DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51305

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2025 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimento establecido na Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

No Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro de 2025, publicouse a Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2025, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Aspecto que se desenvolve no artigo 25 que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2025 e no artigo 27.3.a).3º que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

Neste procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades xurídicas e técnicas para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E), no seguinte sentido:

O parágrafo primeiro do artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2025, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2025».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia