DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 27 de agosto de 2025 Páx. 46834

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño para a supresión da vía existente entre a PO-410 e a rúa A Toxa.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño para a supresión da vía existente entre a PO-410 e a rúa A Toxa, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 11 de agosto de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1739&_aaeKeyword_WAR_aae_id=1739

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

TEXTO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM
do Concello do Porriño para a supresión da vía existente entre
a PO-410 e a rúa A Toxa (PTU-PO-17/055)

O Concello do Porriño remite a documentación relativa á modificación puntual (MP) de referencia, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Logo de analizar a documentación achegada os días 17.7.2025, 24.7.2025 e 5.8.2025, así como o documento técnico datado en febreiro de 2025, asinado dixitalmente o 4.8.2025, e con dilixencia de aprobación provisional polo Pleno do 9.12.2021, coas modificacións derivadas dos requirimentos da Dirección Xeral de Urbanismo do 26.3.2025 e do 3.7.2025, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello do Porriño conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 26.6.2003 (DOG do 21 de outubro e BOP do mesmo día).

2. O ámbito da MP está clasificado polo PXOM como solo urbano consolidado e cualificado como viario público (plano 2-17 da serie planos de ordenación do solo urbano industrial). Atópase no contorno de protección do xacemento arqueolóxico Mámoa da Devesa do Rei (GA36039005).

3. Consta un informe ambiental estratéxico do 1.12.2015 (expediente 2025AAE1777, e DOG do 24 de decembro), respecto do cal a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu o 23.6.2016 a realización dun novo trámite de aprobación inicial por unha serie de eivas detectadas no documento, polo que o Concello decidiu reiniciar a tramitación no ano 2017.

4. A MP foi aprobada inicialmente polo Acordo plenario do 9.11.2017. Dado que o PXOM non está adaptado ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP), ao abeiro da súa disposición transitoria primeira, resulta de aplicación o título III destas.

II. Obxecto.

A MP ten por obxecto a supresión dunha vía de 110 m de lonxitude e 12 m de largo previsto no PXOM para conectar a estrada autonómica PO-410 (actual PO-510) e a rúa A Toxa, asignándolle ao dito solo o uso industrial establecido polo planeamento nas parcelas lindeiras, clasificadas como solo urbano consolidado e cualificadas coa ordenanza 6 industrial.

III. Tramitación.

1. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, mediante a Resolución do 10.7.2017, o informe ambiental estratéxico (IAE) desta MP, en que se resolve non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (expediente 2017AAE2033, e DOG do 30 de agosto). No proceso de avaliación ambiental recibíronse os seguintes informes na fase de consultas:

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 16.6.2017.

• Instituto de Estudos do Territorio, do 13.6.2017.

• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do 22.6.2017.

2. Constan informes municipais: técnico, do día 6.9.2017; e xurídico, do 13.9.2017.

3. A MP foi aprobada inicialmente polo Acordo plenario do día 9 de novembro de 2017 e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no DOG núm. 238, do 18 de decembro de 2017, e nos xornais Atlántico do 21 de novembro de 2017 e Faro de Vigo do 26 de xaneiro de 2018.

4. O Concello solicitou informes sectoriais á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Consellería de Medio Ambiente, Ordenación e Infraestruturas en materia de estradas, constando informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 17.1.2019.

5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados todos os informes sectoriais autonómicos. Constan recibidos os informes de: Axencia Galega de Infraestruturas, do 13.4.2021 (favorable); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 10.5.2021 (favorable); Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, do 26.2.2021 (non ten competencia); Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en materia de minas, do 15.2.2021 (non consta incidencia na minaría); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 12.2.2021 (non é necesario sometela ao informe da Comisión Galega de Protección Civil); Instituto de Estudos do Territorio, do 21.5.2021 (non contravén as disposicións en materia de paisaxe); e Augas de Galicia, do 15.10.2021. Consta que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Innovación recibiron a solicitude de informe o día 10.2.2021, sen constar resposta, segundo o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25.5.2021.

6. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Gondomar, Mos, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui e Vigo, constando resposta do Concello de Ponteareas (22.2.2021) e da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo (17.2.2021), sen obxeccións.

7. Constan informes municipais: técnico, do día 15.11.2021; e xurídico, do 15.11.2021.

8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP na sesión do día 9.12.2021.

9. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acordou, o 16.5.2023, prorrogar por un prazo máximo de dous anos a vixencia do IAE.

10. Consta informe da Secretaría do 27.2.2025.

11. Os días 28.2.2025 e 19.6.2025, o Concello remitiu a MP para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e os artigos 144.13 e 144.16 do RLSG.

12. Constan requirimentos do Servizo de Urbanismo de Pontevedra dos días 26.3.2025 e 3.7.2025 solicitando a emenda dunha serie de eivas detectadas no expediente administrativo e no documento técnico.

13. Os días 17.7.2025, 24.7.2025 e 5.8.2025, o Concello achegou nova documentación para a aprobación definitiva da MP.

IV. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público que xustifican esta modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntanse na obriga de axustar o planeamento á realidade territorial existente, emendando erros, omisións e imprecisións derivados da información catastral e da base cartográfica empregadas na elaboración do PXOM, que levaron a planificar a apertura dunha vía que non garante unha mellora da accesibilidade ou funcionalidade do ámbito e que afecta unha edificación con licenza municipal.

2. A MP xustifica que o aumento de edificabilidade proposto non require o incremento das dotacións públicas, ao non comportar un aumento do aproveitamento superior ao 30 % do existente (artigo 26.1.b.3) do RLSG).

3. En relación cos informes sectoriais emitidos ao longo da tramitación, son favorables ou déuselles cumprimento, salvo a incorporación no documento do establecido no informe da AXI do 13.4.2021, que sinala que «a estrada PO-410 transforma a súa clave a PO-510».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

V. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Porriño para a supresión da vía existente entre a PO-410 e a rúa A Toxa, coa puntualización indicada no punto IV.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.