A evidencia científica dispoñible indica que a estratexia más axeitada para diminuír o impacto sanitario e social dos trastornos adictivos no contexto actual é actuar mediante unha combinación de medidas que interveñan de xeito simultáneo nos ámbitos da exposición e a accesibilidade ás substancias psicoactivas e as condutas potencialmente adictivas, do seu consumo e da redución do dano asociado.
A Xunta de Galicia é unha administración sensible ao problema xerado polos trastornos adictivos e vén traballando neste tema desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 nace o Plan autonómico sobre drogodependencias froito da necesidade de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas que ata aquel momento se desenvolvía en Galicia. Este plan intentaba reunir todas as accións que se estaban a desenvolver para abordar e reducir os problemas derivados do consumo destas substancias. Desde o seu inicio buscou dirixir os esforzos da Administración autonómica en tres direccións: a organización, a planificación xeral e a coordinación das actuacións das diversas administracións, institucións e organismos implicados na loita contra as adiccións.
No ano 1996 apróbase a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece no seu capítulo II que a planificación dos obxectivos, das prioridades e das estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na nosa Comunidade Autónoma preveranse nun plan de Galicia sobre drogas. Esta lei indica, ademais, cales son as accións que se levarán a cabo nas áreas de prevención, asistencia, incorporación social, formación, investigación, coordinación e outras que xulguen oportunas as distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais.
A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue, ademais, as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia Nacional sobre Drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga (e os seus plans de acción).
Ambas as estratexias sinalan que unha das liñas de actuación prioritaria no ámbito da redución da demanda se refire á implantación de medidas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención e fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco que supón o consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Con este fin, as medidas de prevención deben incluír a detección e intervención temperás, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica (selectiva e indicada) dirixida tamén a familias e comunidades.
Outra liña incide no esforzo que se debe realizar na elaboración e implantación de medidas de redución da demanda eficaces e diferenciadas, e que sexan apropiadas para as necesidades específicas de determinados grupos, patróns ou modalidades de consumo específicos; con atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinados.
Por último, estas estratexias animan tamén a fomentar a participación e implicación activa e significativa da sociedade civil (incluídas as organizacións non gobernamentais, as persoas consumidoras de substancias adictivas e as usuarias dos servizos relacionados co consumo destas substancias) na loita contra este problema de saúde pública.
Esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención do consumo de substancias psicoactivas levadas a cabo polas entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor en Galicia.
A orde conta cun total de 32 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión destas axudas todas aquelas entidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver un proxecto obxecto desta orde.
En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA463F).
Artigo 2. Normativa aplicable
As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.
Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
Poderán concorrer á concesión destas subvencións todas as entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das condutas adictivas e que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4.
A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso das agrupacións de entidades, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.
Ningunha entidade privada poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.
Artigo 4. Requisitos
1. Estar inscrita, no momento da solicitude da subvención, no Rexistro de Entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese. No caso das solicitudes de agrupacións de entidades será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades privadas.
2. A existencia, ou creación, de ser o caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.
3. A unidade a que fai referencia o punto 2 estará constituída, polo menos, por unha persoa con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.
4. En cumprimento da prohibición establecida no punto 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade reserva para si o dereito de requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.
5. Presentar un proxecto de actuación para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028 orientado á prevención das condutas adictivas, que incluirá os seguintes programas:
a) Clase 1: ata 2 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 6.
b) Clases 2 e 4: entre 4 e 8 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 6, que abranguerán, cando menos, 2 dos 3 ámbitos de intervención principais: escolar, familiar e xuvenil.
c) Clase 3: os 4 programas enumerados no punto 3 do artigo 6.
6. A entidade solicitante deberá manifestar de xeito expreso a clase a que opta, segundo o indicado no artigo 10.
7. Se a Consellería de Sanidade actualiza a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas, o compromiso de realización de programas a que se refire o punto 5 estenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso e co fin de facilitar a transición, a Consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.
8. O proxecto presentado polas entidades pertencentes á clase 4 deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, podendo ser de carácter comunitario, municipal ou abranguer varios concellos para os cales se presente un proxecto común. A poboación destinataria do proxecto comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As entidades que pretendan desenvolver plans comunitarios acreditarán a poboación destinataria mediante un certificado municipal que indique a poboación da zona en que se desenvolve o proxecto.
9. As intervencións que se desenvolvan neste proxecto preventivo non poderán dirixirse á poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.
10. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades privadas sen ánimo de lucro, este requisito deberá ser cumprido por cada unha das entidades integrantes.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as declaracións incluídas nos anexos I e II serán suficientes para acreditar que a entidade está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.
11. Os materiais e publicacións, xa sexa en formatos impresos ou electrónicos, que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público, ser previamente revisados e aprobados pola Consellería de Sanidade e axustarse aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Ademais procurarán, en todo caso, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva.
Artigo 5. Convenios reguladores das agrupacións de entidades privadas sen ánimo de lucro
1. As entidades privadas sen ánimo de lucro poderán agruparse e presentar de maneira conxunta unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común.
2. Esta agrupación de entidades privadas sen ánimo de lucro deberá ser regulada mediante un convenio de colaboración cuxo obxecto sexa o desenvolvemento conxunto do proxecto e que conteña o seguinte contido mínimo:
a) O compromiso solidario de execución do proxecto e de aplicación solidaria da subvención. No caso de que algunha das entidades integrantes da agrupación cause baixa nela, as restantes comprométense a desenvolver o proxecto inicialmente proposto na súa área de influencia.
b) As achegas económicas e os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades agrupadas.
c) O compromiso de non disolver a citada agrupación en canto non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. O convenio de colaboración subscrito polas partes deberá achegarse no prazo máximo dun mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención, aínda que se poderá presentar coa solicitude de subvención.
Artigo 6. Contido dos proxectos
De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:
1. Serán programas básicos:
a) Ámbito escolar: «Saúde na escola» e «Non pasa nada, pasa algo?».
b) Ámbito familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».
c) Ámbito xuvenil: «Activa».
2. Serán programas complementarios:
a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Cambio de sentido», «Creative» (sempre que se leve a cabo con medios propios da entidade), «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».
b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.
Poderanse presentar ata un máximo de 3 programas complementarios. Neste caso terán unha especial valoración os programas «Construindo saúde», «EmPeCemos», e «Protego», así como aqueles outros que inclúan actividades relacionadas coa prevención do consumo de cannabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e as TIC.
Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas. O programa «Sísifo» soamente será valorado para as entidades que opten á clase 3.
3. Serán programas de intervención precoz dirixidos a persoas con trastornos por consumo de substancias en situación de emerxencia social (programa Sísifo), os seguintes:
a) Programa de captación activa e intervención en medio aberto.
b) Programa de centro de encontro e acollida.
c) Programa de intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos etc.
d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.
4. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.
Artigo 7. Funcións da unidade de prevención de condutas adictivas
Serán funcións da unidade de prevención a que se refire o punto 2 do artigo 4 as seguintes:
1. Executar e avaliar os programas de prevención de condutas adictivas incluídos no proxecto presentado, así como rexistrar as actividades realizadas na aplicación informática SAPIS.
2. Comunicar as variacións que se poidan producir na execución das actividades planificadas ou no cadro do persoal asignado, así como solicitar a autorización daquelas modificacións das actividades que afecten de xeito significativo a planificación inicial.
3. Ser un nexo de unión entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e calquera entidade ou institución que teña relación coa prevención das condutas adictivas e atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación sobre este tema no seu ámbito territorial. Do mesmo xeito deberá difundir á sociedade as actividades preventivas que se estean realizando.
4. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda, subministración e consumo de bebidas alcohólicas e produtos de tabaco, incluíndo aqueles que poidan ter que ver con publicidade sexista relacionada con este tema.
5. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do plan de trastornos adictivos vixente.
6. Elaborar os informes que permitan o seguimento e a avaliación dos proxectos preventivos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Saúde Pública.
7. Colaborar coas organizacións e institucións que a Dirección Xeral de Saúde Pública designe para monitorizar e avaliar as actividades e os programas preventivos desenvoltos.
8. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 8. Dispoñibilidade orzamentaria
1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.130.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:
a) Ano 2025: 355.000,00 €.
b) Ano 2026: 710.000,00 €.
c) Ano 2027: 710.000,00 €
d) Ano 2028: 355.000,00 €.
2. A contía a que se refire o punto 1 inclúe 996.581,86 euros procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos adictivos. A contía repartirase nas catro anualidades do seguinte xeito:
a) Ano 2025: 342.104,36 €.
b) Ano 2026: 261.791,00 €.
c) Ano 2027: 261.791,00 €.
d) Ano 2028: 130.895,50 €.
3. De acordo co previsto nos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
No caso de que se producise este incremento de crédito, procederase do seguinte xeito:
a) O incremento de créditos repartirase entre as entidades que, superando o limiar mínimo de puntuación, non recibiron subvención ou non acadaron o 100 % do solicitado na asignación ordinaria.
b) Para calcular as contías das subvencións resultantes desta nova repartición aplicaranse os criterios establecidos no artigo 12.
c) A xustificación deste novo crédito dispoñible efectuarase de conformidade co disposto no artigo 27.
4. En calquera caso, a concesión destas subvencións limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.
5. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 30.
Artigo 9. Normas xerais sobre as subvencións
1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso, a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.
2. A subvención en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.
3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no punto 1. A porcentaxe de cofinanciamento calculada a partir do orzamento achegado no anexo I (solicitude) será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 30. Así, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se desenvolverá, resultado de sumar a subvención que se solicita, a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto e, se for o caso, outras axudas recibidas para este mesmo fin.
4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán inadmitidos ou excluídos se se detecta que non hai unha realización conxunta das actividades e que, polo tanto, supoñan actuacións independentes en cada integrante da agrupación.
5. Subvencionaranse os programas e as actividades recollidos no proxecto e desenvolvidas entre o 1.7.2025 e o 30.6.2028.
6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación de entidades privadas. Por iso, só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 10. No caso de entidades cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.
7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados con base na puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 11.
8. Só serán seleccionados para a adxudicación da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos na fase de baremación. No caso das entidades que concorran á clase 1, a puntuación mínima será de 15 puntos.
9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nesta orde.
10. Para o caso de que 2 ou máis proxectos acadasen a mesma puntuación na fase de baremación e fose necesario o desempate, aplicaranse os seguintes criterios:
a) O que obteña maior valoración na epígrafe 1 do artigo 11.
b) O que obteña maior valoración na epígrafe 6 do artigo 11.
c) O que obteña maior valoración na epígrafe 11 do artigo 11.
d) De persistir empate, resolverase por sorteo simple.
11. A subvención que se conceda para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 30.
Artigo 10. Clases e contías das subvencións
1. Clase 1. Entidades que desenvolven programas individuais.
Destínase a esta clase o 4,2 % do crédito sinalado no artigo 8.1 (89.460,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 5 proxectos que acaden maior puntuación. A subvención máxima que se outorgará a cada unha das entidades desta clase será de 21.000,00 €.
2. Clase 2. Proxectos de prevención de trastornos adictivos dirixidos a comunidades étnicas con especial risco.
Destínase a esta clase o 3,5 % do crédito sinalado no artigo 8.1 (74.550,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se solicitará será de 36.000,00 euros.
3. Clase 3. Proxectos de intervención precoz dirixidos a persoas con trastornos por consumo de substancias en situación de emerxencia social con carácter, cando menos, supraprovincial.
Destínase a esta clase o 22,8 % do crédito sinalado no artigo 8.1 (485.640,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden a maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se solicitará será de 235.000,00 euros.
4. Clase 4. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en plans comunitarios ou en un ou varios concellos.
Destínase a esta clase o 69,5 % do crédito sinalado no artigo 8.1 (1.480.350 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 14 proxectos que acaden a maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se solicitará será de 103.000,00 euros.
Artigo 11. Criterios de baremación
Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:
1. Calidade técnica do proxecto de prevención de condutas adictivas (ata 60 puntos). Os programas definidos no artigo 6 serán valorados do seguinte xeito:
a) Para as clases 1, 2 e 4, valorarase con ata 7,5 puntos cada un dos programas presentados. Os programas relacionados coa prevención do consumo de cannabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e as TIC verán aumentada a puntuación da súa valoración técnica nun 20 % (con tope na puntuación máxima para cada programa).
b) Para a clase 3, valoraranse os programas presentados do seguinte xeito:
1º) Ata 17 puntos polo programa de captación de persoas con trastornos por consumo de substancias e intervención na rúa.
2º) Ata 17 puntos polo programa de centro de encontro e acollida.
3º) Ata 14 puntos polo programa de diminución de riscos e redución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos etc.
4º) Ata 12 puntos polo programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.
Para a avaliación dos programas individuais e o cálculo da súa puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo alcanzable por cada programa. Este cálculo farase convertendo as unidades en puntos mediante regra de tres simple.
2. Grao de interacción da entidade cos recursos do seu contorno (administración local, recursos escolares, sociais e sanitarios), definido na memoria explicativa e acreditado coas xustificacións oportunas dos organismos referidos: ata 7 puntos.
3. Coa fin de fomentar a agrupación de entidades, incentivaranse aqueles proxectos que promovan o asociacionismo e a xestión compartida de recursos presentando un proxecto común. Así, ao proxecto que agrupe dúas ou máis entidades daráselle 5 puntos.
4. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de condutas adictivas, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:
a) Tempo de colaboración igual ou superior a 13 anos: 9 puntos.
b) Tempo de colaboración entre 10 anos e menos de 13 anos: 7 puntos.
c) Tempo de colaboración entre 7 anos e menos de 10 anos: 5 puntos.
d) Tempo de colaboración entre 4 anos e menos de 7 anos: 3 puntos.
e) Tempo de colaboración entre 1 ano e menos de 4 anos: 1 punto.
No caso das agrupacións de entidades, a puntuación que se lles asignará será a da entidade con maior tempo de colaboración.
5. Titulación e xornada laboral do persoal con que vaia contar a entidade beneficiaria para levar a cabo o proxecto. Valorarase do seguinte xeito, con ata 11,5 puntos, o persoal propio da entidade ou entidades, se é o caso, a xornada completa:
– Por cada persoa con título universitario oficial de grao e formación máster específica sobre adiccións: 2,5 puntos.
– Por cada persoa con título universitario oficial de grao: 2 puntos.
– Por cada persoa con título de técnico superior: 0,5 puntos (máximo 2 puntos).
Para valorar as xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a que estableza o convenio colectivo estatal de acción e intervención social vixente no momento de aplicar este criterio. A valoración das xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nas epígrafes anteriores e redondeando a puntuación a dous decimais.
6. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas. Valorarase con ata 0,5 puntos do seguinte xeito:
– Desde o 2 % ata o 10 %: 0,15 puntos.
– Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,25 puntos.
– Máis do 20 %: 0,5 puntos.
No caso de agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.
7. Emprego de persoas perceptoras da Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de inclusión social de Galicia: outorgaranse 0,5 puntos ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.
No caso de agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando máis do 70 % das entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:
– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,15 puntos.
– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,25 puntos.
– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,5 puntos.
8. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas descendentes delas que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, de 27 de novembro: outorgaranse 0,5 puntos ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.
No caso de agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando máis do 70 % das entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nestas circunstancias. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:
– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa que se atope nestas circunstancias: 0,15 puntos.
– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa que se atope nestas circunstancias: 0,25 puntos.
– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa que se atope nestas circunstancias: 0,5 puntos.
9. Emprego de persoas maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos 2 anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo cos criterios seguintes:
– Máis do 10 % e ata o 25 % de de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos 2 anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,25 puntos.
– Máis do 25 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos 2 anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.
No caso de agrupacións, para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de persoas maiores de 45 anos realizadas por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos 2 anos.
10. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Valorarase con 0,5 puntos.
No caso de agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando máis do 70 % das entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:
– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,15 puntos.
– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,25 puntos.
– Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,5 puntos.
11. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante. Valorarase con ata 5 puntos do seguinte xeito:
a) Máis do 14 %: 5 puntos.
b): Máis do 12 % e ata o 14 %: 4 puntos.
c) Máis do 10 % e ata o o 12 %: 3 puntos.
d): Máis do 8 % e ata o 10 %: 2 puntos.
c) Desde o 6 % e ata o 8 %: 1 punto.
12. Valoración da execución en convocatorias de axudas previas. A puntuación total obtida trala aplicación dos criterios dos puntos 1 a 11 deste artigo reducirase ata un 6 % se a entidade solicitante foi beneficiaria dunha subvención nesta mesma convocatoria no ano 2022 e nela se dou algunha das seguintes circunstancias:
a) Xustificacións económicas insuficientes. A entidade beneficiaria achegou, en todas as xustificacións económicas, xustificacións por importe inferior ao 80 % da contía requirida en cada pagamento. A puntuación reducirase nun 2 %.
b) Incumprimento de prazos na achega de documentación. A entidade beneficiaria incumpriu en máis do 30 % dos casos os prazos de xustificación ou achega de documentación e os requirimentos. A puntuación reducirase nun 2 %.
c) Incumprimento de realización do proxecto planificado. A entidade beneficiaria deixou de realizar algún dos programas comprometidos no proxecto preventivo, sempre que fose motivado por causas atribuíbles á propia entidade e non a terceiros alleos a ela. A puntuación reducirase nun 2 %.
Artigo 12. Cálculo das contías das subvencións
1. Os posibles excedentes derivados da non selección de ningún proxecto nunha ou en varias clases redistribuiranse entre as demais do seguinte xeito:
a) No caso de que se xerara algún resto nas clases 1, 2 e/ou 3 (xa sexa por non resultar seleccionado ningún proxecto ou por que as entidades seleccionadas xa tivesen asignado o 100 % solicitado) o orzamento global destinado a esa ou esas clases pasaría integramente á clase 4.
b) De quedar vacante a clase 4, o excedente repartiríase a partes iguais entre as clases 1, 2 e 3.
2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, a continuación, o das clases 2, 3 e 4 sucesivamente.
3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:
a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados para obter un valor en euros para cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase multiplicando o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.
b) Se despois destes cálculos a contía resultante fose superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 9.2, xerándose un resto orzamentario coa diferencia entre ambas as cantidades.
c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non teñan acadado o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación realizarase calculando un novo euro/punto con base na suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se, finalizadas estas operacións, seguise existindo algún resto orzamentario, volvería a repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste punto ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.
4. De darse o caso de que todos os proxectos dunha clase acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade a repartir na seguinte.
5. De darse o caso de que todos os proxectos da clase 4 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.
Artigo 13. Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) No caso de que a solicitude sexa presentada por unha entidade de forma individual:
1º. Memoria explicativa do proxecto de prevención, que se axustará ás características definidas no anexo VIII desta orde.
2º. Autorización da solicitude da subvención, a través do certificado emitido pola persoa representante da entidade, segundo o formulario normalizado do anexo III, en que se fará constar o acordo do órgano competente da entidade polo que se autoriza a solicitude da subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e que se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
3º. Certificado sobre criterios de baremación, segundo o formulario normalizado no anexo IV.
4º. Plan de Igualdade da entidade solicitante.
b) No caso de solicitudes conxuntas presentadas por unha agrupación de entidades privadas sen ánimo de lucro:
1º. Memoria explicativa do proxecto de prevención, que se axustará ás características definidas no anexo VIII desta orde.
2º. Autorización da solicitude da subvención, a través do certificado emitido pola persoa representante da entidade, segundo o formulario normalizado do anexo III, no cal se fará constar que, segundo os acordos adoptados polo órganos competentes de cada unha das entidades agrupadas e/ou os certificados emitidos polas persoas representantes de cada unha destas, as entidades integrantes da agrupación acordan:
– O compromiso solidario da execución e da aplicación solidaria da subvención.
– Solicitar a subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
– Nomear a persoa representante da entidade solicitante como coordinadora, interlocutora, perceptora e xustificadora da axuda.
Os acordos orixinais emitidos polas entidades privadas sen ánimo de lucro integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polas persoas representantes de cada unha destas deberán quedar en poder da entidade privada representante para achegalas no procedemento se fose requirida polo órgano tramitador.
3º. Certificado sobre criterios de baremación, segundo o formulario normalizado no anexo IV.
4º. Plans de igualdade de todas as entidades que integran a agrupación.
5º. Convenio de colaboración subscrito polas partes (potestativo no momento da solicitude).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 16. Emendas da solicitude
As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase a entidade interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no citado artigo.
Artigo 17. Instrución e Comisión de Valoración
1. Órganos competentes.
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A Subdirección Xeral de Estilos de Vida Saudables, a través do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.
2. Comisión de Valoración.
Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso, a comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.
Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída na forma en que se establece máis adiante neste artigo.
Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A Comisión de Valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.
A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:
a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.
b) Vogalías:
1º) A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.
2º) Unha persoa do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, que exercerá as funcións de secretaría.
3º) O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública que, para os efectos, designe a persoa que teña atribuídas as funcións de presidencia da comisión, como persoas responsables da avaliación, se é o caso.
Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.
3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da Comisión de Valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada, a cal non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.
Artigo 18. Resolución
1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada e conterá, de maneira expresa, a relación das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.
2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de catro meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes.
3. Poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración ou incumprimento das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.
4. Infórmase ás entidades interesadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 19. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Aceptación e renuncia
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
2. A aceptación ou a renuncia da subvención farase presentando o formulario normalizado proposto no anexo V.
3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Se non se achega coa solicitude, as agrupacións de entidades privadas deberán remitir, no prazo dun mes contado desde a notificación da concesión, o convenio de colaboración subscrito polas partes, co contido especificado no artigo 5.
Artigo 21. Reformulación
1. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria para que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes para estes efectos. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa polo cal se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.
2. O contido da reformulación, unha vez aceptada, marcará os compromisos económicos e de actividade que asumirá a entidade beneficiaria durante o desenvolvemento do proxecto de actuación.
Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 24. Recursos
1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa, e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade.
2. Igualmente, procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.
Artigo 25. Subcontratación
Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiras persoas ou empresas a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización, por si mesma, da actividade subvencionada.
Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
As entidades beneficiarias poderán subcontratar ata o 75 % da contía total concedida.
Artigo 26. Conceptos subvencionables
1. Consideraranse gastos subvencionables unicamente aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 9.5.
As subvencións outorgadas nesta convocatoria dirixiranse a financiar gastos correntes, isto é, aqueles necesarios para o desenvolvemento das actividades programadas; quedando excluídos os gastos de capital.
2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:
a) Gastos de persoal laboral da entidade.
Custo total, que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. Soamente serán subvencionables os gastos que figuren na memoria da solicitude do proxecto e na porcentaxe que se corresponda co número de horas dedicadas indicadas na citada memoria, excepto que, por necesidades xustificadas, sexa necesario modificala. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de 30 días desde o momento en que se produza. Non se aceptarán gastos que supoñan un incremento do número de horas dedicadas ao proxecto e que non fosen comunicados previamente.
As retribucións do persoal laboral imputables á subvención, que constitúen parte dos gastos correntes, estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos profesionais establecidos no convenio colectivo estatal do sector de acción e intervención social vixente no momento de achegar a xustificación económica. Os importes recollidos están referidos a 14 pagas anuais para a xornada completa que estableza o citado convenio. Para xornadas inferiores á completa, realizarase o cálculo proporcional.
Soamente terán a consideración de subvencionables os custos en que incorran as entidades beneficiarias respecto do persoal en situación de incapacidade laboral temporal cando:
1) A baixa non supoña a paralización da actividade, mediante substitución da persoa de baixa, reasignación das súas tarefas ou subcontratación puntual. Este feito deberá ser informado á Dirección Xeral de Saúde Pública.
2) A baixa, aínda supoñendo a paralización da actividade, non supere os 30 días para un mesmo contrato laboral durante o período de execución do programa.
b) Gastos de persoal en réxime de arrendamento de servizos.
Este tipo de contrato soamente se admitirá no caso de que non resulte adecuado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate por persoal suxeito á normativa laboral vixente.
En consecuencia, procederá en supostos de contratación de persoas que exerzan profesións liberais para as cales se exixa colexiación e outras persoas expertas pertencentes ao terceiro sector social, cando concorran as seguintes circunstancias:
– Que estea dado de alta segundo o modelo 036 de declaración censual.
– Que non estea dentro do ámbito da organización da entidade subvencionada ou reciba instrucións concretas desta no referente ao modo de execución do traballo encomendado.
– Que non estea suxeito a un horario fixo.
– Que asuma os riscos derivados da prestación do servizo.
c) Axudas de custo e gastos de viaxe, segundo as contías fixadas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia e revisadas mediante os acordos correspondentes do Consello da Xunta de Galicia, para o grupo 2º do persoal empregado público da Xunta de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 5 % do importe total subvencionable do programa, excepto que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe.
d) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución.
Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do programa por parte da entidade e da revisión da conta xustificativa, de ser o caso, ata un máximo do 5 % do importe da subvención.
e) Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, tales como os correspondentes aos alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.
Os gastos de alugamento, así como os correntes de subministracións (auga, luz, etc.)non poderán ser imputados ao 100 %, agás que se certifique que ese gasto corresponde de maneira exclusiva á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario, soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.
f) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.
g) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.
h) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.
i) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a/s entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe/n efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptibles de recuperación ou compensación.
j) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.
4. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrante das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Saúde Pública por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
6. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
Artigo 27. Xustificación
1. Coa fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida, as entidades beneficiarias remitirán nas datas sinaladas no artigo 30 a documentación que se enumera neste artigo. A presentación farase obrigatoriamente por medios electrónicos e a través dos formularios normalizados dispoñibles na carpeta cidadá da persoa que solicitara a subvención en nome da entidade beneficiaria (procedemento SA463F), na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. As entidades que resulten beneficiarias de subvencións por importe igual ou superior a 50.000,00 euros deberán realizar a xustificación a través de conta xustificativa con achega do informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso contrario, poderán optar por esta modalidade ou pola de conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto e de pagamento, segundo o artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como da declaración doutras axudas para a mesma finalidade, segundo o formulario do anexo II.
3. En ambos os casos deberase presentar:
a) Memoria técnica xustificativa da actuación subvencionada. Especificará as principais actividades realizadas e os resultados obtidos, así como a súa relación directa cos gastos realizados na execución dos programas financiados que se imputen á subvención, conforme a desagregación orzamentaria establecida. A memoria deberá de recoller os puntos indicados no anexo IX e deberá estar asinada. O rexistro detallado das actividades realizadas incluirase na aplicación web corporativa SAPIS.
b) Memoria económica abreviada xustificativa do custo das actividades realizadas, que estará composta polos seguintes documentos:
– Certificado de tesouraría sobre o cumprimento da finalidade da subvención, dos gastos totais realizados, segundo o formulario do anexo VI, asinado pola persoa titular da tesouraría da entidade ou quen exerza as súas funcións, co visto e prace da persoa titular da presidencia.
– Ficheiro en formato folla de cálculo coa relación de todos os gastos da actividade, que incluirá a información contida no anexo VII.
c) Certificados de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, no caso de que a entidade non autorize a súa consulta na plataforma de interoperatibilidade.
4. No caso de realizar a xustificación mediante informe de auditoría, a xustificación deberá incluír, ademais dos documentos enumerados no punto anterior, informe dunha persoa auditora de contas inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, para cuxa comprobación se entregará, xunto coa documentación xustificativa, certificación rexistral de tal aspecto. O citado informe de auditoría rexerase polos requisitos establecidos no artigo 28.
5. Considéranse conceptos subvencionables os recollidos no artigo 26.
6. Segundo o artigo 9.5, as actuacións que se subvencionan efectuaranse desde o 1.7.2025 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento deberán referirse unicamente a gastos xerados a partir desa data.
7. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.
Artigo 28. Informe de auditoría
1. A auditoría realizarase de acordo co establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados na lei.
A Dirección Xeral de Saúde Pública poderá solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.
2. A verificación que debe realizar a auditoría de contas terá, en todo caso, o seguinte alcance:
a) O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.
b) A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias tendo en conta a documentación xustificativa que lle debe ser achegada segundo o artigo 29, e os conceptos subvencionables determinados no artigo 26 desta orde.
c) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades, foron financiadas coa subvención.
d) Enumeración das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, coidando que non exista sobrefinanciamento das actividades.
e) Coherencia da memoria de actuación cos documentos de xustificación económica. Se existe desviación respecto ao orzamento aprobado cuberto na memoria explicativa achegada no inicio da tramitación, engadirase explicación das desviacións.
f) Mención ao grao de cumprimento do obxecto da orde.
g) Mención ao cumprimento das obrigas establecidas no artigo 31.
h) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento do deber de información e do financiamento público da acción subvencionada.
3. A persoa auditora, unha vez finalizada a revisión da conta xustificativa, emitirá un informe no que incorporará os seguintes aspectos:
a) O detalle dos procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e o importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertidas respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.
b) Listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selada e asinada pola persoa auditora.
c) Mención expresa sobre se a entidade beneficiaria facilitou canta información lle solicitou a persoa auditora para realizar o traballo de revisión. No caso de que a entidade non facilite a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia, con indicación da información omitida.
d) Resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte da entidade beneficiaria da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, e deberá proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.
4. Se a entidade beneficiaria está obrigada a auditar as súas contas anuais por unha persoa auditora de conformidade coa Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, a revisión da conta xustificativa levaraa a cabo a mesma persoa auditora. No caso contrario, a designación da persoa auditora será realizada pola propia entidade beneficiaria e terá condición de gasto subvencionable ata o límite indicado no artigo 26.3.d) desta orde.
Artigo 29. Documentación xustificativa dos gastos
1. Na conta xustificativa que a entidade beneficiaria proporcione á persoa auditora no caso de xustificar mediante a modalidade de informe de auditoría, ou na que proporcione á Dirección Xeral de Saúde Pública no caso de xustificar mediante conta xustificativa, deberá figurar a seguinte documentación, segundo o tipo de gasto de que se trate:
a) Gastos de persoal: deberá achegarse, xunto coas nóminas correspondentes e os seus xustificantes bancarios de pagamento:
– TC1: recibo de liquidación das cotizacións de cada mes de que se imputen nóminas.
– TC2: relación nominal de traballadores de cada mes de que se imputen nóminas.
– Xustificante de pagamento mensual da Seguridade Social e modelo 111 e 190 de ingresos por retencións de IRPF, xunto cos seus xustificantes de pagamento, sen prexuízo do indicado no artigo 26.6.
No caso das pagas extraordinarias, poderase imputar a parte proporcional dos meses e horas imputadas desas nóminas ás actividades do programa.
b) Gastos de viaxe: deberán ir acompañados dun informe do/da presidente/a en que se especifique quen realizou a viaxe e a necesidade do desprazamento dentro dos fins do proxecto, así como achegar todos os xustificantes de recepción e billetes do medio empregado.
c) Gastos de alugamento: ademais da factura e do xustificante bancario de pagamento, deberá achegarse:
– Copia do contrato de alugamento.
– Modelos 115 e 180, xunto co seu correspondente xustificante bancario de pagamento.
d) Gastos de arrendamento de servizos:
– Copia do contrato en que deberá reflectirse a categoría profesional, o período de prestación de servizos e as horas de intervención no programa.
– Certificado do representante legal da entidade aclarando as razóns excepcionais polas que o programa non se pode desenvolver mediante persoal propio.
– Factura que inclúa:
• Nome, apelidos e NIF do traballador, data e período de liquidación.
• Retención por IRPF.
• IVE aplicado, se procede. No caso de exención do pagamento do IVE, especificar a normativa que o xustifica.
– Impresos 111 e 190 de ingresos por retencións de IRPF e xustificante bancario de pagamento que debe mostrar en que data se fixo o cargo na conta.
– Copia do modelo 036 de declaración censual de alta.
e) Gastos derivados da realización da auditoría de contas:
– Contrato en que figuren os honorarios e as horas estimadas.
– Factura e documento acreditativo dos pagamentos.
f) Nos casos de subcontratación doutras empresas:
– Declaración responsable da persoa representante legal da entidade subcontratada de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Outros gastos correntes:
– Factura e documento acreditativo do pagamento.
Artigo 30. Pagamento e xestión económica
1. Todos os pagamentos terán carácter de pagos anticipados e a conta. A tramitación dos pagamentos correspondentes aos anos 2025, 2026, 2027 e 2028 quedará condicionada á revisión e validación da xustificación do pagamento inmediatamente anterior. No caso de que unha xustificación resulte insuficiente para xustificar o pagamento anticipado e a conta correspondente, reducirase proporcionalmente a contía do seguinte pagamento anticipado, de acordo co establecido no punto 2. Se a xustificación do cuarto pagamento anticipado fose insuficiente, a Consellería de Sanidade tramitará directamente o reintegro que corresponda.
2. Os pagamentos tamén se reducirán proporcionalmente respecto da contía inicialmente concedida se a entidade beneficiaria non leva a cabo os programas comprometidos no proxecto ao que fai referencia o artigo 4.3, excepto no caso de que a imposibilidade de realizar estes programas estea motivada por causas alleas á propia entidade.
3. A redución dos pagamentos a que fai referencia o punto 1 realizarase tomando como referencia os seguintes aspectos:
a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.
b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I (solicitude), que marcará as contías a asumir por parte da entidade beneficiaria e da Consellería de Sanidade.
c) Se se producise a concorrencia con outras subvencións ou axudas.
4. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 62.4 e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e faranse efectivos do seguinte xeito:
a) Anualidade de 2025.
Primeiro pagamento anticipado e á conta, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2025. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, tras a aceptación da subvención concedida.
A xustificación deste primeiro pagamento anticipado incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2025 e o 31.12.2025. A data límite para a presentación da xustificación será o 31.1.2026.
b) Anualidade de 2026.
Segundo pagamento anticipado e á conta, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2026. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do primeiro pagamento anticipado.
A xustificación deste segundo pagamento anticipado incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.1.2026 e o 31.12.2026. A data límite para a presentación da xustificación será o 31.1.2027.
c) Anualidade de 2027.
Terceiro pagamento anticipado e á conta, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2027. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do segundo pagamento anticipado.
A xustificación deste terceiro pagamento anticipado incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.1.2027 e o 31.12.2027. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.1.2028.
d) Anualidade de 2028.
Cuarto pagamento anticipado e a conta, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2028. Efectuarase unha vez revisada e validada a xustificación do terceiro pagamento anticipado.
A xustificación deste cuarto pagamento anticipado incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.1.2028 e o 30.6.2028. A data límite para a presentación da xustificación deste pagamento será o 31.7.2028.
Artigo 31. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro
1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a:
a) Someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 27.
c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que procedan, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e do artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Ter subscrita unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, conforme o previsto nos artigos 7.g), e 11.i), da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.
f) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.
2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade, que deberá ser comunicada ao órgano concedente nos tempos establecidos nos artigos 14, 27 e 28.
3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 32. Infraccións e sancións
No relativo a esta materia rexerá o disposto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Disposición adicional primeira. Información básica a persoas interesadas sobre protección de datos persoais.
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Órgano responsable
A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
