DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 17 de setembro de 2025 Páx. 50109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/031-4).

Expediente: IN407A 2023/031-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Soterramento LMT TRO716, CT e CS.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 25.1.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Soterramento LMT TRO716, CT e CS.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado 482, do Colexio Oficial de Técnicos Industriais de Ourense, e no que figura un orzamento total de 311.195,75 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a adecuación dun tramo da liña de distribución de enerxía eléctrica de media tensión TRO716. Para isto están previstas as seguintes actuacións na estrada da Madroa, no concello de Vigo (Pontevedra):

– Desmóntase un tramo de 710 m de liña de media tensión aérea, con condutor LAC-28, desde o CT Paradela 36A922 ata o CT existente Padín 1 36CBHM, e 13 apoios. Así mesmo, desmóntase un segundo tramo de 11 m de liña, con condutor LAC-28, desde o apoio A0THL5E3//8 ata o apoio A0TNKNSA//8-1, e desmóntase este último apoio, facendo un total de 14 apoios, que se detallan a seguir: A0MA5W5C//1-1-CTA, (apoio dobre, no que se retira un deles e se conserva outro no que se atopa a liña de baixa tensión); A0N33U1U//1 e o XS 36HKH3; A0NWA53B//2; A0OXFWJL//3; A0QFKL21//4 e o XS 36HN09; A0RA1F2L//5; A0S0P1RO//6; A0SPEMJ2//7, A0THL5E3//8; A0TNKNSA//8-1 e o XS 36DDX2; A0SRMXQN//9; A0S4G970//10; A0QXJ8J3//11 e un último apoio de formigón sen matrícula situado á beira do CT Padín 1.

– Proxéctase a substitución do centro de transformación existente con matrícula 36A922 CT Paradela-Vigo e no seu lugar instalarase:

– Centro de transformación compacto de 400 kVA telecontrolado GSM/GPRS/FO 2L1P 400 kVA/15 kV con envolvente prefabricada e manobra exterior.

– Centro de seccionamento 3L 2 telecontroladas GSM/GPRS/FO C/trafo tensión 15 kV manobra exterior.

– Tendido dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) en catro actuacións.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

A Demarcación de Estradas do Estado non emitiu o condicionado técnico, polo que en consecuencia se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. Mediante escritos do 7.3.2023 este departamento territorial púxolles de manifesto este procedemento ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas afectadas, este departamento publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 21.3.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 24.3.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 7.3.2023 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 29.3.2023.

– Xornal Faro de Vigo: 13.4.2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria (antes Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Durante este trámite Manuel López Rodríguez presentou alegacións. En resumo, solicita que se tomen medidas necesarias e precisas para aminorar ao máximo a emisión de radiacións electromagnéticas que poidan producirse, así como as medidas oportunas para a correcta canalización do curso de auga procedente dun lavadoiro.

5. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A exposición aos campos eléctricos e magnéticos de frecuencia industrial xerados polas instalacións eléctricas de alta tensión non supoñen risco para a saúde pública, tal e como indica o informe técnico «Campos electromagnéticos e saúde pública» elaborado por un comité de expertos independentes reunidos polo Ministerio de Sanidade e Consumo e publicado en xuño de 2021, no cal se chega á seguinte conclusión: «Non pode afirmarse que a exposición a campos electromagnéticos dentro dos límites establecidos na Recomendación do Consello Europeo (1999/519/CE)... produza efectos adversos para a saúde humana. Por tanto, o Comité conclúe que o cumprimento da citada recomendación é suficiente para garantir a protección da poboación».

O proxecto de execución destas obras foi elaborado de acordo coa normativa vixente, así como cos seus condicionantes técnicos.

6. O 9.4.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica.

Con respecto ás alegacións, sinalan que:

No proxecto técnico administrativo, no relativo ás condicións electromagnéticas, se establece que no deseño do centro de transformación se adoptaron as medidas necesarias para minimizar no exterior da instalación os campos electromagnéticos xerados pola circulación de corrente a 50 Hz, en cumprimento do establecido no punto 4.7 da ITC RAT 14. Para a comprobación de que non se superan os valores límite establecidos no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas, remite aos cálculos recollidos no proxecto tipo «Proxecto tipo para a construción de centro de transformación en envolvente prefabricada e non prefabricada. Código IT.08021. ES-DE.NOR», aprobado pola Resolución do 24 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Segundo se especifica no seu anexo 01, a referida comprobación lévase a cabo mediante os cálculos realizados no informe técnico de referencia ITE-150759 01: centros de transformación compactos de superficie con envolvente de formigón e manobra exterior, elaborado por unha entidade competente e independente e baseado en medicións reais realizadas en condicións máis restritivas de funcionamento, que demostra que os centros de transformación que se rexen por esta tipoloxía construtiva cumpren sobradamente cos límites de exposición establecidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, en catro actuacións. A primeira é de 14 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT subterránea TRO716 existente, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado, que substitúe ao centro de transformación Paradela-Vigo (36A922). A segunda ten 523 metros de lonxitude, con orixe na LMT subterránea TRO716 existente e final no centro de seccionamento proxectado. A terceira é de 17 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final na LMT subterránea ao centro de transformación túnel A Madroa (36PDQ8). A cuarta é de 258 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación Padín 1 (36CBHM).

– Centro de transformación (CT) a 400 kVA, con RT 15 kV/420 V, situado na Subida á Madroa.

– Centro de seccionamento (CS) 3L, dúas telecontroladas, compactas con corte en SF6, situado nas proximidades do cementerio de Teis.

A instalación está situada na estrada A Madroa, no concello de Vigo (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

Con relación aos campos magnéticos, remítese á contestación dada polos servizos técnicos desta unidade, recollida no sexto feito desta resolución.

Con relación á debida canalización do curso de auga, sublíñase que as obras deben contar coas autorizacións dos organismos pertinentes, así como cumprir cos condicionantes técnicos que lle son propios.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar a empresa UFD Distribución Electricidad S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento LMT TRO716, CT e CS, expediente IN407A 2023/031-4.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberanse cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 22 de agosto de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados-Concello de Vigo

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

CT/CS (m²)

1

Cr. A Madroa

Urbano

6380203NG2768S0001WB

Descoñecido/a

CT

16,81

2

Pugariño

Monte alto

54057A002004490000AA

Manuel Quinzán Pardo

CS

15,48