O 8 de xullo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de xuño pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2025.
O prazo para presentar candidaturas quedou establecido en dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, comezando a contar o 9 de xullo de 2025 e rematando o 8 de setembro de 2025.
Considerando a singularidade destes premios e o perfil dos/das posibles candidatos/as e, co obxectivo de favorecer unha adecuada preparación de candidaturas e cubrir un maior espectro de intervencións, faise aconsellable ampliar o prazo de dous meses inicialmente outorgado para a presentación de candidaturas, co fin de potenciar deste xeito unha participación máis ampla na presente convocatoria.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do seu vencemento e se as circunstancias así o aconsellan.
En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Modificar o artigo 7.1 da Orde do 23 de xuño de 2025, pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2025, no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite se amplía ata o 22 de setembro de 2025.
Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. Recursos
De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Cuarto. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
