DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51310

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2025 pola que se reaxusta a dotación orzamentaria da Resolución do 18 de febreiro de 2025, pola que se procede á convocatoria do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

1. O 20 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 18 de febreiro de 2025 pola que se procede á convocatoria do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

Estas subvencións están dirixidas a facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias. A súa concesión tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

2. O ordinal terceiro da Resolución do 18 de febreiro de 2025, baixo a rúbrica de «crédito orzamentario», dispón o seguinte:

«1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.480.2 proxecto 2022 00013, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 12.954.936 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 6.477.468 euros para a anualidade de 2025.

– 6.477.468 euros para a anualidade de 2026».

3. O ordinal oitavo da citada resolución dispón en canto á contía, duración e retroactividade das axudas:

«1. Concederáselles ás persoas beneficiarias unha axuda de 250 euros mensuais, co límite da renda mensual, do prezo da cesión ou, de convivir con outras persoas, do importe que lle corresponda satisfacer á persoa beneficiaria.

2. A axuda concederáselles ás persoas beneficiarias polo prazo de dous anos.

3. De conformidade cos números 2 e 3 do ordinal noveno da Resolución do 27 de xuño de 2022, poderán recoñecerse desde o 1 de xaneiro de 2025, aínda que a data de recoñecemento fose posterior, sempre que o correspondente contrato de alugamento ou cesión de uso estivese vixente nesa data.

4. En ningún caso poderán recoñecerse axudas con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2025, nin concederse axudas con posterioridade ao 31 de decembro de 2026».

4. O ordinal segundo do artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que na convocatoria deberá indicarse a contía total máxima que se vai conceder, así como a súa distribución por anualidades, dentro dos límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, atendendo ao momento en que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan.

No seu ordinal terceiro engade que a modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto.

5. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes previsto na Resolución do 18 de febreiro de 2025, resulta un remanente de 190.991,15 euros na anualidade 2025 e de 5.764,32 euros na anualidade 2026, o que impide a realización de novas concesións en virtude do disposto no ordinal oitavo da Resolución do 18 de febreiro de 2025.

6. Coa finalidade de dar amparo ao maior número de solicitudes posible, resulta necesario reaxustar o crédito orzamentario previsto na Resolución do 18 de febreiro de 2025.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Reaxustar a dotación orzamentaria prevista para a convocatoria de subvencións do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, por importe de 100.000 euros.

Segundo. Modificar a distribución do crédito orzamentario da convocatoria correspondente ao programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025 (código de procedemento VI482E) coa seguinte distribución por anualidades:

– 6.377.468 euros para a anualidade de 2025.

– 6.577.468 euros para a anualidade de 2026.

O reaxuste do crédito orzamentario da referida convocatoria non modifica o importe total da convocatoria nin implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poderán presentar calquera outro que consideren conveniente.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo