A situación das persoas con discapacidade foi mellorando nos últimos anos tras a promulgación de diversa normativa destinada a favorecer a súa inclusión e participación na vida social, laboral, escolar e familiar. Porén, trátase dun colectivo heteroxéneo que aínda continúa a sufrir discriminación e atopa barreiras e obstáculos á súa inclusión social efectiva.
A inserción laboral constitúe un factor esencial neste proceso de inclusión social efectiva, xa que o traballo é un dos maiores factores de inclusión social. Porén, a dificultade para atopar traballo é un dos males que asolaga o sistema laboral español, moi relevante no caso das mulleres, a xuventude e, especialmente, no caso de persoas con discapacidade. E isto é así a pesar da existencia de diversas medidas legais, como incentivos, subvencións ou programas públicos dirixidos ás empresas privadas.
A Convención Internacional sobre dereitos das persoas con discapacidade, aprobada o 13 de decembro de 2006 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU), ratificada por España o 3 de decembro de 2007, supón a consideración das persoas con discapacidade como suxeitos titulares de dereitos, e os poderes públicos están obrigados a garantir que o exercicio destes dereitos sexan plenos e efectivos.
De acordo co artigo 9.2 da Constitución española, os poderes públicos promoverán as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social. O Estatuto de autonomía de Galicia recolle este mesmo mandato no seu artigo 4.2.
Pola súa banda, o recentemente modificado artigo 49 da Constitución española establece, no seu número 1, que as persoas con discapacidade exercen os dereitos previstos no título I en condicións de liberdade e igualdade reais e efectivas. Regularase por lei a protección especial que sexa necesaria para o devandito exercicio. No seu número 2 sinala que os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade en contornos universalmente accesibles. Así mesmo, fomentarán a participación das súas organizacións nos termos que a lei estableza. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e das e dos menores con discapacidade.
O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, afonda no concepto de inclusión social efectiva, que se debe garantir a través dunha serie de dereitos entre os cales se atopa o dereito ao emprego. No seu artigo 42 dispón que nas ofertas de emprego público se reservará unha cota para ser cuberta por persoas con discapacidade. Neste mesmo senso, o artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, dispoñen que nas ofertas de emprego público se reservará unha porcentaxe non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, de xeito que progresivamente se acade o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública.
A Xunta de Galicia, consonte os mandatos antes establecidos, seguirá ofertando prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual, polo que se considera necesario regular o ingreso e a provisión de postos de traballo ás particulares características deste colectivo.
A Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 22 de abril de 2021 recolle a primeira toma de posesión como persoal funcionario de carreira de persoas que acreditan discapacidade intelectual (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 3 de maio).
O 4 de abril de 2022 publícanse novas convocatorias de procesos selectivos para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario subalterno e no corpo auxiliar da Administración xeral para persoas que acreditan discapacidade intelectual (Diario Oficial de Galicia núm. 65, do 4 de abril).
O 20 de novembro de 2023 publícanse as convocatorias de procesos selectivos para o ingreso no corpo auxiliar, escala de persoal de servizos xerais do subgrupo C2; agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal subalterno, e agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, para persoas que acrediten discapacidade intelectual (Diario Oficial de Galicia núm. 220, do 20 de novembro).
O contido deste decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establecen o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, de eficacia e de proporcionalidade, este regulamento está xustificado pola necesidade de dispoñer dunha norma unificada para a regulación do acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, e a regulación proposta é a adecuada e imprescindible para iso. Cúmprese, así mesmo, o principio de seguridade xurídica, pois a nova regulación encádrase no marco normativo do ámbito das competencias autonómicas. Así mesmo, na tramitación deste decreto observouse o principio de transparencia, o que posibilitou que os potenciais destinatarios tivesen unha participación activa na elaboración da norma. Por último, respéctase o principio de eficiencia, pois non se impoñen cargas innecesarias ou accesorias e permítese unha xestión racionalizada dos recursos públicos.
Na elaboración desta disposición tivéronse en conta os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre os cales cabe destacar a realización dunha consulta pública previa, o sometemento do proxecto aos trámites de audiencia e información pública, para garantir a participación cidadá, e a emisión dos informes preceptivos.
Respecto da súa estrutura, este decreto consta de 17 artigos agrupados en 6 capítulos.
O capítulo I, que leva por rúbrica Disposicións xerais, establece o seu obxecto e ámbito de aplicación, así como os principios xerais.
