DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 30 de setembro de 2025 Páx. 51443

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2025, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de setembro de 2025, polo que se aproba a actualización das axudas de custo e indemnizacións dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

O Comité Galego de Xustiza Deportiva é o órgano superior da xurisdición deportiva no ámbito territorial da nosa comunidade. A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, obriga a dotalo dos medios materiais suficientes para asegurar o exercicio da súa función. O artigo 92.3 sinala que os seus membros, no exercicio dos seus cargos, unicamente terán dereito a axudas de custo e indemnizacións conforme a normativa de aplicación.

Unha vez apreciada a necesidade de actualizar as contías das ditas axudas de custo e indemnizacións, de conformidade co artigo 6 e a disposición adicional primeira do Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva, elevouse o correspondente acordo ao Consello da Xunta de Galicia que tivo lugar o 8 de setembro.

Visto o dito acordo e de conformidade co disposto no seu punto terceiro,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de setembro de 2025, polo que se aproba a actualización das axudas de custo e indemnizacións dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, que se achega como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Acordo polo que se aproba a actualización das axudas de custo e indemnizacións dos membros do comité galego de xustiza deportiva

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece no seu artigo 92.3 cos membros do Comité Galego de Xustiza, no exercicio dos seus cargos, unicamente terán dereito ás axudas de custo e indemnizacións conforme a normativa de aplicación.

Neste senso, o Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva, prevé as axudas e indemnizacións dos seus membros. A disposición adicional primeira sinala que será de aplicación, para determinar as axudas de custo que correspondan aos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de decembro de 1995 ou, de ser o caso, o acordo ou a norma que o substitúa.

O dito acordo recolle tres tipos de indemnizacións: por asistencia, gastos de locomoción e manutención. Para os dous últimos tipos, o acordo remítese ás cantidades previstas na normativa vixente, en cada momento, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Porén, ata o momento actual, as indemnizacións por asistencia ás sesións non foron actualizadas e limítanse a un número de 3 sesións por mes.

De conformidade co exposto, á vista do tempo transcorrido desde o último acordo, apréciase a necesidade de actualizar as contías das ditas indemnizacións.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, establece no seu artigo 25.3 que, excepcionalmente, se aboarán asistencias pola concorrencia a reunións de órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles casos en que así o autorice o propio Consello da Xunta de Galicia. Para tal efecto, o citado consello fixará as correspondentes contías mensuais máximas que se percibirán en concepto de asistencias segundo o número de reunións a que se asista.

En canto aos membros do Comité de Xustiza Deportiva que non reúnan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia, será aplicable a disposición adicional primeira do Decreto 144/2001, que establece que este decreto ten carácter supletorio para todo o persoal non incluído no seu ámbito de aplicación.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o Consello da Xunta, na súa reunión do día oito de setembro de 2025, adoptou o seguinte

ACORDO:

1. Aprobar a actualización das axudas de custo e indemnizacións dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva segundo os conceptos establecidos no artigo 6 do Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, nos termos indicados a continuación:

a) O importe de cada asistencia será de 200 € por sesión ata un máximo de 50 asistencias anuais. A cantidade máxima que se vai percibir por membro e ano será de 10.000 €. En ano electoral das federacións deportivas galegas será ata un máximo de 60 sesións, é dicir, de 12.000 € por membro e ano.

b) Por gastos de locomoción, as cantidades previstas na normativa vixente sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Por manutención e aloxamento, de ser o caso, as correspondentes ao grupo 1º segundo disposto na normativa vixente, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. Derrogar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de decembro de 1995 polo que se regulan as indemnizacións dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

3. Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.