Expediente: IN407A 2025/118-1.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMT, CT e RBT Monte Vidán.
Concello: Santiago de Compostela.
Feitos:
1. O día 16.6.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Coa fin de desmontar dous tramos aéreos da liña de distribución SNT802, procedente da subestación Santiago, situado no lugar de Vidán, parroquia de Vidán (Divino Salvador), concello de Santiago de Compostela, proxéctase o desmantelamento do centro de transformación CT Vidán gasolineira (15CM05, expediente 50009) de 500 kVA e do centro de seccionamento CS Vidán (15CZF7) e a súa substitución por un novo centro de transformación de 400 kVA soterrado que se conectará a un tramo soterrado (IN407A 05/406) da dita liña de distribución.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT Monte Vidán, asinado o día 21.5.2025 por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 502 de Ourense.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Santiago de Compostela, Augas de Galicia e Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 3.9.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Vidán, parroquia de Vidán (Divino Salvador), concello de Santiago de Compostela, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Desmantelamento tramo LMTA a 20 kV, de 824 m, condutor tipo LAC-28, con orixe no apoio nº A64RF5W8//C31-D13 existente da LMT SNT802, procedente da subestación Santiago, e remate no CT Vidán gasolineira (15CM05, expediente 50009) para desmantelar. Desmantelamento de 14 apoios intercalados.
– Desmantelamento do CT Vidán gasolineira (15CM05, expediente 50009) de 500 kVA e do CS Vidán (15CZF7). A envolvente deste último non se desmantela por estar protexida.
– LMTS a 20 kV, de 2x12+17 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 mm2 Al, con orixe na arqueta proxectada enfronte do CS proxectado nun punto da LMT SNT802 (IN407A 05/406), procedente da subestación Santiago, situado entre os CT 15CI59, 15PXG4 e 15CZF8, e remate no CTS proxectado.
– Novo CT no lugar de Vidán soterrado prefabricado telecontrolado, cunha potencia de 400 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 3L+1P.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato Shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 5 de setembro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
