DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 27 de agosto de 2025 Páx. 46809

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 74/2025, do 4 de agosto, polo que se regula o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios e se establecen requisitos de hixiene na produción e comercialización para determinados establecementos.

I

A Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, e a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, mediante a que se traspón aquela ao ordenamento xurídico español, así como as posteriores modificacións, sentan un principio xeral segundo o cal o acceso a unha actividade de servizos e o seu exercicio non estarán suxeitos a un réxime de autorización, salvo que esta veña xustificada por unha razón imperiosa de interese xeral, sexa proporcionada á finalidade que se persegue e non impoña o cumprimento de requisitos discriminatorios.

De conformidade co anterior, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dedica o seu artigo 69 á declaración responsable e comunicación, e define a primeira como o documento subscrito por unha persoa interesada en que esta manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente para obter o recoñecemento dun dereito ou facultade para o seu exercicio, que dispón da documentación que así o acredita, que a porá á disposición da Administración cando se lle requira, e que se compromete a manter o cumprimento das obrigas durante o período de tempo inherente ao dito recoñecemento ou exercicio; e, a comunicación como aquel documento mediante o cal as persoas interesadas poñen en coñecemento da Administración pública competente os datos identificativos ou calquera outro dato relevante para o inicio dunha actividade ou o exercicio dun dereito.

II

O Regulamento (CE) 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria, supuxo un punto de inflexión para o establecemento dun novo marco de regulación nesta materia.

O Regulamento (CE) 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios, establece a obrigatoriedade dos operadores da empresa alimentaria de colaborar coas autoridades sanitarias competentes, e notifícarlles a estas todos os establecementos que estean baixo o seu control nos cales se realice calquera das operacións de produción, transformación e distribución de alimentos da forma requirida pola citada autoridade competente, co fin de proceder ao seu rexistro. Así mesmo, coa finalidade de que a autoridade competente dispoña continuamente de información actualizada, deberán notificarlle calquera cambio significativo nas actividades que leven a cabo e todo peche dos establecementos existentes.

O Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, sobre o Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, manifesta nas súas consideracións iniciais que carece de sentido incluír no rexistro nacional as tendas de comerciantes retallistas, restaurantes, cafetarías, bares, panadarías, pastelarías, comedores de centros escolares ou hospitais e outros establecementos cuxa actividade principal é a venda polo miúdo ou o servizo in situ ao consumidor final ou a colectividades que comercializan nun ámbito local, incluíndo as zonas de tratamento aduaneiro especial, xa que para eles resulta suficiente e máis adecuado un rexistro de ámbito territorial autonómico. Estas consideracións foron trasladados á redacción orixinal do artigo 2 do real decreto, que xa exceptuaba da obrigatoriedade de estar inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos en determinadas empresas e establece a necesidade da existencia dun rexistro autonómico en que deberían incluírse todas aquelas empresas alimentarias mencionadas no punto anterior e que son exceptuadas de inscrición no rexistro nacional.

O 26 de outubro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa) co fin de desenvolver, no ámbito autonómico galego, o disposto no artigo 2 do Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro.

Por outra banda, o Real decreto 1086/2020, do 9 de decembro, polo que se regulan e se flexibilizan determinadas condicións de aplicación das disposicións da Unión Europea en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios e se regulan actividades excluídas do seu ámbito de aplicación, establece disposicións para a subministración de alimentos entre establecementos de comercio polo miúdo. Así mesmo, aínda permanecían vixentes algunhas normas específicas para determinados sectores do comercio polo miúdo, anteriores aos regulamentos de hixiene, que cumpría actualizar e refundir nunha soa norma en prol da simplificación normativa.

O Real decreto 1021/2022, do 13 de decembro, polo que se regulan determinados requisitos en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios en establecementos de comercio polo miúdo modificou a redacción do artigo 2 do Real decreto 191/2011 ao indicar que todos os establecementos de comercio polo miúdo deberán inscribirse nos rexistros das autoridades competentes das comunidades autónomas establecidos para o efecto, logo de comunicación ou declaración responsable, que non será habilitante, do operador da empresa alimentaria ás autoridades competentes do lugar de localización do establecemento, excepto cando se trate de establecementos en que se serven alimentos in situ a colectividades, caso en que a comunicación será feita pola persoa titular das instalacións.

Ademais, o dito Real decreto 1021/2022, establece medidas para a aplicación en España do paquete de hixiene establecido nos regulamentos europeos co obxectivo de que a súa implantación sexa homoxénea en todo o territorio nacional e fai uso das disposicións de flexibilidade que os regulamentos permiten desenvolver aos Estados membros, todo iso co obxecto de favorecer a sustentabilidade do sistema alimentario, dentro do marco de seguridade alimentaria.

Concretamente, do establecido polo Real decreto 1021/2022, do 13 de decembro, destaca que no seu artigo 2 inclúe na definición de establecemento de comercio polo miúdo os locais ambulantes ou provisionais (como toldos, postos e vehículos de venda ambulante), os almacéns de apoio e as instalacións en que, con carácter principal, se realizan operacións de venda á persoa consumidora final, actividades que estaban expresamente excluídas do seu asento no Regasa, tal e como se recolle no artigo 4.2 do Decreto 204/2012, do 4 de outubro.

No artigo 3 establece criterios para a subministración de alimentos de produción propia e produtos de orixe animal entre establecementos de comercio polo miúdo e deixa á autoridade competente a responsabilidade de definir o territorio en que aplicar o criterio de actividade localizada no ámbito do comercio entre establecementos de venda polo miúdo.

Así mesmo, no artigo 13 establece o contido mínimo da declaración responsable que, para os efectos de inscrición no Regasa, o operador que elabora alimentos en locais utilizados principalmente como vivenda privada debe presentar ante a autoridade competente, que deberá definir o ámbito territorial en que se poidan subministrar os alimentos elaborados por estes operadores.

III

Por outra banda, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, concede unha atención especial á regulación da administración electrónica. Na súa exposición de motivos alúdese a unha «administración sen papel baseada nun funcionamento integramente electrónico» e no seu articulado recóllese tanto o dereito da cidadanía a comunicarse coas administracións públicas a través dun punto de acceso xeral electrónico da Administración, como a obriga de determinados suxeitos de relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos. No seu articulado tamén se prevé a potestade da Administración para obrigar outros suxeitos a relacionarse administrativamente a través de medios electrónicos.

Neste senso, o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, recolle que, regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas en que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Por este motivo aprobouse o Decreto 173/2019, do 26 de decembro, polo que se modificaba o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, por unha banda, para facilitarlle á cidadanía a tramitación das súas comunicacións previas, e engadiuse a cada unha das actividades un campo de observacións no cal se describen brevemente as actividades que quedan encadradas no seu código correspondente, e por outra banda no que se refire á comunicación previa de inicio, modificación ou cesamento de actividade das empresas, locais e establecementos sometidos a inscrición rexistral, así como a comunicación de modificación de datos, que se realizará a través da administración dixital, co fin de adaptala á Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Por todo o anterior, atendendo ao principio de eficiencia, faise preciso derrogar o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios e aprobar unha única norma que refunda as disposicións actuais coas modificacións necesarias que emanan das normas básicas do Estado.

IV

O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece a competencia da Comunidade Autónoma para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

O presente decreto componse de 16 artigos agrupados en catro capítulos.

O capítulo I contén disposicións xerais relativas ao seu obxecto e definicións dos distintos conceptos, para os efectos da aplicación do decreto.

O capítulo II divídese en dúas seccións, a primeira dedicada ao Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios e a segunda ao procedemento de inscrición, modificación e cesamento da actividade no dito Rexistro.

O capítulo III trata sobre as condicións de comercialización.

O capítulo IV refírese ao réxime sancionador.

Completan o texto unha disposición adicional relativa á actualización de modelos normalizados, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras dedicadas á habilitación para o desenvolvemento normativo e á entrada en vigor. Tamén se inclúe un total de tres anexos.

