I
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
A LPCG, no artigo 1.2, establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».
Ademais, o artigo 8.2 da LPCG establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante, este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.
O artigo 10.1.f) da LPCG define a categoría de lugar de valor etnolóxico como o ámbito en que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.
Así mesmo, o artigo 91.3.c) da LPCG determina que se presume un valor etnolóxico e forman parte do patrimonio etnolóxico –entre outros– os muíños de mareas, incluíndo a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento, que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade.
II
Con data do 14 de marzo de 2023, o Concello de Cambados presenta, no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, unha solicitude de declaración de ben de interese cultural do Muíño da Seca, acompañada de diversa documentación na cal se xustificaba tal petición. Posteriormente, esta solicitude completouse coa achega de nova información.
III
O Muíño da Seca atópase na beira sur da ría de Arousa na comarca do Salnés, ao norte do municipio de Cambados, na parroquia de Corvillón. O edificio do muíño localízase na parte máis estreita da enseada de Cambados ou Fefiñáns, ao sur do lugar da Seca.
O ben está composto polo inmoble que acolleu o muíño; os artefactos, mecanismos e bens mobles vinculados a el; a infraestrutura hidráulica e as construcións auxiliares asociadas ao muíño: adega e cortes.
A enseada encorada ocupa na actualidade unha superficie aproximada de seis hectáreas, conformando unha lingua de auga de case 500 metros de lonxitude e anchura variable cunha media de 100 metros. No encoro desembocan tres cursos de auga: un ao noroeste do edificio do muíño, outro no extremo norte e outro polo leste.
O edificio do muíño, construído con muros de cachotaría concertada de granito e sienita, ocupa unha superficie aproximada de 140 m2, que ten acaroado no extremo noroeste unha construción de planta baixa dedicada a corte e no lado nordés a pontella sobre piares de pedra que prolonga o paso sobre o dique. A fronte suroeste está pechada cun muro somerxido polo que descorren as augas entre tallamares. O inferno acollía 4 rodicios e deixa escapar as augas por dous arcos en que se sostén o muro suroeste do edificio. O tremiñado conta con 4 artefactos de moenda cun piso en parte de pedra -onde se atopan as moas- e en parte de táboas de madeira. Á planta alta accedíase desde un patín localizado na fachada noroeste e estaba dedicada a vivenda, compartimentada con táboas de madeira. Unha escaleira interior permitía o acceso ao faiado baixo a cuberta a un auga de tella cerámica curva. O alzado suroeste ten unha composición ordenada con dúas fieiras de ocos, mentres que o resto das fachadas ten unha composición máis heterodoxa, con ocos de distinto tamaño e disposición. Cómpre resaltar a presenza de tres vertedoiros de pedra, un na planta alta e dous no baixocuberta.
A menos de 20 m do muíño atopamos dúas pequenas construcións tradicionais dunha planta que estiveron vinculadas ao muíño. Unha acollía a corte para gardar os animais de carga e outra unha adega.
IV
A incoación do procedemento está xustificada no informe elaborado polos servizos técnicos do Servizo de Inventario, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no cal se configura o ben como un exemplo representativo dos muíños de marea, modelo da cultura propia, manifestación dunha herdanza histórica e símbolo da identidade colectiva.
Como consecuencia do anterior, o director xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e como consecuencia do informe técnico e da documentación xustificativa,
RESOLVE:
Primeiro. Incoación do procedemento administrativo
Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de lugar de valor etnolóxico, co nivel de protección integral, o denominado Muíño das mareas da Seca, situado no lugar da Seca, na parroquia de Corvillón, no concello de Cambados, conforme a delimitación e o descrito nos anexos desta resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.
Segundo. Anotación preventiva
Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.
Terceiro. Réxime de protección
Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural.
Cuarto. Prazo de resolución e caducidade
O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.
Quinto. Publicación
Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Sexto. Notificación
Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas, ao Concello de Cambados e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.
Séptimo. Información pública
Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.
Oitavo. Solicitude de informes aos órganos consultivos
Ordenar que se solicite o informe aos órganos asesores e consultivos a que se refire o artigo 7 da LPCG, para os efectos que establece o artigo 18.2 do citado texto legal, sobre a concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.
Noveno. Eficacia
Esta resolución terá eficacia desde a data da propia resolución.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación: Muíño das mareas da Seca.
2. Localización:
• Provincia: Pontevedra.
• Concello: Cambados.
• Parroquia: Corvillón.
• Lugar: A Seca.
• Coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89 e fuso 29): X: 515027, Y: 4708130.
3. Referencia histórica.
Existen referencias históricas de que o Muíño da Seca se asentou sobre unha salina, sen que se poida establecer se un uso substituíu o outro ou se ambos os dous conviviron. En todo caso, o uso principal e característico deste ben foi o de instalación de moenda e transformación de cereal en fariña. Como uso complementario deste, temos que parte da edificación do muíño acolleu o uso de vivenda da familia encargada da instalación. Outro uso adicional do muíño, desenvolvido nunha estancia acaroada exteriormente ao edificio, sería o de corte do gando. Ademais, as dúas edificacións adxectivas localizadas ao oeste do muíño e historicamente vinculadas con el, foron adegas que, posteriormente, se converteron en cortes e o alpendre. Estas instalacións tamén empregaron o encoro do muíño como unha gamboa, na cal os peixes quedaban atrapados ao baixar a marea.
4. Descrición xeral.
O estado actual do edificio do Muíño da Seca deriva da rehabilitación proxectada polo arquitecto César Portela. Os muros estruturais atópanse espidos, tanto no exterior coma no interior do edificio, e unicamente as xuntas entre as pedras contan con morteiro de cemento. O beiril perimetral semella que foi unha achega da rehabilitación, xa que orixinalmente o aleiro estaba limitado ao voo das tellas sobre os muros. A cuberta está formada por unha estrutura de madeira vernizada, composta unicamente por vigas lonxitudinais en que se apoian as táboas de madeira que sosteñen a cubrición de tella cerámica curva. A estrutura dos pisos tamén é de madeira vernizada, composta por dous pares de vigas lonxitudinais que apoian nos muros dos testeiros e, no interior, pontóns transversais e taboado. A escaleira, cuxas zancas e pasos tamén son de madeira vernizada, localízase nunha posición similar á escaleira orixinal que comunicaba as plantas altas e agora dá servizo a todas elas.
O piso da planta primeira só ocupa a parte sur do edificio. O oco que se forma é atravesado por dúas pasarelas metálicas formadas por perfís de aceiro en que se apoian as reixas que serven de pavimento e as varandas que protexen das caídas.
O piso da planta baixocuberta tamén ocupa só esa parte do edificio (na cal hai unha altura mínima habitable), aínda que, en orixe, ambas as plantas ocupaban a totalidade do volume. Na actualidade, hai un dobre espazo na parte norte do edificio que abrangue a altura total interior e que, ante a falta de divisións interiores, permite a súa comunicación visual. As varandas das plantas altas, que protexen da caída, tamén son de madeira vernizada.
A parte sur do piso da planta inferior, na cal se atopan os artefactos de moenda, tamén é de madeira vernizada, pero nel abríronse unha serie de ocos cubertos con vidro coa intención de poder observar os mecanismos hidráulicos e a auga que os move. Porén, presentan unha deterioración importante que dificulta a súa visualización.
A única división vertical interior é a do muro transversal que conforma as dúas coxías, cuxos ocos tampouco teñen carpintaría.
A carpintaría exterior é de madeira pintada de cor marrón, tanto as portas de paso, todas elas opacas, coma as fiestras con vidro e as contras. As portas e as fiestras colócanse no que debeu ser a súa posición orixinal, no quebro que se forma nos ocos da arquitectura tradicional e que recolle o peitoril, se é o caso. As contraventás, situadas no plano exterior, semella que foron unha achega da rehabilitación, pois orixinalmente estaban no interior. As ferraxes son de metal pintado.
Na actualidade, os mecanismos de rotación semellan ter desaparecido, xa que faltan os rodicios e outras pezas deste sistema. Os dous pares de pés e moas semellan orixinais, pero non así os elementos que os complementan (moegas), un dos cales está desprazado do seu lugar. Tamén se observa a falta de mantemento dos mecanismos de control das comportas de paso da auga.
A instalación eléctrica, de iluminación e contra incendios son vistas e acaroadas aos muros e á estrutura de madeira.
O mobiliario está composto por un mostrador de madeira vernizada na entrada, expositores de vidro, paneis de vidro e outros soportes de información, proxectores e pantallas de proxección, equipo de reprodución musical, algunha cadeira, etc.
No espazo expositivo atópanse ferramentas vinculadas co muíño e outros elementos de carácter etnolóxico alleos a esta instalación: xugo, bacía, ferrado, maquía, maza, debulladora, quenlla, peza para picar as estrías das moas, peneiras, grades, arado, picos e outros elementos.
5. Estado de conservación.
O edificio do Muíño da Seca foi obxecto dunha rehabilitación integral en 1995 que o transformou para dedicalo a fins expositivos e culturais. Tamén consta que no ano 2017 o Concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra repararon a carpintaría exterior, eliminaron as pintadas das fachadas e melloraron algún apoio.
A dita rehabilitación non atallou certos problemas do edificio, como o da degradación da pedra, e certas solucións empregadas, como o emprego de recebos de cemento, supuxeron un empeoramento do estado dos muros de fábrica.
Na actualidade, o edificio está pechado boa parte do tempo, polo que presenta os problemas típicos da falta de mantemento e a agresión producida por actos vandálicos (pintadas, lixo, etc.).
O muíño perdeu elementos determinantes para o seu funcionamento, como a totalidade das comportas do dique e os rodicios. Outros atópanse seriamente deteriorados, como as comportas que regulan a entrada da auga no muíño. Ademais, o encoro foi obxecto de varios recheos que fixeron diminuír o volume de auga que se podería conter.
A pesar da súa antigüidade, o grao de conservación deste muíño é relativamente mellor que o das outras instalacións deste tipo que permanecen. Ten sufrido cambios ao longo da súa dilatada historia, en especial nas últimas décadas. Así, o estanque foi obxecto de varios recheos e as sucesivas rehabilitacións do edificio do muíño supuxeron a substitución de moitos dos seus elementos, aínda que na última tratou de emularse o orixinal, permanecendo pouco máis que as estruturas pétreas. Considérase que as modificacións non desvirtúan a súa autenticidade nin impiden apreciar as súas características relevantes ou atributos, aínda que semella necesaria unha nova intervención de recuperación, xa que desapareceron elementos determinantes para o funcionamento da instalación, o que pon en dúbida a súa integridade.
En consecuencia, pode considerarse que o estado de conservación do Muíño da Seca é regular.
6. Valoración cultural.
O Muíño das mareas da Seca conforma un lugar, constituído por un conxunto de bens inmobles, no cal se desenvolveron actividades e técnicas transmitidas pola tradición e no cal aínda se conservan ferramentas e utensilios desa actividade, o que é relevante e expresión significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego.
De entre os valores do patrimonio cultural establecidos no artigo 1 da LPCG, considérase que o Muíño da Seca ten fundamentalmente un valor etnolóxico, ao ser un exemplo das infraestruturas hidráulicas tradicionais, muíños de mareas, escasas no noso patrimonio. Pero tamén se lle pode atribuír o valor histórico, dada a súa antigüidade e a súa vinculación coa historia dos asentamentos de Fefiñáns e Cambados. A singularidade técnica desta instalación tamén podería estar relacionada cos valores técnico e industrial.
Porén, o Muíño da Seca é unha construción da arquitectura tradicional á cal, de acordo co establecido no artigo 91 da LPCG, se lle presume un valor etnolóxico e forma parte deste patrimonio por tratarse dun lugar relevante ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia, e que conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade. Pero tamén ten un gran valor arquitectónico, xa que é a mostra da arquitectura tradicional de carácter rural.
En resumo, o Muíño da Seca é un dos escasos exemplos de muíños de marea que queda nas costas galegas e representa un testemuño excepcional dunha tradición cultural practicamente desaparecida e moi significativo do amplo período histórico en que se desenvolveron este tipo de instalacións, xenuínas manifestacións do aproveitamento sustentable dos recursos naturais, cunha enorme relevancia social e económica en Galicia desde a Idade Media e ata ben entrado o século XX, momento en que foron substituídas por outras instalacións industriais de distinto carácter.
7. Usos.
O edificio do muíño estaría dedicado oficialmente a centro de interpretación do patrimonio cultural (Museo do Muíño das mareas da Seca). Non obstante, a falta de mantemento das instalación derivou nun deficiente estado de conservación, polo que na actualidade o museo só funciona de xeito puntual como espazo expositivo e están pechado ao público case permanentemente.
8. Réxime de protección e salvagarda.
8.1. Natureza e categoría.
• Natureza: material.
• Condición: inmoble.
• Categoría: lugar de valor etnolóxico. En virtude dos seus valores culturais sobranceiros, proponse a declaración como ben de interese cultural (BIC) coa natureza de ben inmoble e coa categoría de lugar etnolóxico o Muíño das mareas da Seca.
• Interese cultural: interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.
• Nivel de protección: integral. Segundo o artigo 41.3 da LPCG, aos bens declarados de interese cultural correspóndelles unha protección integral, que afectará o edificio e as partes integrantes descritas e nas cales reside o seu valor cultural, sen prexuízo das actuacións que poidan resultar necesarias para mellorar a súa conservación e garantir a funcionalidade do uso para o cal foi concibido.
8.2. A vixente protección cultural do Muíño das mareas da Seca.
As Normas complementarias e subsidiarias provinciais (NSPM) de Cambados, aprobadas pola Resolución do 14 de maio de 1991, recolleron no seu catálogo o Muíño da Seca cun grao de protección integral.
O Plan básico autonómico de Galicia (PBAG), aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, recolle no seu catálogo o Muíño das mareas da Seca.
8.3. O Plan especial de protección do Muíño das mareas da Seca.
O capítulo III do título III da LPCG establece a necesidade de aprobación de plans especiais de protección no caso de que se declare ben de interese cultural un lugar de valor etnolóxico. A Administración competente para redactar o Plan especial de protección do ben, que se deberá estender ao seu contorno de protección para garantir a conservación axeitada dos seus valores culturais, é a local, neste caso o Concello de Cambados.
Non obstante, segundo o artigo 55.2 da LPCG, o Concello de Cambados poderá substituír a obriga normativa, da redacción do Plan especial do lugar de valor etnolóxico, pola previsión e desenvolvemento no seu planeamento xeral de determinacións de protección suficientes para os efectos da LPCG.
O Plan especial de protección do lugar de valor etnolóxico do Muíño das mareas da Seca deberá ter o contido establecido no artigo 56 da LPCG, ademais do previsto na súa propia normativa, en especial o referido a un catálogo exhaustivo de todos os bens que conforman o lugar de valor etnolóxico e o seu contorno.
En canto non se aprobe definitivamente a normativa urbanística de protección, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da declaración precisará a autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural.
8.4. Directrices para futuras intervencións:
As intervencións no ben que se consideran compatibles coa protección dos seus valores culturais son as establecidas no artigo 42 da LPCG para os bens co nivel de protección integral, é dicir: investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.
Tamén poderán ser autorizadas obras de rehabilitación por medio de proxectos que garantan a conservación dos valores culturais protexidos e que definan adaptacións precisas para axeitar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, benestar ou salubridade, así como para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais e que teñan por obxectivo garantir a súa conservación e o acceso do público.
Ademais, as actuacións que se desenvolvan sobre o ben inmoble seguirán os criterios establecidos nos artigos 44, 53 e, subsidiariamente, o 89 da LPCG.
Conforme o establecido no artigo 196 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, cómpre regular os parámetros para a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar que, nun caso do patrimonio etnolóxico como o do Muíño da Seca, debe quedar limitado á estritamente necesaria para indicar a denominación do ben, nun lugar discreto próximo á entrada e da menor dimensión posible. Así mesmo, con respecto á eliminación de barreiras arquitectónicas, referidas no citado regulamento, considérase que a accesibilidade desde o exterior se podería garantir cunha mínima intervención na porta localizada na fachada sur do edificio do muíño.
Considéranse urxentes as intervencións encamiñadas a recuperar os elementos desaparecidos do muíño (comportas, rodicios e outros aparellos) que permitan a súa posta en funcionamento, así como as actuacións de conservación e mantemento do conxunto (melloras na cuberta e na fábrica dos muros).
8.5. Réxime xeral.
A incoación para declarar ben de interese cultural determina a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto nesta lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, e de forma resumida:
• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
• Deber de conservación: as persoas titulares de dereitos sobre o ben están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.
• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufriron e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente, sen prexuízo das necesarias condicións e limitacións que poidan ser impostas por cuestións de seguridade e funcionalidade das actividades propias no ben, o seu contorno de protección.
• Transmisión: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.
• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.
ANEXO II
Delimitación do ben e do contorno de protección
1. Delimitación do ben.
O ben inmoble do Muíño da Seca está composto polo edificio que acolle as instalacións de moenda e pola infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento, que abrangue o dique que almacena as augas que moven o muíño e o espazo da enseada no cal se encoran as ditas augas e que, en marea baixa, queda ao descuberto.
Así mesmo, considéranse incluídas neste ben as construcións auxiliares que antigamente estiveron vinculadas á explotación do muíño: adega e corte, que abrangue a parcela pechada en que se localizan.
Polo tanto, a delimitación proposta comprende as ditas construcións (edificios do muíño, cortellos e adega e dique ou pontella) e o espazo que, segundo a documentación existente no expediente, abranguía a auga encorada na preamar.
Cómpre mencionar que parte do estanque foi ocupado inapropiadamente con recheos. Ademais, nas tres zonas onde desembocan os cursos de auga, a preamar enténdese de xeito moi amplo polo curso fluvial, sen que o dominio público marítimo-terrestre teña o suficiente detalle e complicando o establecemento dos límites. Así, optouse por tomar a antiga ponte da Seca como límite do extremo norte. Nos outros dous regatos, tomáronse como referencia as pasarelas que separan o medio fluvial do marítimo, polo que se emprega o mesmo criterio nos tres casos.
Esta delimitación trata de seguir os límites parcelarios do Catastro, os límites do catastro histórico e, cando estes non serven, a fotografía aérea actual ou a antiga. Tamén se tomou como referencia a liña do dominio público marítimo-terrestre.
A delimitación proposta axústase ao muro que delimita o predio que acolle as edificacións auxiliares. Continúa polo muro que pecha a saída das augas do muíño e pola fachada sueste do edificio do muíño e segue a traza dos diques que conteñen as augas do encoros, cuxos límites antigos son os considerados no resto da delimitación.
A delimitación proposta abrangue unha superficie de 69.754 m2, boa parte da cal está constituída polo espazo intermareal cuberto polas augas do mar.
2. Contorno de protección.
O contorno de protección proposto do Muíño das mareas da Seca comprende os espazos e construcións próximos, cuxa alteración pode incidir na percepción e comprensión dos valores culturais dos bens no seu contexto ou pode afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.
Con este fin, tomáronse como referencia algunhas das delimitacións urbanísticas (clases de solo, delimitacións de ámbitos de xestión, etc.), as infraestruturas existentes (porto, estradas, camiños, etc.), as rúas e o parcelario.
Proponse un contorno amplo arredor do edificio e dique do muíño, determinado polo seu campo de covisibilidade (zonas visibles desde o edificio e que si son visibles conxuntamente con el), que se reduce aos espazos máis próximos do estanque.
O extremo norte do contorno de protección proposto comprende as parcelas próximas á antiga ponte da Seca, incluíndo o colexio e o rueiro suroeste da aldea do Ribeiro. Na beira nordeste do estanque da Seca abrangue as parcelas fóra do solo urbano, con algún axuste ao parcelario e sempre incluíndo os predios máis próximos ao estanque. Tamén se inclúen as parcelas non urbanizadas ao noroeste da pista de atletismo e o ámbito do PE-3 en que se atopa esta. No sueste, recolle os predios que dan fronte ao Saco de Fefiñáns ata o extremo sur da rúa Pombal. De aí, toma como referencia a lámina de auga do porto de Tragove e as construcións deste porto que pechan física e visualmente a enseada. Segue pola rúa á cal dan fronte unha serie de naves industriais ao norte do porto e continúa pola estrada EP-9004 ata un quebro que coincide cunha boscaxe e que enlaza coa vía de acceso ao predio que acolle as construcións auxiliares do muíño. Desde ese punto, volve incluír outra masa arbórea que, xunto coa anterior, conforman o fondo escénico do edificio do muíño. O ámbito complétase coas parcelas máis próximas ao noroeste do estanque e o rueiro sueste da Seca.
A delimitación proposta abrangue unha superficie de 578.314 m2, gran parte da cal está constituída polas augas do mar.
