O Pleno municipal en sesión ordinaria que tivo lugar o día 31.7.2025 aprobou inicialmente a modificación número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Pontedeume (PXOM) relativo ás determinacións normativas en solo de núcleo rural co correspondente resumo executivo redactado en maio de 2025 e asinado polo arquitecto Ángel Luis Monteoliva Díaz, en representación de Monteoliva Arquitectura, S.L.P.
De conformidade co previsto no artigo 60.6 e 83.6.b) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG), e no artigo 144.6 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG), ábrese un trámite de información pública durante un prazo dun mes mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.
A documentación que se someta a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o resumo executivo.
Este acordo determina a suspensión automática do procedemento de outorgamento de licenzas para usos e obras industriais categoría 1ª situación C e a categoría 2ª situación C. A dita suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a aprobación inicial e non afectará os supostos previstos no número 3 do artigo 86 do RLSG, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do plan (artigo 47.2 da LSG).
De conformidade co resumo executivo aprobado, a suspensión de licenzas circunscríbese ao solo de núcleo rural. A expresión gráfica deste concepto reflíctese no plano que se xunta no documento resumo executivo.
A documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse de xeito presencial nas dependencias do Departamento de Urbanismo do Concello de Pontedeume situadas na avenida de Ricardo Sánchez, 6 (Edificio Foremdes) con cita previa, que poderá solicitarse no seguinte teléfono 981 49 55 00 ou mediante o enderezo electrónico urbanismo@pontedeume.gal
As alegacións poderán presentarse mediante calquera dos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común de administracións públicas. Estará ao dispor das persoas interesadas na sede electrónica do Concello de Pontedeume e no Rexistro municipal de entrada un modelo de alegacións que facilite a súa presentación.
Pontedeume, 20 de agosto de 2025
José Simoes Couceiro
Alcalde en funcións