O contido deste decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A aprobación do decreto resulta necesaria co fin de adaptar a normativa autonómica ás normas básicas do Estado nunha materia de gran transcendencia para a saúde pública como é a seguridade alimentaria, en concreto resulta imprescindible adaptala ao establecido no Real decreto 1021/2022, do 13 de decembro. A aprobación dun novo decreto que derroga o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, salvo o seu artigo 1, referido á creación do Regasa, que se manterá vixente, resulta proporcionada e está xustificada nos motivos de eficacia, simplicidade e seguridade xurídica expostos.

O presente decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Foi realizado o trámite de consulta pública previa e o proxecto de decreto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia e sometido á audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia; así mesmo, foi sometido a informe conxunto da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como a informes da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, do Instituto Galego de Estatística, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, e da Comisión Galega da Competencia, así como informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de agosto de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto:

a) Regular o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (en diante, Regasa), así como o procedemento para a inscrición, modificación e cancelación rexistral das empresas, locais e establecementos alimentarios no citado rexistro.

b) Definir as condicións de comercialización entre establecementos de venda polo miúdo e a comercialización de alimentos elaborados en locais utilizados principalmente como vivenda privada.

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos deste decreto, serán aplicables as definicións previstas no Regulamento (CE) 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro, así como as recollidas no Regulamento (CE) 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, e no Real decreto 1021/2022, do 13 de decembro, polo que se regulan determinados requisitos en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios en establecementos de venda polo miúdo.

2. Serán aplicables as descricións dos establecementos recollidas no anexo III.

CAPÍTULO II

Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios e o procedemento de inscrición, modificación e cesamento da actividade

Sección 1ª. Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios

Artigo 3. Finalidade e adscrición do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios

1. O Regasa ten como finalidade a protección da saúde pública e dos intereses das persoas consumidoras, facilitando o control oficial das empresas, locais e establecementos sometidos a inscrición.

O Regasa é complementario do Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, adscrito á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición e respecta o carácter de rexistro unificado de ámbito estatal que a este último lle atribúe o artigo 1.2 do Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, polo que este se regula.

2. O Regasa queda adscrito á dirección xeral ou unidade de similar rango que posúa as competencias en materia de seguridade alimentaria nas fases posteriores á produción primaria.

Artigo 4. Ámbito e natureza do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios

1. O Regasa ten carácter autonómico, ao existir un rexistro unificado para todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

2. Deberán inscribirse no Regasa todas aquelas empresas, locais e establecementos alimentarios que cumpran os criterios fixados no artigo 5.

3. Os procedementos relacionados con este decreto son:

a) A comunicación de inicio da actividade para a inscrición no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (código de procedemento SA550A).

b) A comunicación da modificación de datos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios e a comunicación do cesamento da actividade (código de procedemento SA550B).

4. O Regasa ten carácter público e dispón dunha base de datos informatizada. A publicidade realizarase mediante certificación, na cal constará:

a) Nome comercial da industria ou establecemento.

b) Número de rexistro asignado.

c) Enderezo postal da industria ou establecemento.

d) Actividade ou actividades en que está rexistrado.

O réxime do tratamento de datos de carácter persoal vinculados ao Regasa será o previsto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os datos que constan no Regasa poderán ser cedidos entre administracións públicas con fins estatísticos.

A xestión do Regasa corresponderalle á unidade administrativa que teña atribuída a xestión dos controis oficiais en materia de seguridade alimentaria.

5. A inscrición no Regasa non exclúe a plena responsabilidade do operador económico respecto do cumprimento da lexislación alimentaria.

Artigo 5. Empresas, locais e establecementos alimentarios suxeitos a inscrición

1. Inscribiranse no Regasa as empresas ou os establecementos alimentarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que o operador económico teña sede, domicilio, axencia ou exerza actividade comercial na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a actividade que realice consista en manipular, preparar, elaborar ou transformar, almacenar ou servir alimentos para a súa venda ou entrega á persoa consumidora final ou a unha colectividade, in situ ou a distancia, con ou sen repartición a domicilio. Inclúense os locais ambulantes ou provisionais, os almacéns de apoio, así como os locais utilizados principalmente como vivenda privada onde se preparan alimentos para a súa subministración directa.

2. Os establecementos de comercio polo miúdo que dispoñan dun establecemento central con obradoiro e sucursais consideraranse unha única unidade comercial, pero inscribiranse no Regasa de maneira independente.

3. Non serán obxecto de asento no Regasa:

a) As empresas, locais e establecementos alimentarios que teñan a obriga de estar rexistrados no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, regulado polo Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro.

b) Os locais utilizados ocasionalmente para servir comidas.

c) As máquinas expendedoras de alimentos.

d) Os centros, establecementos e servizos de atención farmacéutica e sanitaria.

e) A venda directa de produtos primarios polos/as produtores/as á persoa consumidora final ou a establecementos de comercio polo miúdo para o abastecemento ao/á consumidor/a final.

f) Os furanchos

Artigo 6. Contido do Rexistro

1. Serán obxecto de asento no Rexistro:

a) O inicio das actividades das empresas, locais e establecementos relacionados no artigo 5.1, para cuxo efecto se efectuará a correspondente inscrición de acordo co procedemento establecido no artigo 7 e recollido no anexo I.

b) A modificación de calquera dos datos da información obrigatoria necesaria para a inscrición das empresas, locais e establecementos alimentarios, recollidos no anexo II.

c) O cesamento definitivo da actividade das empresas, locais e establecementos, o que dará lugar á cancelación da inscrición.

2. A inscrición das empresas, locais e establecementos a que fai referencia a letra a) do punto 1 realizarase por instancia dos operadores da empresa alimentaria. O asento da inscrición no Regasa xerará un número, que se configurará conforme os criterios establecidos no anexo III.

3. Os operadores da empresa alimentaria deberán comunicarlle á autoridade competente as circunstancias a que fan referencia as letras b) e c) do punto 1 no prazo dun mes desde que estas se produzan.

Unha vez recibida a comunicación, a inscrición será obxecto de modificación ou cancelación rexistral, segundo os casos.

4. A modificación ou cancelación rexistral realizarase de oficio cando se constate a inexactitude dos datos da inscrición ou o cesamento definitivo da actividade das empresas, locais e/ou establecementos.

En todo caso, a dita modificación ou cancelación poráselles de manifesto ás persoas interesadas ou, de ser o caso, aos seus representantes, que poderán alegar e presentar as xustificacións e documentos que consideren pertinentes.

Sección 2ª. Procedemento de inscrición, modificación e cesamento da actividade

Artigo 7. Procedemento para a inscrición, modificación e cancelación rexistral das empresas, locais ou establecementos alimentarios

1. A presentación dunha comunicación previa ás autoridades competentes en materia de sanidade da provincia correspondente por razón do lugar da súa localización, segundo o modelo recollido no anexo I deste decreto, será condición única e suficiente para que se tramite a inscrición das empresas, locais e establecementos no Regasa e, simultaneamente, que se poida iniciar a actividade, sen prexuízo dos controis oficiais que posteriormente se poidan levar a cabo.

2. A comunicación de modificación de calquera dos datos de información obrigatoria ou do cesamento definitivo de actividade dos establecementos, segundo o modelo recollido no anexo II deste decreto, dirixirase á autoridade competente en materia de sanidade de cada provincia por razón do lugar da súa localización.

3. A comunicación previa de inicio da actividade dos locais utilizados principalmente como vivenda privada en que se preparan alimentos incluirá os contidos do artigo 13.3 do Real decreto 1021/2022, do 13 de decembro, polo que se regulan determinados requisitos en materia de hixiene da produción dos produtos alimenticios en establecementos de comercio polo miúdo.

