Na sesión que tivo lugar o 20 de agosto de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 30 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 22, do 3 de febreiro), modificada pola Resolución do 5 de febreiro de 2025 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro) e pola Resolución do 14 de febreiro de 2025 (DOG núm. 36, do 21 de febreiro), da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade educador/a social,
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, anunciar que o terceiro exercicio terá lugar o 16 de setembro de 2025, en chamamento único, que se iniciará ás 15.30 horas na aula 10 da Escola Galega de Administración Pública, sita en Santiago de Compostela na rúa Madrid, 2-4 (As Fontiñas).
Segundo. As persoas aspirantes, de conformidade coa base II.1.2.2, deberán portar o NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade. Tamén deberán ir provistas dun bolígrafo de tinta azul.
Terceiro. Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2025
Laura Fuentes López
Presidenta do tribunal
