Antecedentes:
Primeiro. Con data do 10 de abril de 2025, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adoptou a proposta de declaración de interese autonómico da actuación de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas mediante un proxecto de interese autonómico en Pontevedra, no ámbito identificado como S B-2 «Zona residencial San Mauro» e S B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro».
Segundo. O 29 de abril de 2025, o IGVS remitiulle ao Concello a delimitación inicial do ámbito de actuación identificado no planeamento xeral como sector B-2 «Zona residencial San Mauro» e sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», seleccionado para desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública no termo municipal de Pontevedra, co obxecto de que, en cumprimento do establecido no artigo 63 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, manifestase a súa conformidade con el.
Terceiro. O 16 de maio de 2025 tivo entrada no Rexistro do IGVS o certificado do acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, adoptado na súa sesión ordinaria do 15 de maio de 2025, en que se insta ao IGVS a variar a delimitación proposta nos termos especificados no acordo.
Cuarto. Logo da análise das citadas alegacións, o IGVS, de forma coordinada co Concello de Pontevedra, optou por modificar a delimitación proposta e desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública en Pontevedra no ámbito identificado no planeamento xeral como sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, e non no sector B-2 «Zona residencial San Mauro», previsto inicialmente.
Como consecuencia diso, o director xeral do IGVS con data do 20 de xuño de 2025 asinou unha proposta complementaria de declaración de interese autonómico das actuacións de creación de vivendas protexidas en Pontevedra, no ámbito identificado no planeamento xeral como sector B-5 «Sector leste-estrada San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, e non no Sector B-2 «Zona residencial San Mauro», previsto inicialmente.
Quinto. Como complemento do escrito enviado o 29 de abril de 2025, o IGVS o 20 de xuño de 2025 remitiulle ao Concello a delimitación modificada do ámbito de actuación, coa finalidade de que, en cumprimento do establecido no artigo 63 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, manifestase a súa conformidade con el, con carácter previo á súa aprobación mediante a resolución da presidenta do IGVS.
Sexto. O 2 de xullo de 2025 tivo entrada no Rexistro do IGVS o certificado do acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, adoptado na súa sesión extraordinaria e urxente do 27 de xuño de 2025, en que se acorda amosar a conformidade municipal do Concello, logo da declaración de interese autonómico, á proposta de delimitación dun PIA, que desenvolva iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública en Pontevedra nos solos identificados no planeamento xeral como sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, achegada polo IGVS con data do 20 de xuño de 2025 e que se reflicte nos planos remitidos; delimitación que emenda parcialmente a inicialmente remitida.
Sétimo. O 24 de xullo de 2025 tivo entrada no Rexistro do IGVS o certificado do acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, adoptado na súa sesión ordinaria do 24 de xullo de 2025, en que se acorda reiterar a conformidade municipal do Concello, logo da declaración de interese autonómico, á proposta de delimitación dun PIA, que desenvolva iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública en Pontevedra nos solos identificados no planeamento xeral como sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, achegada polo IGVS con data do 20 de xuño de 2025 e que se reflicte nos planos remitidos; delimitación que emenda parcialmente a inicialmente remitida.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O artigo 62 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, relativo aos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial, sinala que:
«Co obxecto de atender as necesidades urxentes de solo residencial, a consellería competente en materia de vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou de entidades integrantes do sector público autonómico participadas por este organismo, poderá promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, sempre que concorran os seguintes requisitos:
a) Que exista unha forte demanda social demostrada por fontes de datos obxectivas, como pode ser o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que as actuacións de transformación urbanística propostas transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado».
Por outra banda, o artigo 63 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medias fiscais e administrativas, baixo a rúbrica «Declaración de interese autonómico», establece o seguinte:
«1. A tramitación dos proxectos regulados no artigo anterior axustarase ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico, de tipo non previsto, xunto coas especialidades recollidas nesta subsección.
2. Como requisito previo para o inicio do procedemento de aprobación como proxectos de interese autonómico, será precisa a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto polo procedemento descrito neste artigo.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo seleccionará previamente aquelas áreas urbanas en que concorran os requisitos sinalados no artigo 62, e identificará, respecto de cada concello ou concellos afectados, as zonas urbanisticamente máis adecuadas para desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública.
4. Ao constar a conformidade do concello afectado, a Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobará mediante resolución a delimitación dos ámbitos de actuación que serán obxecto de transformación urbanística, e xustificará a concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 62. A devandita resolución implicará a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto e será publicada no Diario Oficial de Galicia».
Segunda. Examinada a documentación que consta no expediente, apréciase a concorrencia dos requisitos exixidos polo artigo 62 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, para promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Pontevedra (sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector).
Así, no Concello de Pontevedra existe unha forte demanda social de vivenda, acreditada polo elevado número de persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, que ascende a 1.525.
Por outra banda, as actuacións de transformación urbanística propostas transcenden o ámbito municipal, xa que a superficie do ámbito permitirá dispor de capacidade suficiente para a fixación de poboación nesta zona, en especial da xente moza, e promover, deste xeito, o impulso e dinamización demográfica de Pontevedra, favorecendo, ao mesmo tempo, a implantación de actividades económicas. Ademais, tales actuacións contribuirán ao desenvolvemento e á execución das políticas autonómicas sectoriais en materia de vivenda, facilitando o acceso de aquelas persoas con máis dificultades e incidirán no desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia, nos termos previstos no artigo 41.2.c) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Terceira. A competencia para ditar esta resolución corresponde á presidenta do IGVS, conforme o disposto no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro.
Vistos os antecedentes de feito e as consideracións legais descritas anteriormente, así como a proposta do director xeral do IGVS,
RESOLVO:
Aprobar a delimitación do ámbito de actuación identificado no planeamento xeral como sector B-5 «Sector leste-estrada de San Mauro», ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Pontevedra, que figura como anexo desta resolución.
A devandita delimitación poderá ser obxecto de variacións como consecuencia dos axustes que sexa preciso introducir na fase de redacción e tramitación dos proxectos de interese autonómico, que serán debidamente comunicadas ao Concello.
Esta resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo no ámbito delimitado.
De conformidade co establecido no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo competentes, no prazo de dous meses, contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
