DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 19 de setembro de 2025 Páx. 50332

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 15 de setembro de 2025 pola que se amplía o período subvencionable e o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C).

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que «En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital».

Pola súa banda, o artigo 18 das bases reguladoras dispón que «O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa do investimento realizado segundo o modelo do anexo IX, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 30 de setembro de 2025».

Tendo en conta o longo proceso de revisión e concesión das solicitudes, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os artigos 1.3 e 18.1 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 1.3 das bases reguladoras da Orde do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C)

O segundo parágrafo do artigo 1.3 da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2024 ata o 24 de outubro de 2025, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital».

Artigo 2. Modificación do artigo 18, número 1, das bases reguladoras da Orde do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C)

O artigo 18.1 queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa do investimento realizado segundo o modelo do anexo IX, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 24 de outubro de 2025; xunto con este anexo presentarase a seguinte documentación:»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración