Expediente: IN407A 2025/095-1.
Promotora: Sociedade Galega do Medioambiente, S.A. (Sogama).
Denominación do proxecto: Recuamento da L.M.T. Cerceda 8 (MEI-808) ao seu paso polo Complexo Medioambiental de Cerceda.
Concello: Cerceda.
Feitos:
1. O día 23.5.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Por mor da nova planta de recuperación de residuos téxtiles proxectada no complexo medioambiental de Sogama no lugar de Morzós, parroquia de Cerceda (San Martiño), concello de Cerceda, proxéctase o recuamento dun tramo aéreo da liña de distribución LMT MEI808 Cerceda 8 (UFD, expediente 51.612), procedente da Subestación Meirama, instalando un novo tramo soterrado en media tensión que rodeará a futura planta e conectará os tramos soterrados da liña de distribución que alimentará ao centro de seccionamento existente CS Setec Desarrollos (15CMJS) actualmente alimentado polo tramo aéreo da antedita liña de distribución. O proceso de recuamento do tramo soterrado do tramo aéreo da LMT MEI808 Cerceda 8 farase separadamente do seguinte xeito: Sogama executará o soterramento da liña de media tensión que require nova canalización (obxecto deste expediente) e UFD executará o desmantelamento do tramo aéreo correspondente e a instalación dunha liña de media tensión nos tramos de canalización existente (obxecto do IN40A7 2025/074-1).
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado recuamento da LMT Cerceda 8 (Mei-808) ao seu paso polo Complexo Medioambiental de Cerceda, asinado o día 12.6.2025 e visado con número 20251467 do 17.6.2025 por Santiago Suárez Suárez, enxeñeiro industrial, nº colexiado 1.708 de Galicia, e anexo asinado por Santiago Suárez Suárez, enxeñeiro industrial, nº colexiado 1.708 de Galicia, o 11.8.2025.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Cerceda, Augas de Galicia, AXI e Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 13.8.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación.
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Morzós, parroquia de Cerceda (San Martiño), concello de Cerceda, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS a 20 kV, de 518 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240) mm2 Al, con orixe na arqueta que se van a executar (en IN407A 2025/074-1) nun punto situado na AC-523 Culleredo (A-6) A Meirama (p.q. 14+790) do tramo existente soterrado da LMT MEI808 e remate na arqueta existente dun tramo soterrado da LMT MEI808, procedente da Subestación Meirama.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se deroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 14 de agosto de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
