DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 27 de agosto de 2025 Páx. 46839

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 19 de agosto de 2025 pola que se amplia o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT221A).

A Orde do 25 de febreiro de 2025, publicada no DOG número 46, do 7 de marzo, está dirixida a persoas físicas ou xurídicas que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e, maioritariamente, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2025 e que cumpran os requisitos seguintes:

a) Terse inscrito, asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.

A súa finalidade é crear novas vías de difusión da obra dos creadores e creadoras galegas e a súa produción editorial, facilitando a asistencia a eventos de difusión e de comercialización do libro, así como a outros espazos de creatividade.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.01 (código de proxecto 2015 00309), cun crédito inicial de trinta mil euros (30.000,00 €).

No artigo 4.3 da Orde do 25 de febreiro recóllese expresamente a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento.

Neste senso, o artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia establece que o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Dado o elevado volume de solicitudes de subvención presentadas, e coa finalidade de facer partícipe da subvención o maior número de beneficiarios posible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado á concesión das subvencións para apoiar a actividade dos/das creadores/as galegos/as.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o importe total do crédito destinado ás subvencións establecidas na Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT221A).

O importe total do crédito, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.01, é de cincuenta e oito mil novecentos euros (58.900,00 €), correspondente ao código de proxecto 2015 00309. Este importe final é o resultado do crédito inicial (30.000 €) mais o ampliado (28.900 €).

2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude