DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51307

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2025 pola que se reaxusta e se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se convoca o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2025 (código de procedemento VI408Q).

1. O 20 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se convoca o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2025 (código de procedemento VI408Q).

Estas subvencións están dirixidas a financiar as actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra; a súa concesión tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

2. O ordinal cuarto da citada resolución, baixo a rúbrica de «crédito orzamentario», dispón o seguinte:

«1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 1.000.000 de euros, coa seguinte distribución por ARI:

ARI Camiños de Santiago

800.000 euros

ARI Ribeira Sacra

200.000 euros

Total

1.000.000 euros

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións quedará supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas de súa concesión.

3. No suposto de existir remanente nalgunha das ARI, poderase utilizar para financiar solicitudes da outra ARI, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro».

3. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes previsto na Resolución do 30 de decembro de 2024, ponse de manifesto que o importe das concesións en relación coa ARI Camiños de Santiago é inferior en 13.370,94 euros respecto do importe indicado na dita resolución. En cambio, no caso das solicitudes presentadas para a ARI Ribeira Sacra, as susceptibles de obter axuda superan o crédito orzamentario previsto na convocatoria.

4. Coa finalidade de dar amparo á totalidade das solicitudes da ARI Ribeira Sacra, resulta necesario reaxustar en 13.370,94 euros o crédito orzamentario previsto na Resolución do 30 de decembro de 2024, así como proceder á súa ampliación en 170.000 euros.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Reaxustar a dotación orzamentaria prevista para a convocatoria de subvencións do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2025, por importe de 13.370,94 euros.

Segundo. Ampliar en 170.000 euros a dotación orzamentaria para financiar as solicitudes da ARI Ribeira Sacra susceptibles de obter axuda.

Terceiro. Modificar o importe final da convocatoria correspondente ao Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación na ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2025 (código de procedemento VI408Q) coa seguinte distribución por ARI:

ARI Camiños de Santiago

786.629,06 euros

ARI Ribeira Sacra

383.370,94 euros

Total

1.170.000,00 euros

Nin o reaxuste nin a ampliación do importe da referida convocatoria implican a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poderán presentar calquera outro que consideren conveniente.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo