DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 20 de agosto de 2025 Páx. 45212

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 30 de xullo de 2025 pola que se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto do Rexistro Galego de Animais de Compañía (Regiac) dependente desta consellería (códigos de procedimiento MT811F e MT811G).

O Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía de Galicia (en diante, Regiac), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, creouse mediante o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos (artigo 5). A súa xestión articúlase a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, consonte o disposto no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En consonancia co anterior, ditouse a Orde do 5 de xullo de 2004 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que conforma o Regiac.

A Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, recolle no seu artigo 12 o proceso de identificación dos animais considerando que a identificación comprende non só o sistema de marcación e a expedición do correspondente documento de identificación ou pasaporte, senón tamén a inscrición do animal no Regiac.

O artigo 10 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, regula o procedemento de identificación, así como o sistema de envío da documentación ao Regiac, que unicamente se levará a cabo por parte dos/das veterinarios/das habilitados/as pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para levar a cabo a inscrición dos animais no citado rexistro.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supuxeron un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia. Con elas, dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos que xa realizaba a derrogada Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade, nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas, coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non discriminación, e os órganos con competencias en relación coa administración dixital.

O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas se poden relacionar coa Administración a través de medios electrónicos, para o cal porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que, en cada caso, se determinen.

Consonte este artigo, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional, así como as súas persoas representantes, os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, e as persoas que representen un suxeito obrigado dos anteriormente indicados.

De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente formularios específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio polas persoas interesadas.

A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.

En definitiva, a regulación do procedemento administrativo obxecto desta norma realízase na normativa sectorial; esta orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que as persoas usuarias se poidan relacionar coa Administración por medios electrónicos.

Así pois, en cumprimento da normativa citada, o procedemento administrativo de inscrición no Regiac estará dispoñible telematicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e a cidadanía.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto habilitar na sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto de inscrición dun animal, modificación dos datos ou baixa no Rexistro Galego de Animais de Compañía (Regiac), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como o cambio de titularidade.

2. Os ditos procedemento habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia e figurarán na Guía de procedementos e servizos cos seguintes códigos de procedemento:

a) Inscrición, modificación e baixa no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (código de procedemento MT811F).

b) Cambio de titularidade no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (código de procedemento MT811G).

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaraas o/a veterinario/a, habilitado/a obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado xerado na aplicación informática do Regiac (anexo I no caso de inscrición, modificación e baixa no Regiac, e anexo II no caso de cambio de titularidade), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou no enderezo directo https://regiac.xunta.gal

2. Para poder presentar as solicitudes de inscrición, modificación, baixa (MT811F) ou cambio de titularidade no Regiac (MT811G), o/a veterinario/a habilitado/a deberá:

a) Acceder á aplicación empregando o método de autenticación de uso persoal e intransferible de que dispoñen os/as veterinarios/as habilitados/as pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

b) Cubrir todos os campos obrigatorios dos formularios normalizados, ademais de anexar a documentación complementaria recollida no artigo 4 desta orde.

c) Unha vez cuberto o formulario, o/a veterinario/a habilitado/a presentará a solicitude de acordo co previsto no punto 1 deste artigo.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo da presentación e xerará de forma automática os formularios dos anexos I e II, segundo corresponda, debidamente cubertos.

3. As solicitudes que non conteñan a información obrigatoria indicada no formulario ou non veñen acompañadas da documentación mínima recollida nos artigos 8 e 9 serán inadmitidas a trámite.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún/algunha dos/das veterinarios/as habilitados/as presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido/a para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

5. A aplicación informática dispón de instrucións de axuda para a consulta das persoas usuarias. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirirse máis información, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición das persoas usuarias un servizo de asistencia técnica a través da caixa de correo electrónico: regiac.medioambiente@xunta.gal

Artigo 3. Documentación complementaria

1. Os/as veterinarios/as habilitados/as pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural deberán achegar coa solicitude a documentación recollida nos artigos 8 e 9 desta orde que se precisa en cada un dos procedementos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Autorización administrativa para a tenza do exemplar obxecto de inscrición, no caso de aves de rapina.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude se deberán efectuar electronicamente a través da aplicación informática do Regiac, accesible desde o enderezo da internet https://regiac.xunta.gal

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirálles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Ademais do anterior, no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática (https://regiac.xunta.gal) alertarase cun aviso en que se indica a posta á disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Artigo 7. Prazo de presentación e de resolución das solicitudes

1. As solicitudes relativas a este procedemento poderán presentarse ao longo de todo o ano.

2. Dado que a normativa específica non regula o prazo de resolución nin o sentido do silencio administrativo, aplicarase supletoriamente o artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro; polo tanto, o prazo de resolución será de tres meses e o sentido do silencio administrativo será negativo.

Sección 2ª. Procedementos

Artigo 8. Inscrición dun animal no Regiac, modificación dos datos ou baixa no Regiac

1. O formulario para inscribir un animal no Regiac, modificar os datos dun animal xa inscrito ou dalo de baixa é o que consta como anexo I desta orde co código de procedemento MT811F.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, que será en todo caso o/a veterinario/a habilitado/a pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co previsto no artigo 10 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) Documentación relativa á pluralidade de persoas solicitantes, no caso de solicitudes conxuntas, na cal deberá constar a listaxe completa das persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

c) No suposto de solicitudes de inscrición do animal no Regiac ou para a modificación de datos dun animal xa inscrito:

1º. Documentación acreditativa da orixe legal do animal obxecto de inscrición, no caso de especies recollidas nos anexos I e II do Regulamento CITES.

2º. Certificado de inscrición do animal noutro rexistro oficial de animais de compañía, no caso de que este proveña doutra comunidade autónoma.

3º. Documentación acreditativa do emprego do animal en actividades específicas ou profesionais (cans de rescate, cans de asistencia ou animais das forzas e corpos de seguridade ou das Forzas Armadas).

4º. No caso de que se trate dun animal considerado potencialmente perigoso:

i). Certificado sanitario, que terá unha antigüidade inferior a un (1) ano desde a súa expedición.

ii) Certificado de adestramento, nos casos en que a cualificación como animal potencialmente perigoso derive do seu adestramento.

iii). Resolución da Administración local da declaración do animal como potencialmente perigoso, para o resto dos casos.

iv) Licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos vixente (vixencia de cinco (5) anos desde a súa expedición) a nome da/s persoa/s adquirente/s, no caso de animais considerados potencialmente perigosos.

d) No suposto de solicitudes de baixa do animal no Regiac:

1º. Documentación xustificativa do destino do animal, no caso de morte deste:

i) Nos casos de incineración ou destrución do cadáver por un xestor autorizado: documentación de retirada, factura ou certificado de xestión do cadáver, emitida pola empresa autorizada, de acordo co Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009.

ii) Nos casos de enterramento controlado pola persoa titular do animal: declaración responsable da persoa titular do animal, cumprindo o recollido nos artigos 9, 11 e 15 do Decreto 72/2016, do 9 de xuño, polo que se autorizan e se regulan determinados sistemas de eliminación de subprodutos animais non destinados ao consumo humano en Galicia.

iii) Nos casos de enterramento controlado por unha empresa autorizada: certificado da empresa, cumprindo o recollido nos artigos 9, 11 e 15 do Decreto 72/2016, do 9 de xuño.

2º. Copia do atestado de tráfico ou documentación equivalente, no caso de atropelo con resultado de morte e que non fose posible recuperar o cadáver.

3º. Copia da denuncia por desaparición ou roubo, no resto de casos.

4º. Acreditación do traslado do animal a outra comunidade autónoma, por calquera medio válido.

Artigo 9. Cambio de titularidade dun animal no Regiac

1. O formulario para realizar o cambio de titularidade dun animal no Regiac é o que consta como anexo II desta orde co código de procedemento MT811G.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, que será en todo caso o/a veterinario/a habilitado/a pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co previsto no artigo 10 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) Documentación relativa á pluralidade de persoas solicitantes, no caso de solicitudes conxuntas, na cal deberá constar a listaxe completa das persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

c) Acreditación da modificación do réxime de custodia do animal, nos casos de custodia compartida.

d) Documentación xustificativa do cambio de titularidade (contratos de cesión, compravenda ou adopción).

e) No caso de que se trate dun animal considerado potencialmente perigoso:

1º. Certificado sanitario, que terá unha antigüidade inferior a un (1) ano desde a súa expedición.

2º. Licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos vixente (vixencia de cinco (5) anos desde a súa expedición) a nome da/s persoa/s adquirente/s, no caso de animais considerados potencialmente perigosos.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/s modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/s procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/s modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file