DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 2025 Páx. 48944

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 77/2025, do 1 de setembro, polo que se aproba a revisión do Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove.

O Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, establece no seu artigo 40 que, cando unha instalación de residuos mineiros sexa clasificada como A, a autoridade competente elaborará un Plan de emerxencia exterior especificando as medidas que deban tomarse fóra da área da explotación e as súas instalacións e servizos anexos en caso de accidente.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sinala no artigo 39 que lle corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a planificación e a coordinación das políticas de protección civil e emerxencias, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no artigo 31 que os plans especiais establecen as medidas necesarias para afrontar emerxencias que pola súa natureza requiran uns métodos científicos ou técnicos axeitados para a súa avaliación e tratamento, e no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes. Así mesmo, o artigo 13.b) sinala que a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias será a encargada de propoñer ao Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, os plans especiais.

Mediante o Decreto 87/2012, do 23 de febreiro (DOG núm. 50, do 12 de marzo), aprobouse o Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove.

Atendendo á documentación remitida pola industria Alúmina Española, S.A. a través do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou o Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos de Alcoa en Xove.

En aplicación do disposto non artigo 6 do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, a revisión do plan someteuse ao trámite de información pública, mediante Resolución do 3 de abril de 2025, publicada no DOG núm. 74, do 16 de abril.

Con data do 17 de xuño de 2025, a Comisión Técnica Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou a presentación do Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos en Xove ao Pleno da Comisión Galega de Protección Civil, e esta, no Pleno do día 2 de xullo de 2025, emitiu informe favorable para o dito plan.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Aprobar a revisión do Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove, que pasa a denominarse Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos de Alcoa en Xove.

2. Este plan de emerxencia exterior estará á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (rúa Roma 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de emerxencias.

Artigo 2

Deixar sen efecto o Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove, aprobado polo Decreto 87/2012, do 23 de febreiro (DOG núm. 50, do 12 de marzo).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes