DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 8 de setembro de 2025 Páx. 48675

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2025, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 20, do 29 de xaneiro), pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio pola quenda de acceso libre e do primeiro exercicio pola quenda de promoción interna.

Na sesión que tivo lugar o 26 de agosto de 2025, o tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG número 20, do 29 de xaneiro), acordou, de conformidade co disposto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio do proceso selectivo pola quenda de acceso libre e o primeiro exercicio do devandito proceso pola quenda de promoción interna terán lugar o día 23 de setembro de 2025, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas, na aula 2 da Escola Galega de Administración Pública, sita en Santiago de Compostela na rúa Madrid, 2-4 (As Fontiñas).

As persoas aspirantes deberán portar o DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Para desenvolver a segunda proba do exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que estea a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do/da aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal