Augas de Galicia, entidade creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e regulada polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, é unha entidade do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.
En virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a entidade pública empresarial Augas de Galicia quedou adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
O 23 de xuño de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Orde CIN/676/2023, do 16 de xuño, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación destinada a fomentar o desenvolvemento e a adquisición de produtos ou servizos innovadores.
O 24 de xuño de 2025 publicouse a Orde do 19 de xuño de 2025 pola que se aproba a convocatoria de tramitación anticipada correspondente ao ano 2025 das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).
Ao abeiro da orde de convocatoria citada anteriormente, Augas de Galicia ten previsto presentar unha solicitude de subvención para o financiamento do proxecto RegoSAT, no marco do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e a Axencia Galega de Innovación, para a colaboración e a compartición de coñecemento no marco do proxecto RegoSAT.
O artigo 7.17 da Orde do 19 de xuño de 2025 pola que se aproba a convocatoria correspondente ao ano 2025 das referidas axudas públicas establece que as solicitudes deberán estar asinadas mediante a sinatura electrónica cualificada do seu representante legal.
Igualmente, o punto sexto do extracto da Orde do 19 de xuño de 2025 indica que soamente se considerarán aquelas solicitudes debidamente presentadas e asinadas polo representante legal mediante a sinatura electrónica cualificada. Os certificados electrónicos que soportan estas sinaturas deben ser de representación da entidade ou de empregado público, se é o caso. Non se admitirán sinaturas soportadas por certificados electrónicos persoais.
Pola súa banda, o artigo 13.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que a Presidencia de Augas de Galicia lle corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de augas, quen exerce a representación legal da devandita entidade.
Na actualidade, a Presidencia de Augas de Galicia corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en quen se concentran, ademais das competencias propias da súa condición de membro do Goberno da Xunta de Galicia, as funcións que a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, lle atribúe como titular da Presidencia de Augas de Galicia.
A participación na convocatoria de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI) comporta a realización de xestións e trámites para os cales non só se requiren coñecementos no ámbito da innovación senón tamén axilidade na xestión administrativa que permita cumprir cos prazos establecidos na convocatoria de axudas.
O volume de competencias e funcións que ten atribuídas a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia non permite que se poidan realizar coa celeridade requirida todos os trámites que comporta a xestión administrativa desta convocatoria de axudas públicas.
Por este motivo, resulta necesario designar un representante de Augas de Galicia que poida realizar todas as actuacións que sexan precisas para a instrución do procedemento para a concesión das axudas públicas convocadas pola orde pola que se aproba a convocatoria correspondente ao ano 2025 das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).
O artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dispón que os interesados con capacidade de obrar poderán actuar por medio de representante, con quen se entenderán as actuacións administrativas, e que a representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.
Por todo iso,
RESOLVO:
1. Outorgar poder de representación a Gonzalo Mosqueira Martínez, con DNI **9470**, xerente de Augas de Galicia, para actuar en nome e representación da entidade pública empresarial Augas de Galicia no referido á xestión da solicitude de axuda que esta entidade ten intención de solicitar para o desenvolvemento do proxecto RegoSAT, ao abeiro da Orde do 19 de xuño de 2025 pola que se aproba a convocatoria correspondente ao ano 2025 das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).
2. Autorizar a Gonzalo Mosqueira Martínez para que, na relación co procedemento indicado, poida realizar cantas actuacións lle sexan requiridas para a instrución do procedemento, para achegar cantos datos e documentos se soliciten ou sexan de interese, recibir todo tipo de comunicacións, formular peticións e solicitudes, presentar declaracións responsables ou comunicacións, interpoñer recursos escritos e alegacións, manifestar a súa decisión de non efectuar ningunha alegación nin achegar novos documentos no correspondente trámite de audiencia, desistir de accións e renunciar a dereitos e, en xeral, realizar cantas actuacións lle correspondan ao representado no curso do devandito procedemento.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
