A Constitución española sinala, no seu artigo 48, que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, números 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala, no artigo 7, que constituirá obxectivo prioritario da planificación xeral dos programas relacionados coa educación o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente. Así mesmo, no artigo 8 recolle que a Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os obxectivos da mellora da empregabilidade da mocidade, a mellora da adaptabilidade e a igualdade de oportunidades da mocidade, en especial a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.
Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.
Segundo o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social, da mobilidade xuvenil e dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado e no ámbito internacional.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considera prioritario apoiar medidas que contribúan á activación das persoas mozas non ocupadas e que incrementen a súa mobilidade e autonomía persoal e, sobre todo, as súas oportunidades de emprego e acceso ao mercado de traballo.
Neste ámbito enmárcase esta orde, dirixida a implementar unha liña de axudas para facilitar a obtención do permiso de condución das clases A2 e B a persoas mozas en situación de desemprego, o que vai contribuír a mellorar a súa autonomía e empregabilidade na medida en que se lles facilita, aos mozos e mozas que buscan emprego e non se atopan traballando por conta propia ou allea, un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo.
Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
A orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
De acordo co establecido no número 2 do artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, atendendo ao colectivo de persoas físicas a que vai destinada a convocatoria, que ten ou pode ter con facilidade a capacidade dixital requirida, co fin de axilizar a xestión das solicitudes e acadar unha maior eficiencia na tramitación, e en consonancia coas convocatorias precedentes, considérase procedente establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos.
Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B por parte das persoas mozas residentes en Galicia coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á convocatoria para o ano 2025.
2. O código de procedemento administrativo é BS321A.
Artigo 2. Convocatoria e concesión
1. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca estas axudas para o ano 2025.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concédese a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5.
Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para o pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.
2. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web xuventude.xunta.gal o esgotamento do crédito orzamentario. Entenderanse inadmitidas as solicitudes presentadas con posterioridade a aquela que deu lugar ao esgotamento do crédito.
Artigo 3. Gasto subvencionable e contía da axuda
O gasto subvencionable é a suma a prezo global de obtención dos permisos de condución obxecto desta orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.
O importe da axuda será de 150 euros para a obtención do permiso de condución de clase A2 e de 400 euros para o permiso de condución de clase B.
O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención dos dous permisos obxecto da orde.
Artigo 4. Orzamento
1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 800.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10, de acordo coa Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.
Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos
1. Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos de idade e non ter feitos os 31.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Non estar traballando por conta propia nin allea. Enténdese que están traballando por conta propia ou allea aquelas persoas que estean en situación de alta nalgún réxime da Seguridade Social ou nunha mutualidade de previsión social, coa excepción de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei xeral da Seguridade Social.
d) Ter aprobado o/s permiso/s de conducir para o/s cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude.
e) Que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) de 2025, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.
Artigo 6. Cómputo de ingresos
Para a determinación dos ingresos partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en adiante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha dos membros da unidade familiar.
Para os efectos desta convocatoria, os datos fiscais que se terán en conta para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2024.
Artigo 7. Compatibilidade da axuda
A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da obtención do permiso de condución que se solicite.
Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación solicitudes será dun mes, que se contará desde o día 25 de agosto de 2025 ás 9.00 horas ata o día 25 de setembro de 2025 ás 20.00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 2.2.
3. As persoas solicitantes poderán solicitar información e asesoramento, en relación coa convocatoria, nos teléfonos relacionados no anexo V e, tamén, de modo presencial, nas dependencias sinaladas no citado anexo.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, se é o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro modo válido en dereito. O modelo normalizado pode descargarse na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/s carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido. Esta xustificación debe conter a data de obtención do permiso, que debe estar no intervalo recollido no artigo 5.d).
c) O/s certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima exixida no artigo 5, no caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano.
d) Convenio especial, acordo específico para o desenvolvemento da actividade formativa ou documento análogo que acredite a realización das prácticas formativas ou académicas, para o caso de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de seguridade social.
e) Certificación literal de nacemento de cada persoa membro da unidade familiar ou libro de familia. Neste último caso, copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación das persoas membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente na data de presentación da solicitude.
f) Acreditación da relación matrimonial ou análoga á conxugal, de ser o caso.
g) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) de non ter a obriga de declarar, se é o caso.
h) Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas cando forme parte de unidades familiares compostas por máis dun membro, que deberá achegar debidamente cuberto e asinado por todas as persoas que compoñan a unidade familiar.
A concorrencia dos demais requisitos exixidos no artigo 5 será obxecto de comprobación automática polo órgano convocante, conforme se recolle no artigo 11.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 10. Persoas membros da unidade familiar
Para os efectos destas bases considéranse persoas membros da unidade familiar da persoa solicitante, o/a solicitante, as persoas proxenitoras e, de ser o caso, o/a cónxuxe ou a persoa a que se encontre unido/a ao/á solicitante por análoga relación, cos/coas cales conviva.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante e demais persoas membros que compoñen a unidade familiar.
b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante. No caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano, deberá achegarse coa solicitude o certificado indicado no artigo 9.1.c).
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) da persoa solicitante.
f) Permiso/s de condución da persoa solicitante. No caso de que a persoa solicitante teña aprobado/s o/s carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido, deberá achegarse coa solicitude a autorización temporal para conducir indicada no artigo 9.1.b).
g) Informe sobre o estado de alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa solicitante.
h) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante e, se é o caso, das demais persoas membros que compoñen a unidade familiar.
2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa solicitante faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Acreditación da convivencia actual das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.
3. No caso de que as persoas interesadas ou as demais persoas membros que compoñen a unidade familiar se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas e ás demais persoas que compoñen a unidade familiar a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Emenda das solicitudes
Conforme establece o artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde ou non se achega a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Instrución e resolución
1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude, quen elevará as súas propostas de resolución ao órgano competente para resolver, en aplicación do procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das axudas mediante as correspondentes resolucións. As resolucións serán notificadas de conformidade co disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de cinco meses contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitar.
3. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
4. Unha vez notificadas as resolucións definitivas polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para manifestar a aceptación ou presentar a renuncia, expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo III.
Transcorrido o prazo sinalado sen que se produza manifestación expresa de aceptación ou renuncia, entenderase que se acepta a subvención concedida, conforme o disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos derivadas desta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal.
Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Réxime de recursos
1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
A condición de persoa beneficiaria obriga a esta nos seguintes termos:
a) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Conservar os documentos orixinais ou copias ou ben en soportes de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica, xustificativos da actuación realizada e da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.
f) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude a solicitude e, de ser o caso, a obtención doutras axudas para este mesmo concepto. Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade á presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso (anexo IV).
g) Subministrar á Administración concedente a información necesaria ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
h) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.
Artigo 18. Xustificación
1. As persoas beneficiarias deberán achegar, no prazo de 10 días hábiles contados a partir da notificación da resolución, a seguinte documentación:
a) A declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo IV).
b) As certificacións de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, só no caso de que se opuxesen expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude ou non prestasen o seu consentimento expreso a realizar a consulta.
2. A xustificación da suma a prezo global establecida no artigo 3 realizarase en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude, que se exixe como requisito das persoas solicitantes no artigo 5.d).
Artigo 19. Pagamento
Unha vez recibida e comprobada a documentación indicada no artigo 18.1 poderase pagar a axuda concedida.
Artigo 20. Reintegro das axudas e réxime sancionador
1. Procederá o reintegro do 100 % da axuda nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en concreto, nos seguintes casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no establecido nesta orde.
b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
c) Incumprimento das condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 5, 6 e 15 desta orde.
2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.
3. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.
4. As persoas adxudicatarias quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 21. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Disposición adicional primeira. Ampliación do crédito
Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.
Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Supletoriedade
En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro.
Disposición derradeira terceira. Habilitación competencial
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para ditar cantas instrucións e actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
