DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 9 de setembro de 2025 Páx. 48782

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 1 de setembro de 2025 pola que se delega a competencia para a representación na convocatoria á liña de fomento da innovación desde a demanda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para o ano 2025.

Román Rodríguez González, en calidade de conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nomeado polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), en representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao abeiro do disposto no artigo 3 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

Declara responsablemente:

1. Que o proxecto XenIAGal FP se lanzou co obxectivo de presentarse á convocatoria de axudas da liña de fomento da innovación desde a demanda (liña FID) para o ano 2025, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Fíxose público e iniciouse o proceso mediante a publicación da consulta preliminar ao mercado, o día 4 de abril de 2025, no perfil do contratante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dentro da Plataforma de contratos públicos de Galicia.

A participación na convocatoria de axudas públicas no marco da liña FID para a compra pública de innovación (CPI) implica a realización de xestións e trámites administrativos que requiren tanto coñecementos en innovación como axilidade administrativa, co fin de cumprir cos diferentes prazos.

2. Que o artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recoñece a posibilidade de actuar por medio de representante, e entenderanse con este as actuacións administrativas cando se acredite a dita representación por medios válidos en dereito.

Estas facultades correspóndenlle á persoa titular da consellería, segundo dispón o artigo 3 do Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que dispón que a persoa titular da consellería é a autoridade superior e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. Que, debido ao volume de competencias e funcións atribuídas á persoa titular da consellería, e coa finalidade de asegurar unha xestión eficiente e continua do proxecto XenIAGal FP durante todo o seu ciclo de vida, resulta aconsellable recorrer á delegación de competencias en favor dunha maior axilidade das actuacións que se teñan que realizar no devandito proxecto.

De conformidade co artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou nos organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas. As delegacións de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Boletín Oficial del Estado, no da comunidade autónoma ou no da provincia, segundo a Administración a que pertenza o órgano delegante e o ámbito territorial de competencia deste.

As resolucións administrativas que se adopten por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Nos mesmos termos establécese no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Que, segundo o indicado, a representación do proxecto XenIAGal FP levaraa a cabo a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería coas instrucións directas do titular da consellería, facendo uso das facultades que lle confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación.

Polo exposto,

DISPOÑO:

1. Que se delegue na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a competencia en todos os asuntos relacionados co proxecto XenIAGal FP, desde a súa presentación á convocatoria de axudas da liña FID 2025 ata a completa finalización deste, incluídas as fases de solicitude, execución, seguimento, modificación, avaliación e xustificación económico-financeira.

2. En consecuencia, disponse que lle sexa recoñecida á persoa que posúe o cargo de secretario xeral técnico a capacidade de representar a consellería no relativo á súa participación no proxecto XenIAGal FP no marco da liña FID 2025, ao longo do desenvolvemento deste, así como á súa finalización, de acordo coas atribucións recollidas na normativa aplicable, cargo que actualmente representa Manuel Vila López.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional