DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51207

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 22 de setembro de 2025 pola que se conceden distincións ao persoal dos corpos de policía local de Galicia.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

De acordo con esta previsión, o Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a dita lei, establece no seu artigo 101 que mediante orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais poderá concederse a Placa Colectiva e a Placa Individual, así como a Medalla ao Mérito da Policía Local.

Tendo en conta o anterior, de conformidade co procedemento que establece o artigo 103 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais formulou a proposta para a concesión destas distincións que foron valoradas e informadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia na reunión realizada o 17 de setembro de 2025.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 101 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, logo de examinar a proposta do órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais e trala valoración e informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 103.5 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Conceder a Medalla ao Mérito da Policía Local ás persoas que se inclúen no anexo desta orde.

2. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local

1. A Rubén Álvarez Hermida, inspector de policía do Corpo de Policía Local do Concello da Coruña, pola súa intervención o 30 de abril de 2024 no rescate dunha persoa no mar na zona do Aquarium Finisterrae.

2. A Emilio Vázquez Guerra e a Jesús López López, policías do Corpo de Policía Local do Concello de Chantada, pola súa intervención o 3 de novembro de 2024 no incendio dunha vivenda en que rescataron a unha persoa con problemas de mobilidade e desaloxaron o edificio ante o risco de propagación.

3. A Antonio Colmenero Lloves e a Samuel Fernández Lago, policías do Corpo de Policía Local do Concello de Ourense, pola intervención que realizaron o 9 de novembro de 2024, ao deter a unha persoa por condución temeraria con fuga de vehículo que puxo en perigo os usuarios da vía e os propios policías.

4. A Matías Rodríguez Pousa e a Juan Salvador Rodríguez Sanmartín, policías do Corpo de Policía Local do Concello de Vigo, pola súa intervención no incendio nunha casa o día 26 de maio de 2024.

Os policías distinguidos manifestaron calidades de valor, sacrificio e lealdade que os fan sobresaír no cumprimento dos deberes do seu cargo cualificando as súas actuacións como exemplares, ao destacar o seu compromiso de servizo público, calidade inherente ao ideal de servizo predicable dun bo policía, que se encadra nas condicións previstas nos artigos 93, 94 e 98 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, para a concesión desta distinción.

Estas concesións acreditaranse mediante os correspondentes diplomas e constarán no Rexistro das Policías Locais de Galicia e daráselles conta aos concellos de pertenza para constancia nos seus expedientes persoais, de acordo co previsto no artigo 108 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.