DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 2025 Páx. 49671

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO do 3 de setembro de 2025 da Orde do 2 de setembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463F).

BDNS (Identif.): 855024.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/855024

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA463F).

Segundo. Entidades beneficiarias

Entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das condutas adictivas.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso das agrupacións de entidades, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.

Ningunha entidade privada poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Requisitos para ser entidade beneficiaria:

1º. Estar inscrita, no momento da solicitude da subvención, no Rexistro de Entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese. No caso das solicitudes de agrupacións de entidades, será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades privadas.

2º. A existencia, ou creación, de ser o caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.

3º. As entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade reserva para si o dereito de requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.

4º. Presentar un proxecto de actuación para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028 orientado á prevención das condutas adictivas, onde deberá manifestar expresamente a que clase, das previstas na orde opta.

5º. Os proxectos non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

6º. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades privadas sen ánimo de lucro, este requisito deberá ser cumprido por cada unha das entidades integrantes.

7º. Os materiais e publicacións que se elaboren deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público, ser previamente revisados e aprobados pola Consellería de Sanidade e axustarse aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Ademais, procurarán, en todo caso, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 2 de setembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463F).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.130.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2025: 355.000,00 €.

b) Ano 2026: 710.000,00 €.

c) Ano 2027: 710.000,00 €

d) Ano 2028: 355.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade