DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 17 de setembro de 2025 Páx. 50078

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre modificación da clasificación do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Santiago de Compostela relativa á modificación da denominación do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela, emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Orde do 8 de abril de 2002, da entón denominada Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas, publicada no Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril, procedeuse á creación e clasificación dun posto de traballo de colaboración reservado a PFHN, pertencente á subescala de secretaría, categoría superior, e denominado vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela.

Este posto de traballo na actualidade atópase vacante por inexistencia de titular definitivo.

Segundo. O Concello de Santiago de Compostela presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2025/2252671) solicitude relativa á modificación da clasificación do citado posto de traballo reservado a PFHN, e xunta a esta solicitude a seguinte documentación:

– Memoria xurídica e económica xustificativa da modificación das características esenciais do citado posto de traballo reservado con base nas funcións atribuídas a este na relación de postos de traballo da dita entidade.

– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Santiago de Compostela para o exercicio económico 2025 polo importe de 146.129.089,50 euros.

– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Santiago de Compostela, que ascende a 99.536 habitantes.

– Certificación da Secretaría relativa ao Acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, do 22 de xullo de 2024, sobre a aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo da dita entidade en que se inclúe o cambio na denominación do posto reservado de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela, que pasa a denominarse secretario/a de Administración municipal e na cal se indica que, logo de someterse a información pública mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 143, do 26 de xullo de 2024, foi aprobada definitivamente na sesión da Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela do 9 de setembro de 2024 (Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 177, do 13 de setembro, e corrección de erros no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 184, do 24 de setembro).

Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en adiante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados a PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en adiante, Real decreto 128/2018).

Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación. A relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local debe ser onde queden reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.

Terceiro. De conformidade co previsto no artigo 121 da LRBRL, as normas previstas no título X da citada lei sobre o réxime de organización dos municipios de gran poboación serán de aplicación aos municipios que sexan capitais autonómicas, sempre que así o decidan as asembleas lexislativas correspondentes por iniciativa dos respectivos concellos. A referida circunstancia concorre no municipio de Santiago de Compostela, tras a entrada en vigor da Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación.

O capítulo II do título X da LRBRL regula a organización e funcionamento dos órganos municipais necesarios e o seu artigo 126.4 preceptúa que existirá un órgano de apoio á Xunta de Goberno Local e ao/á concelleiro/a-secretario/a desta, e o seu titular será nomeado entre PFHN.

O artigo 47 do Regulamento orgánico do Goberno e Administración municipal do Concello de Santiago de Compostela preceptúa que o órgano de apoio á Xunta de Goberno Local e ao/á seu/súa concelleiro/a-secretario/a se denomina vicesecretario/a ou secretario/a da Administración municipal.

O artigo 55 do Regulamento orgánico do Goberno e Administración municipal do Concello de Santiago de Compostela indica que o/a vicesecretario/a ou secretario/a da Administración municipal (titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno Local e ao/á concelleiro/a-secretario/a) é un órgano directivo.

En virtude do anteriormente exposto, trátase dun posto de traballo de natureza directiva e, ademais, de existencia preceptiva.

Cuarto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN. Igualmente, corresponderá ás comunidades autónomas a competencia para modificar a clasificación dos postos reservados ao PFHN.

Quinto. O expediente tramitado pola entidade local é conforme co disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, dado que Concello de Santiago de Compostela xustifica que a denominación anterior do posto, vicesecretario/a de clase primeira, respondía á súa configuración inicial como posto de colaboración, pero que despois da entrada en vigor do título X da LRBRL e da Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación, e a través do seu Regulamento orgánico de Goberno e Administración, a entidade outorgou á persoa titular do citado posto de traballo reservado as funcións atribuídas na normativa aplicable ao órgano de apoio á Xunta de Goberno Local e ao/á concelleiro/a-secretario/a desta.

En consecuencia, a entidade considerou necesaria esta modificación para remarcar a súa natureza de órgano de existencia preceptiva e de carácter directivo, independente e sen relación xerárquica de subordinación á Secretaría Xeral do Pleno.

Por outra banda, a citada entidade local comunica que, mediante acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela do 9 de setembro de 2024, foi aprobada definitivamente a modificación da relación de postos de traballo da dita entidade local, en que se inclúe o cambio na denominación do posto reservado de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela, que pasa a denominarse secretario/a de Administración municipal.

Sexto. A disposición adicional 4ª.2.b) do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, sinala que a clasificación dos postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, nos municipios incluídos no ámbito de aplicación do título X da LRBRL, será efectuada pola comunidade autónoma correspondente, de acordo cunha serie de criterios, entre os que destaca o sinalado na letra b) do citado precepto, que indica que o posto de titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno Local e ao/á concelleiro/a-secretario/a desta está reservado á subescala de secretaría, categoría superior, e deberá clasificarse na clase 1ª.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a clasificación do posto de traballo reservado a PFHN de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Santiago de Compostela, prevista na Orde do 8 de abril de 2002, da entón denominada Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas, publicada no Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril, que pasa a quedar configurado como posto de carácter directivo e de existencia preceptiva, conforme as seguintes características:

– Entidade Local: Concello de Santiago de Compostela.

– Posto: secretario/a de Administración municipal.

– Subescala: secretaría, categoría superior.

– Forma de provisión: libre designación.

– Nivel de complemento de destino: 30.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e anotar no Rexistro integrado de PFHN as modificacións operadas no citado posto de traballo reservado.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local