O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, aprobando a estrutura orgánica superior das respectivas consellerías, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.
De acordo coa disposición adicional sétima do citado decreto corresponde á Consellería de Economía e Industria as competencias en materia de solo empresarial, de acordo co establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.
No artigo 5 deste decreto enuméranse os órganos superiores e de dirección da Consellería de Economía e Industria entre os que se encontra a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial baixo a dirección da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.
De acordo co artigo 20 do Decreto 140/2024 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria corresponde á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, entre outras, a planificación, o desenvolvemento e a xestión do solo empresarial no ámbito autonómico.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada.
Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico relativos a solo empresarial:
a) Certificar os documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico relativos a solo empresarial aprobados inicialmente por parte da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
b) Certificar os documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico relativos a solo empresarial aprobados definitivamente pola Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial ou polo Consello da Xunta de Galicia.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE ESTRATEXIA INDUSTRIAL E SOLO EMPRESARIAL» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.
A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.
Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:
a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.
b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
c) Nome do selo: DIRECCIÓN XERAL DE ESTRATEXIA INDUSTRIAL E SOLO EMPRESARIAL.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE ESTRATEXIA INDUSTRIAL E SOLO EMPRESARIAL» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE ESTRATEXIA INDUSTRIAL E SOLO EMPRESARIAL» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Sexto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
|
Margarita Ardao Rodríguez |
Julián Cerviño Iglesia |
