DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 26 de setembro de 2025 Páx. 51111

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2025 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e á mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN607E).

missing image file

O 20 de agosto de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e á mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN607E).

No artigo 6 establecíase que o prazo de presentación de solicitudes comenzaría o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e remataría o 29 de setembro de 2025. Tendo en conta o grande interese que está a suscitar a convocatoria e que o prazo coincide parcialmente co período vacacional dalgúns destes centros de investigación, o que dificulta a presentación de solicitudes, considérase conveniente ampliar o prazo de presentación de solicitudes en dez (10) días hábiles.

O artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a posibilidade de que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por pedimento dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVE:

Artigo 1

Amplíase en dez (10) días hábiles, ata o 13 de outubro de 2025, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 6 da Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e á mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN607E).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación