DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 4 de setembro de 2025 Páx. 48105

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2025 pola que se amplía o prazo de xustificación da Resolución do 10 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301C).

O 24 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301C), en diante resolución de convocatoria.

O artigo 22.1 da resolución de convocatoria refírese ao prazo para presentar a documentación xustificativa e indica o seguinte:

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 15 de setembro de 2025, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

Con posterioridade ao outorgamento das subvencións recibíronse en Augas de Galicia comunicacións dalgúns dos concellos que foron beneficiarios en que solicitaban a ampliación do prazo de xustificación.

Así mesmo, debe terse en conta o elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro deste procedemento, así como a tramitación dunha ampliación do crédito inicialmente previsto na resolución de convocatoria, o que tivo como consecuencia que non se puideron ditar todas as resolucións de concesión no prazo establecido na convocatoria de subvencións.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.

A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 10 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301C)

Modifícase o número 1 do artigo 22 da citada resolución de convocatoria, que queda redactado como segue:

«1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da subvención rematará o 1 de outubro de 2025, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2025

A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Disposición adicional segunda da Resolución do 10.2.2025;
DOG núm. 37, do 24 de febreiro)
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia