DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 27 de agosto de 2025 Páx. 46878

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2025 pola que se publica a Resolución do 19 de agosto de 2025 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de agarda no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2025/26 (código de procedemento MR207A).

O día 14 de xullo de 2025 publicouse a Resolución do 13 de xuño de 2025, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2025/26 (código de procedemento MR207A).

De conformidade co artigo 13 da Resolución do 13 de xuño de 2025, correspóndelle á dirección da Agacal, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.

Así mesmo, o seu artigo 15 establece que se publicará no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural https://agacal.xunta.gal/gl/formacion/oferta-formacion-profesional-regrada/xestion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 19 de agosto de 2025 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de agarda no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2025/26, que se xunta a esta resolución como anexo.

Segundo. Comunicar que a referida resolución finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificada a resolución, as persoas ás cales se lles adxudicou a praza dispoñerán dun prazo de 8 días, computado a partir do día seguinte ao desta publicación, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza.

Cuarto. Abrir o prazo de presentación de solicitudes sinalado no artigo 16 da Resolución do 13 de xuño de 2025 desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia ou comedor correspondente ao prazo ordinario, ata o 19 de xuño de 2026.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
P. A. (Artigo 19 bis.5 do Decreto 52/2018)
Laura Mezquíriz Miguel
Xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO

Resolución do 19 de agosto de 2025 pola que se aproba a relación definitiva
de persoas admitidas/excluídas e a lista de agarda no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación
e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2025/26
(código de procedemento MR207A)

Antecedentes:

O día 14 de xullo de 2025 publicouse a Resolución do 13 de xuño de 2025, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2025/26 (código de procedemento MR207A).

O día 6 de agosto de 2025 publicouse a relación provisional de persoas admitidas e concedeuse un prazo de 5 días para efectuar as reclamacións. Transcorrido o devandito prazo, comprobáronse as reclamacións presentadas.

Consideracións legais e técnicas:

• A Lei 39/2015, do 5 de outubro, establece o procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015).

• O Decreto 52/2018, do 5 de abril, de creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria asumirá as funcións e competencias en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica.

• A Resolución do 13 de xuño de 2025, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2025/26, establece no seu artigo 13 que, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, corresponde ao director da Agacal resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva das persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.

Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de agarda, onde figura a puntuación obtida, que se poderá consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural https://agacal.xunta.gal/gl/formacion/oferta-formacion-profesional-regrada/xestion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

As persoas que obteñan praza de residencia ou comedor disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Igualmente, deberán achegar a documentación que acredite, de ser o caso, que o usuario pode beneficiarse dalgunha das bonificacións que se recollen no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG núm. 176, do 16 de setembro).

Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.