DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 2 de setembro de 2025 Páx. 47721

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 26 de agosto de 2025 pola que se modifica a Orde do 26 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MT809D).

O día 10 de decembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2025.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, xabaril e oso), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e a súa convocatoria para o ano 2025.

O artigo 21 establece que o pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención e que o prazo máximo inicial para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 19 de setembro de 2025.

O elevado número de solicitudes presentadas dificulta o cumprimento polas persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que comprende tres liñas: unha para a prevención dos danos ocasionados polo lobo, outra liña para a prevención dos danos ocasionados polo xabaril e unha terceira para a prevención dos danos ocasionados polo oso.

Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros detectados, así como a realización das diferentes comprobacións documentais necesarias.

Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do número 2 do artigo 21 da Orde do 26 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2025, que queda redactado nos seguintes termos:

«O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 19 de outubro de 2025. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025

Angeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático