento efectivo das funcións de servizo público.
c) Sostemento exclusivo de actividades e contidos relacionados coa función de servizo público.
2. O financiamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia baséase nun sistema mixto conformado pola percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade.
3. As compensacións polo cumprimento das obrigas de servizo público consígnanse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas compensacións teñen carácter anual e non poden superar o custo neto do servizo público prestado no correspondente exercicio orzamentario, entendéndose por tal a diferenza entre os custos totais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e os seus outros ingresos distintos das compensacións.
Se no pechamento dun exercicio se constatar que a compensación supera o custo neto en que se incorreu nese período, o importe en exceso minorarase da compensación orzada para o exercicio seguinte a aquel en que se producise o exceso.
4. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia non pode utilizar a compensación pública para baixar inxustificadamente os prezos da súa oferta comercial e de servizos nin para presentar ofertas desproporcionadamente elevadas fronte a competidores privados por dereitos de emisión sobre contidos no mercado audiovisual.
Artigo 42. Recurso ao endebedamento
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e calquera outra sociedade na cal posúa, directa ou indirectamente, a maioría do capital social só poden realizar operacións de crédito, na medida e cos límites máximos establecidos na normativa vixente, para financiar os seus investimentos en inmobilizado material e inmaterial e para atender necesidades transitorias de tesouraría.
2. Os límites do endebedamento quedan fixados, para cada exercicio, na lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano.
Artigo 43. Separación estrutural de actividades e sistema de contabilidade analítica
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia procederá progresivamente á separación estrutural das súas actividades para garantir os prezos de transferencia e o respecto das condicións de mercado, de conformidade coa Lei 4/2007, do 3 de abril, de transparencia das relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas, e de transparencia financeira de determinadas empresas.
2. Co fin de cuantificar o custo neto do servizo público, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia disporá de separación de contas por actividades e contará cun sistema de contabilidade analítica que separe a imputación de ingresos e custos da actividade de servizo público dos contidos comerciais e das restantes actividades.
Artigo 44. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro
1. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia sométese ao establecido no número 3 do artigo 103 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nas demais disposicións que lle sexan aplicables, así como ás previsións da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
2. Xunto cos orzamentos de explotación e capital, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia remitirá unha memoria da avaliación económica do investimento ou dos investimentos que vaian iniciarse no exercicio, así como a expresión dos obxectivos que se pretendan acadar nel.
Sección 2ª. Contas anuais
Artigo 45. Contas anuais e auditoría externa
1. Sen prexuízo do sinalado na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, as contas anuais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxense polos principios e as normas de contabilidade recollidos no plan xeral contable e son revisadas por persoas auditoras de contas de acordo co disposto na lexislación mercantil.
2. As contas anuais son formuladas polo Consello de Administración e son sometidas, xunto coa proposta de distribución de resultados, á aprobación da Xunta Xeral da Sociedade, consonte a lexislación mercantil. Após seren aprobadas, serán remitidas ao Parlamento de Galicia para o seu coñecemento e a persoa titular da Dirección Xeral comparecerá perante a comisión de control parlamentario correspondente.
Artigo 46. A formulación das contas anuais
1. No prazo de tres meses desde o peche do exercicio social, os/as administradores/as da sociedade están obrigados a formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado, así como, se é o caso, as contas e o informe de xestión consolidados.
2. As contas anuais comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias, un estado que reflicta os cambios no patrimonio neto do exercicio, un estado de fluxos de efectivo e a memoria.
3. A memoria completará, ampliará e comentará o contido dos outros documentos que integran as contas anuais.
4. O informe de xestión terá que conter unha exposición fiel sobre a evolución dos negocios e a situación da sociedade, xunto cunha descrición dos principais riscos e incerteza a que se enfronta.
Artigo 47. Dos auditores de contas
1. As contas anuais, así como o informe de xestión serán en todo caso obxecto de revisión por auditores de contas nomeados de acordo co disposto na lei.
A Xunta Xeral disporá o necesario para o seu nomeamento e determinará no acordo que adopte para efecto o número de auditores e o período de tempo durante o cal exercerán as súas funcións, todo dentro dos límites e cos requisitos establecidos no artigo 264 da LSC e da normativa da contratación pública.
Artigo 48. Aprobación das contas anuais e aplicación de resultado
1. As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral de Accionistas. A Xunta Xeral de Accionistas resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio de acordo co balance aprobado.
2. En todo caso, unha cifra igual ao dez por cento do beneficio do exercicio destinarase á reserva legal ata que esta acade, polo menos, o vinte por cento do capital social.
3. A reserva legal, mentres non supere o límite indicado, só poderá destinarse á compensación de perdas no caso de que non existan outras reservas dispoñibles suficientes para este fin.
4. A distribución de dividendos ás accións ordinarias realizarase en proporción ao capital que fora desembolsado polos accionistas.
TÍTULO VI
Patrimonio, contratación e exercicio de accións
Sección 1ª. Patrimonio
Artigo 49. Patrimonio
1. Para cumprir cos seus fins, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia dispón dun patrimonio propio, distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens, dereitos e obrigas dos cales é titular.
2. Os bens e os dereitos do patrimonio da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia son, en todo caso, de dominio privado ou patrimoniais.
3. A xestión, a administración, a explotación e a disposición dos bens e os dereitos do patrimonio da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxense polo disposto na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, polas normas reguladoras do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e, supletoriamente, polas normas do dereito privado.
4. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia velará pola conservación e a custodia dos seus arquivos documentais e audiovisuais e, en particular, dos documentos e fondos que, de acordo coa normativa de patrimonio cultural, deban integrar o patrimonio documental e bibliográfico de Galicia, facilitando o acceso e o uso para fins de investigación e educativos. O Consello de Administración establecerá as condicións para o seu uso comercial.
Sección 2ª. Exercicio de accións
Artigo 50. Exercicio de accións
1. A CSAG poderá exercer todo tipo de accións en defensa dos seus dereitos en vía xudicial e administrativa, sen máis limitacións que as establecidas na lexislación vixente.
2. O asesoramento xurídico e a representación e defensa da Corporación corresponderá aos seus servizos xurídicos.
3. A Corporación poderá celebrar contratos de servizos xurídicos, para a mellor defensa dos seus dereitos e intereses e para o axeitado desenvolvemento dos fins que lle foron encomendados.
4. O exercicio de demandas en nome da CSAG require autorización previa da Dirección Xeral.
5. Non se require autorización previa para responder ás demandas ou para asumir a defensa nos xuízos correspondentes.
6. En casos de urxencia, o exercicio da acción pode ordenarse mediante decisión motivada dos servizos xurídicos da CSAG, por iniciativa do órgano de que se trate. Neste suposto, a resolución e o escrito polo que se iniciou a decisión xudicial poñeranse en coñecemento da directora ou do director xeral para a súa ratificación. A non ratificación da acción dará lugar a súa desistencia.
7. Os servizos xurídicos da CSAG interpoñerán os recursos contra as sentenzas ordinarias e os autos que sexan adversos a este, salvo que a directora ou o director xeral autoricen a non interposición.
TÍTULO VII
Modificación de estatutos, transformación, fusión, escisión e disolución da CSAG
Artigo 51. Modificacións estruturais
1. Nos casos de modificación estatutaria, transformación, fusión e escisión da CSAG requírese autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, logo de iniciativa da Dirección Xeral da CSAG.
No caso de modificacións estatutarias, esta autorización solicitarase con carácter previo á aprobación dos acordos sociais que deban adoptarse segundo a lexislación mercantil.
2. A disolución da CSAG requirirá o acordo favorable do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, oído o Parlamento de Galicia.
No caso de disolución da CSAG, o Consello da Xunta determinará, se é o caso, o destino do haber social.
TÍTULO VIII
Control externo
Artigo 52. Control parlamentario
1. O Parlamento de Galicia exerce o control da xestión e do cumprimento por parte da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia da misión de servizo público definida na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, a través da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. Para o efecto do previsto no número anterior, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 55.2 da Lei 1/2025 e no artigo 45 destes estatutos, presentaralle con carácter anual á Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia un informe referido á execución do mandato estratéxico e do contrato plurianual de xestión, así como unha memoria sobre a execución da misión de servizo público referida ao conxunto das súas actividades, programas, contidos e servizos.
Artigo 53. Control por parte da autoridade audiovisual
1. A autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia avalía se os novos servizos significativos que pretenda prestar a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia se axustan ao valor da misión de servizo público definida na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, e se alteran a competencia no mercado audiovisual. Durante a avaliación daráselles audiencia ás persoas e aos grupos interesados e os resultados desta faranse públicos.
2. A autoridade audiovisual establecerá un procedemento para que se poida solicitar a súa intervención no caso de incumprimento por parte da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia da súa misión de servizo público.
Artigo 54. Control por parte do Consello de Contas
Correspóndelle ao Consello de Contas, no exercicio das funcións que estatutaria e legalmente ten atribuídas, o control periódico do financiamento público que reciba a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, así como as medidas de reequilibrio necesarias para que o seu destino sexa o establecido na Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
