Mediante a Resolución do 7 de marzo de 2024, que foi publicada no DOG núm. 56, do 19 de marzo, establecéronse as bases reguladoras e anunciouse a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
De acordo co disposto no artigo 28 das bases reguladoras das axudas:
O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2024, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data, e o 30 de setembro de 2025, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento.
Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por motivos técnicos e a demora nas entregas de materiais polos provedores, e ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o artigo 28 da Resolución do 7 de marzo de 2024, que queda do seguinte xeito:
«O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2024, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data, e o 10 de novembro de 2025, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento.
Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025».
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
