Expediente: IN407A 2025/071-4.
Promotora: Concello de Pontevedra.
Denominación: LMTS extensión de rede ao Hospital Montecelo.
Concello: Pontevedra.
Feitos:
1. O 26.3.2025, o Concello de Pontevedra solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS extensión de rede ao Hospital Montecelo.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos, colexiado 867 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e contén un orzamento total de 100.411,18 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dunha liña de media tensión subterránea para dar subministración ao Hospital Universitario Montecelo, en Pontevedra. Esta liña conectarase coa liña de media tensión existente MUR805 no tramo comprendido entre o centro de seccionamento 36CCL8 e o centro de transformación 36CT76, realizando entrada e saída no centro de seccionamento Hospital Montecelo.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, Nedgia Galicia, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U. A promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Pontevedra e por Telefónica, S.A.U.
As demais empresas de servizos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. O 16.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS extensión de rede ao Hospital Montecelo.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, en dúas actuacións A e B:
Actuación A:
• Circuíto 1: 166 metros de lonxitude, con orixe nos empalmes coa LMTS MUR805, no tramo entre o centro de seccionamento 36CCL8 e o centro de transformación 36CT76, e final no centro de seccionamento principal do Hospital Montecelo.
• Circuíto 2: 177 metros de lonxitude, con orixe nos empalmes coa LMTS MUR805, no tramo entre o centro de seccionamento 36CCL8 e o centro de transformación 36CT76, e final no centro de reflexión Hospital Montecelo.
• Circuíto 3: 14 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento principal do Hospital Montecelo e final no centro de reflexión Hospital Montecelo.
• Circuíto 4: 10 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento auxiliar do Hospital Montecelo e final no centro de reflexión Hospital Montecelo.
Actuación B:
• 340 metros de lonxitude (dobre circuíto 170 x 2 metros), con orixe na LMTS MUR820, augas arriba do centro de transformación Villa Colón (36CBB2), e final nos empalmes que se realizarán nas actuais saídas do centro de transformación Villa Colón.
A instalación está situada en Montecelo, no concello de Pontevedra.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar ao Concello de Pontevedra as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS extensión de rede ao Hospital Montecelo (expediente IN407A 2025/071-4).
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de xullo de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
