BDNS (Identif.): 854037.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/854037
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT) o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.
No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. As persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
3. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o novo titular subrogarase na posición xurídica de persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante.
b) As empresas que se encontren en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.
d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.
e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria para realizar o investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 das bases reguladoras.
Segundo. Obxecto e réxime
1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións de concesión de axudas a establecementos turísticos para actuacións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, así como a mellora da fachada e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, de xeito que contribúan ao embelecemento do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia e a un turismo sostible.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas con carácter plurianual (2025/2026).
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).
A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos.
Terceiro. Gastos subvencionables
Pódense diferenciar tres liñas de acción:
a) Liña 1. Eficiencia enerxética
Será subvencionable a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación para reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.
Serán consideradas subvencionables todas aquelas que permitan mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación interior dos edificios, locais ou partes dos edificios en uso destinados a establecementos turísticos, así como a iluminación exterior ornamental e aparcadoiros de vehículos ao aire libre anexos ao edificio, regulados polo Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior, aprobado polo Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro. Entre as actuacións subvencionables serán con carácter indicativo e non limitativo as que se relacionan a seguir:
– Luminarias, lámpadas e equipamento.
– Sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de aceso e regulación do nivel de iluminación.
– Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
– Sistemas e elementos que permitan o control remoto ou o control automático por medios dixitais de instalacións destinadas a controlar sistemas de iluminación eficientes, sistemas de control automático de toldos, persianas ou cortinas e sistemas de control automático do acendido, apagado e regulación da iluminación.
O custo elixible destas actuacións debe ser igual ou superior a 5.000,00 €.
b) Liña 2. Dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral
Serán subvencionables:
– Gastos derivados da transformación dixital.
– Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.
– Gastos relacionados co desenvolvemento de ferramentas dixitais para coñecer o destino antes de visitalo.
c) Liña 3. Mellora da fachada do litoral galego
Será subvencionable:
– Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitados para quedaren á vista.
– Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.
– Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por estaren nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.
– Revestimento dos muros de cerramento da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir.
– Gastos de elaboración do proxecto de obra e honorarios e custos da dirección facultativa das actuacións. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000,00 euros.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026, de acordo co período de execución establecido no artigo 7.5 das bases reguladoras.
Cuarto. Bases reguladoras
Resolución do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convocan con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU503F).
Quinto. Importe
1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 5.000.000,00 € euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2025-2026. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: liña 1: eficiencia enerxética, cun orzamento de 764.000,00 € (eixe 2: mellora da eficiencia enerxética); liña 2: dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral, cun orzamento de 580.000,00 € (eixe 3: dixitalización) e liña 3: mellora da fachada turística do litoral, cun orzamento de 3.656.000,00 € (eixe 4: competitividade).
2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:
|
Liñas |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
Total |
|
Liña 1 |
100.000,00 € |
664.000,00 € |
764.000,00 € |
|
Liña 2 |
100.000,00 € |
480.000,00 € |
580.000,00 € |
|
Liña 3 |
200.000,00 € |
3.456.000,00 € |
3.656.000,00 € |
|
400.000,00 € |
4.600.000,00 € |
5.000.000,00 € |
3. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
4. A intensidade da axuda será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto e o investimento neto admitido será, como máximo:
– No caso da liña 1: ata 25.000,00 €.
– No caso da liña 2: ata 15.000,00 €.
– No caso da liña 3: ata 250.000,00 €.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A hora de inicio do prazo de presentación de solicitudes será ás 8.00 horas e a hora de fin do prazo será ás 20.00 horas.
Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Sétimo. Prazo de xustificación da subvención
As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 1 de decembro de 2025, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2026.
Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 30 de xuño de 2026.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
