O Concello Pleno acordou na sesión do 6 de agosto de 2025:
1. Aprobar definitivamente o proxecto de obra e de expropiación polo procedemento de taxación conxunta denominado camiño agrícola entre Brantuas de Arriba e Brantuas de Abaixo.
2. Notificarlles o acordo ás persoas titulares de bens e dereitos que figuran no expediente, conferíndolles un prazo de vinte días para manifestaren por escrito a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado ou propoñer a adquisición dos bens obxecto deste expediente, libremente e por mutuo acordo co Concello de Ponteceso no prazo de 15 días, de conformidade co artigo 24 da Lei de expropiación forzosa.
3. Entender aceptada a valoración e determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade, se as persoas interesadas non presentan oposición no prazo de vinte días sinalado.
4. Publicar o acordo no Boletín Oficial da provincia (BOP) da Coruña e no Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de que produza para as persoas interesadas ás cales non se lles poidan notificar os efectos previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. Manifestar a necesidade de que as persoas interesadas no expediente presenten as certificacións rexistrais e os demais documentos que acrediten a titularidade dos bens e dereitos afectados, advertindo de que o pagamento unicamente se realizará a favor das persoas titulares rexistrais do dominio ou do titular segundo os títulos xustificativos do seu dereito completados con certificacións negativas do Rexistro da Propiedade no caso de predios que non figuren inscritos, e que se consignará na Caixa Xeral de Depósitos o importe dos prezos xustos no resto de casos.
6. Notificarlle o acordo ao Ministerio Fiscal para os efectos do artigo 5 da Lei de expropiación forzosa en relación cos predios de que as persoas titulares non compareceran no expediente, estiveran incapacitadas e sen titor ou persoa que os represente, ou se tratase dunha propiedade litixiosa.
7. Comunicarlles ás persoas interesadas que poderán interpor recurso potestativo de reposición contra o acordo, que pon fin á vía administrativa, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses.
Sométese a información pública o acordo polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas interesadas poidan formular alegacións, de conformidade co artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 201 e seguintes do Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, que aproba o Regulamento de xestión urbanística.
Este anuncio serve de notificación edictal, de conformidade co artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ponteceso, 13 de agosto de 2025
José Manuel Mato Martínez
Alcalde