4. A comunicación previa de inicio da actividade económica das empresas, locais e establecementos alimentarios obxecto de inscrición, así como a comunicación de modificación de calquera dos datos de información obrigatoria e de cesamento de actividade realizaranse segundo os modelos recollidos nos anexos I e II, respectivamente, a través do portal https://sede.xunta.gal e dirixiranse á autoridade competente en materia de sanidade de cada provincia en función do lugar en que a entidade establecese o seu domicilio social.

Artigo 8. Presentación electrónica obrigatoria das comunicacións

1. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coas comunicacións a seguinte documentación:

a) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa de inscrición, modificación ou cesamento da actividade económica (30.02.00), segundo o caso, agás que se inicie e se finalice o pagamento a través da sede electrónica.

b) Copia do documento acreditativo da representación, no caso de actuar mediante ela.

c) Se procede, plano da vivenda que recolla as estancias ou zonas dedicadas á elaboración de alimentos para a súa venda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recibidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, canto a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de forma motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á dita consulta:

a) DNI/NIE da persoa comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade comunicante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu endereao electrónico habilitado única a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. De conformidade co artigo 43.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III

Condicións de comercialización

Artigo 13. Condicións de comercialización entre establecementos

1. Sen prexuízo do disposto na normativa básica estatal, os establecementos indicados no artigo 5, número 1, poderán subministrar produtos de orixe animal e/ou alimentos de produción propia a outros establecementos das mesmas características, sempre que se cumpran os tres requisitos seguintes:

a) Que non subministren a establecementos suxeitos a inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos.

b) Que a súa distribución se realice nun radio inferior a 50 quilómetros desde o establecemento de orixe.

c) Que se trate dunha actividade marxinal en termos tanto económicos como de produción, entendendo por marxinal un máximo do 25 % da produción anual de alimentos comercializados ou da comercialización dun máximo de 500 kg á semana, incluíndo a subministración ao consumidor final ou a outros establecementos de venda polo miúdo.

2. Os establecementos de comercio polo miúdo que dispoñan dun establecemento central con obradoiro e sucursais consideraranse unha única unidade comercial. Nestes casos está permitida a subministración de produtos alimenticios desde o establecemento central con obradoiro ás sucursais, e non se considera subministración entre establecementos de comercio polo miúdo.

Artigo 14. Condicións de comercialización de alimentos preparados en locais utilizados como vivenda privada

1. Sen prexuízo do disposto na normativa básica estatal, os alimentos preparados nestes locais:

a) Non se poderán servir para o seu consumo in situ.

b) Non se poderán subministrar a colectividades nin en eventos.

c) Non se poderán subministrar no propio local.

d) Os alimentos preparados nestes locais só se lle poderán subministrar á persoa consumidora directamente en mercados ocasionais ou periódicos, ou mediante a repartición a domicilio, sempre que a subministración se realice dentro do concello onde radique o local e nos concellos limítrofes a este.

e) Os alimentos preparados nestes locais só poderán subministrarse a establecementos de comercio polo miúdo se non supón máis dun 25 % da produción semanal e a subministración se realice dentro do concello onde radique o local e nos concellos limítrofes a este.

f) Non se poderán conxelar, nin tampouco as materias primas empregadas para elaboralos. Só se poderán manter en conxelación as materias primas que se adquiran xa conxeladas.

2. O volume total de alimentos preparados en ningún caso poderá superar os 100 quilogramos semanais, o cal se demostrará documentalmente.

Artigo 15. Requisitos para os almacéns de apoio

Os locais de apoio dos establecementos de venda polo miúdo estarán situados dentro do concello onde radique a razón social ou nos concellos limítrofes a este.

CAPÍTULO IV

Réxime sancionador

Artigo 16. Réxime sancionador

O incumprimento da obriga de comunicación con carácter previo ao comezo das actividades recollidas neste decreto será considerado como infracción de carácter leve, de acordo co previsto no capítulo IV do título II da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, con remisión a esta para os efectos do procedemento sancionador aplicable.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados previstos nos anexos poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios, salvo o seu artigo 1, que se manterá vixente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

1. Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para aprobar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, de conformidade co previsto no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo das competencias que, por razón da materia, teñan outras consellerías.

2. Os anexos do presente decreto poderanse modificar mediante orde da consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira en canto á actualización dos modelos normalizados, e sempre que as ditas modificacións non supoñan unha alteración da regulación contida naquel.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Asignación de número de identificación no Regasa

1. Un bloque de catro díxitos asignado en función da actividade que desenvolva conforme se recolle na táboa seguinte:

Código

Tipo de actividade

Descrición

9600

Obradoiro de panadaría e/ou pastelaría non industrial

Establecemento no cal a actividade principal é a fabricación ou elaboración de pan, produtos de pastelaría, confeitaría, bolaría, repostaría, masas fritas e/ou empanadas, para a súa venda directa ao consumidor final. Nesta epígrafe non se inclúen os establecementos ou instalacións en que se realiza unicamente a cocción final dos citados produtos.

9603

Despacho de venda de pan e/ou pasteis

Establecemento no cal a actividade principal é a venda de pan, produtos de pastelaría, confeitaría, bolaría, repostaría e masas fritas, incluíndo outros produtos típicos do sector (tales como empanadas, mazapáns, caramelos ou chocolates). Pode dispor de equipamento unicamente para a finalización dos citados produtos precocidos.

9700

Praza de abastos

Instalacións pechadas e normalmente cubertas, con ou sen servizos comúns, nas cales diversos/as comerciantes fornecen polo miúdo todo tipo de alimentos perecedoiros, tales como carnes, peixes, froitas, verduras, hortalizas, etc.

9701

Explotación elaboradora de produtos lácteos (EEPL)

Explotacións gandeiras que elaboran con leite propio distintos produtos lácteos para a súa venda directa ao consumidor final.

9801

Restauración comercial I

Establecementos nos cales se elaboran, fornecen, serven ou venden tapas, racións, petiscos e/ou similares para o seu consumo in situ ou para levar.

9802

Restauración comercial II

Establecementos que dispoñen de cociña e/ou comedor (restaurante, bufete autoservizo, pratos combinados, servizo a domicilio, comida rápida, etc.) nos cales se elaboran alimentos para o seu consumo in situ ou para levar.

9803

Restauración social

Escolas, hospitais, residencias, albergues, centros asistenciais, empresas, etc. nos cales se elaboran alimentos para o seu consumo in situ por unha colectividade.

9804

Furgón de comida/Food truck

Vehículo ou remolque acondicionado para elaborar e vender comida na rúa ao consumidor final.

9805

Posto de comida itinerante

Posto ambulante que elabora e vende comida na rúa (churrasco, polbo, etc.). Quedan excluídas as actividades de venda ambulante de establecementos xa rexistrados noutras epígrafes deste anexo.

9806

Vehículo de venda ambulante

Vehículo ou remolque acondicionado para expor e/ou vender produtos alimenticios. Quedan excluídas as actividades de venda ambulante de establecementos xa rexistrados noutras epígrafes deste anexo.

9807

Posto de venda de alimentos itinerante

Posto ambulante que expón e/ou vende produtos alimenticios. Quedan excluídas as actividades de venda ambulante de establecementos xa rexistrados noutras epígrafes deste anexo.

9808

Locais utilizados principalmente como vivenda privada

Locais utilizados principalmente como vivenda privada onde regularmente se preparan produtos alimenticios para a súa posta no mercado.

9840

Depósito de alimentos

Locais nos cales as entidades sen ánimo de lucro almacenan alimentos previamente á súa distribución.

9841

Almacén de apoio

Local ou establecemento pechado ao público, da mesma titularidade que o establecemento de venda, destinado a depositar materias primas, produtos elaborados ou materiais auxiliares, localizado dentro do concello onde radique a razón social ou nos concellos limítrofes a este. Sempre estará asociado a un establecemento rexistrado no Regasa.

9842

Loxística de último quilómetro

Empresas dedicadas ao transporte de produtos alimenticios e alimentarios desde un centro loxístico local ata a súa entrega ao cliente final e cuxa actividade non exceda os límites da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedan excluídas as actividades de repartición a domicilio de establecementos xa rexistradas noutras epígrafes deste anexo.

9901

Hipermercado

Establecementos comerciais de venda polo miúdo nos cales se expende todo xénero de artigos alimenticios, bebidas, produtos de limpeza, etc., e que funciona en réxime de autoservizo, de maior tamaño que un supermercado e situados xeralmente nas proximidades das grandes cidades. Nesta epígrafe inclúense as actividades amparadas polos códigos 9603, 9914, 9915, 9916, 9917 e 9919, así como a elaboración de alimentos para ser levados, incluídos no código 9802.

9902

Supermercado/ultramarinos

Establecementos comerciais de venda polo miúdo nos cales se expende todo xénero de artigos alimenticios, bebidas, produtos de limpeza etc., e que poden funcionar en réxime de autoservizo, incluída a venda a través de máquinas expendedoras. Nesta epígrafe inclúense as actividades amparadas polos códigos 9603, 9914, 9915, 9916, 9917 e 9919, así como a elaboración de alimentos para ser levados, incluídos no código 9802.

9904

Instalación comercial automatizada

Establecemento no cal se realiza a venda de produtos alimenticios exclusivamente a través de máquinas expendedoras e que non está vinculado a ningún outro tipo de establecemento alimentario rexistrado no RXSEAA ou no Regasa.

9905

Local de preparación de pedidos

Local no cal se preparan e/ou almacenan produtos alimenticios comprados en liña noutros establecementos de alimentación como paso previo á súa repartición ou envío ao domicilio da persoa compradora.

9910

Carnizaría

Establecementos dedicados á manipulación, preparación, presentación e envasado e, de ser o caso, almacenamento de carnes e refugallos frescos, para a súa venda á persoa consumidora final. Tamén poderán vender preparados de carne, produtos cárnicos e outros produtos de orixe animal que non sexan de elaboración propia.

9911

Carnizaría-salchicharía

Establecementos dedicados á actividade de carnizaría, con elaboración de preparados de carne e embutidos de sangue e salgadura de touciño, en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda.

9912

Carnizaría-charcutaría

Establecementos dedicados á actividade de carnizaría-salchicharía e á de elaboración de produtos cárnicos e pratos cociñados cárnicos, en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda.

9913

Peixaría

Establecemento no cal a actividade principal é a venda polo miúdo de produtos pesqueiros.

9914

Froitaría

Establecemento no cal a actividade principal é a venda polo miúdo de vexetais.

9915

Lambetadas

Establecemento no cal a actividade principal é a venda de caramelos, lambetadas e/ou produtos similares.

9916

Herbodietética e/ou parafarmacia

Establecementos nos cales se realiza a venda de especies vexetais para infusións e/ou os seus derivados, complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética ou alimentos especiais.

9917

Comerciante polo miúdo de conxelados

Establecemento no cal a actividade principal é a venda polo miúdo de alimentos conxelados.

9919

Punto de venda de complementos alimenticios

Establecementos nos cales a actividade principal non é a venda de alimentos, e nos cales se vende algún tipo de complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética (tales como ximnasios, tendas de deporte, centros de beleza, etc.).

9920

Punto de venda de produtos alimenticios

Establecementos nos cales a actividade principal non é a venda de alimentos, e nos cales se venden algún tipo de alimentos envasados, mesmo complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética ou de alimentación especial (tales como bazares, drogarías, etc.).

9928

Xeadarías

Establecementos nos cales a actividade principal é a fabricación, elaboración e/ou venda de xeados para o seu consumo inmediato.

8888

Local intermedio de preparación da canal de caza maior autorizado

Superficie delimitada e específica na cal se realizan as operacións de preparación da canal e inspección ás cales deben someterse as pezas de caza maior silvestre destinadas á subministración directa a locais de restauración, consumidor final ou a unha sala de tratamento de caza se recibe corpos e/ou vísceras doutros locais intermedios.