No capítulo II regúlase a reserva de prazas para persoas con discapacidade intelectual. Cómpre facer constar que, para dotar de maior sentido e coherencia este capítulo, se reproducen os parágrafos primeiro e segundo do número 2 do artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
No capítulo III recóllense medidas en materia de procesos selectivos, tales como medidas na participación e admisión de persoas aspirantes pola quenda de discapacidade intelectual; medidas de adaptación e axustes que as persoas aspirantes precisen para a realización das probas e sobre os lugares de realización dos procesos selectivos.
O capítulo IV leva por rúbrica Medidas en materia de cobertura temporal de postos de traballo.
No capítulo V, denominado Postos de traballo, recóllense a forma de acreditación da condición de persoa con discapacidade intelectual, a adxudicación dos postos de traballo e as súas posibles adaptacións e a elaboración dun catálogo de postos para persoas con discapacidade intelectual.
O capítulo VI denomínase Outras medidas favorecedoras para a inclusión e recolle as medidas especiais de adaptacións en materia de formación e de acceso aos graos de carreira administrativa ou complemento de desempeño, e tamén se regula a colaboración e cooperación con outras entidades e os sistemas de información.
O decreto conta, ademais, cunha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, cos preceptivos informes favorables, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de setembro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto deste decreto é establecer un marco para garantir o respecto do principio de igualdade de trato das persoas que acrediten discapacidade intelectual no ingreso e provisión de postos de traballo na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
2. En particular, regula o establecemento dunha serie de medidas respecto daquelas persoas que acrediten discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, de conformidade co número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Este decreto será de aplicación aos procedementos de acceso ao emprego público e concursos de provisión de postos de traballo do persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico enumeradas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para aquelas persoas que acrediten discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
2. A selección, a provisión de postos e as listas de contratación temporal do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e dos seus centros e institucións dependentes rexeranse pola normativa específica que lles sexa de aplicación.
3. Tamén se rexerán pola súa normativa específica o persoal docente dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o persoal funcionario da Administración de xustiza.
4. No non reservado á lexislación do Estado, aplicarase esta norma ao persoal funcionario e laboral da Administración ou do sector público local, sen prexuízo da aplicación da lexislación establecida para o persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.
5. O persoal que presta servizos no Parlamento de Galicia, no Consello Consultivo de Galicia e no Consello de Contas réxese pola súa normativa reguladora e, supletoriamente, por este decreto sempre que resulte compatible co regulado naquela.
6. No non previsto por este decreto observarase o disposto no Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna dos funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Principios xerais
O acceso das persoas con discapacidade intelectual ao emprego público, a que se refire este decreto, deberá ter en conta os principios de igualdade entre mulleres e homes, igualdade de oportunidades, non discriminación, accesibilidade universal e compensación de desvantaxes e, en todo caso e con carácter básico, os principios que rexen o acceso ao emprego público.
CAPÍTULO II
Reserva de prazas para persoas con discapacidade intelectual
Artigo 4. Reserva de prazas para persoas con discapacidade intelectual
De conformidade co previsto nos parágrafos 1 e 2 do número 2 do artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nas ofertas de emprego público reservarase unha porcentaxe non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, de forma que progresivamente se alcance o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública incluída no ámbito de aplicación desta lei.
A reserva do mínimo do sete por cento realizarase de maneira que, polo menos, o 2 % das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e que o resto das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.
Artigo 5. Convocatorias con prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual
As prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual convocaranse mediante convocatorias independentes ás dos procesos de acceso libre, de conformidade co disposto no correspondente decreto polo que se aproba a oferta de emprego público.
CAPÍTULO III
Medidas en materia de procesos selectivos
Artigo 6. Participación e admisión na quenda de discapacidade intelectual
1. Para poder participar en calquera proceso selectivo pola quenda de discapacidade intelectual deberá indicarse esta circunstancia expresamente na solicitude de participación da convocatoria, con indicación do grao de discapacidade recoñecido segundo o ditame técnico facultativo do órgano competente, conforme o establecido no artigo 10.
2. Así mesmo, poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, de acordo co previsto no artigo 7.
Artigo 7. Adaptacións e axustes
1. A adaptación de medios e os axustes razoables consisten na posta á disposición de medios materiais e humanos, de asistencias, apoios e axudas técnicas e/ou tecnoloxías asistidas que precisen as persoas aspirantes para a realización das probas. Tamén, na garantía da accesibilidade á información e á comunicación dos procesos e ao recinto ou espazo físico onde se desenvolvan.
2. Para asegurar a participación en condicións de igualdade coas persoas aspirantes de acceso libre nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse, para as persoas con discapacidade intelectual que o soliciten, as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, ou norma que a substitúa.
3. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación, na cal se reflectirán as necesidades de accesibilidade da persoa candidata para participar no proceso de selección en igualdade de condicións, en que se contará coas adaptacións e cos apoios que sexan necesarios.
Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado na correspondente convocatoria, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.
4. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade intelectual garde relación directa coa proba que se vai realizar. Para valorar a procedencia das adaptacións solicitadas, poderáselle solicitar ao órgano con competencias en materia de emprego público o correspondente certificado ou información adicional.
Artigo 8. Lugares de realización dos exercicios
Os lugares en que se realicen os exercicios das probas selectivas deberán ser accesibles, transitables e adaptados conforme o disposto na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
CAPÍTULO IV
Medidas en materia de cobertura temporal de postos de traballo
Artigo 9. Especialidades en materia de listas de contratación temporal
1. As persoas aspirantes que concorresen ás probas selectivas pola quenda de discapacidade intelectual e non obtivesen praza, poderán ser seleccionadas nunha lista propia para desempeñaren postos de traballo con carácter temporal, en réxime de persoal funcionario interino ou de persoal laboral temporal, segundo o disposto no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, ou norma que o substitúa.
2. Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para o ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse establecer os criterios aplicables ás listas de contratación temporal de persoas con discapacidade intelectual, co obxecto de facer efectivo o seu chamamento.
CAPÍTULO V
Postos de traballo
Artigo 10. Acreditación da condición de persoa con discapacidade intelectual e da compatibilidade funcional
1. As persoas aspirantes que se presenten pola quenda de discapacidade intelectual terán que ter recoñecida esta condición segundo o ditame técnico facultativo do órgano competente en materia de valoración da discapacidade.
A dita condición deberá manterse ata que as persoas aspirantes adquiran a condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
2. O ditame técnico facultativo ou certificación acreditativa da discapacidade intelectual deberá achegarse no momento e no prazo que determine a correspondente convocatoria do proceso selectivo. De non facelo, non se poderá formalizar o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira ou non se poderá formalizar a súa contratación como persoal laboral fixo e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poidan incorrer por falsidade na súa solicitude de participación.
Artigo 11. Adxudicación de postos de traballo
Na adxudicación de postos de traballo nos procesos selectivos garantirase que as condicións da asignación das prazas convocadas resulten adecuadas ás circunstancias das persoas con discapacidade intelectual, para posibilitar a efectiva ocupación do posto.
Artigo 12. Adaptacións dos postos de traballo
1. Nas solicitudes de adxudicación de destino correspondentes ás probas de novo ingreso, ou de participación nos procesos de provisión, as persoas empregadas públicas con discapacidade intelectual poderán pedir a adaptación do posto de traballo.
2. O órgano ou entidade convocante poderá requirirlle á persoa interesada a información que considere necesaria para a adaptación solicitada, así como o ditame técnico facultativo do órgano competente en materia de valoración da discapacidade sobre a procedencia da adaptación e da compatibilidade co desempeño das funcións e tarefas do posto concreto que se vai ocupar.
En calquera caso, a compatibilidade co desempeño das funcións propias do posto de traballo valorarase tendo en conta as adaptacións que se poidan realizar nel.
Artigo 13. Catálogo de postos susceptibles de ser desempeñados por persoas que acrediten discapacidade intelectual
1. As relacións de postos de traballo das consellerías ou entidades públicas instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, poderán establecer os postos de traballo susceptibles de ser desempeñados por persoas que acrediten discapacidade intelectual.
2. Esta característica dos postos figurará na correspondente relación de postos de traballo e non será pública.
3. Con todos os postos anteriores de cada unha das relacións de postos de traballo elaborarase un catálogo de postos.
CAPÍTULO VI
Outras medidas favorecedoras para a inclusión
Artigo 14. Formación
1. Anualmente a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) realizará, como mínimo, unha actividade formativa dirixida ás persoas empregadas públicas que acrediten discapacidade intelectual.
2. A Administración realizará cursos destinados unicamente a persoas con discapacidade intelectual. Estes cursos, que se ofrecerán en condicións de accesibilidade, estarán dirixidos, ben á formación das persoas empregadas públicas con discapacidade intelectual para o mellor desempeño do seu posto de traballo, ben á formación para apoiar a promoción desde postos de traballo reservados para persoas con discapacidade intelectual.
3. A Administración promoverá a sensibilización e a formación do seu persoal que realice o labor de acollida ás persoas con discapacidade intelectual que accedan ao emprego público.
Artigo 15. Carreira administrativa/complemento de desempeño
As convocatorias de recoñecemento extraordinario do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario, de recoñecemento do correspondente grao da carreira administrativa do persoal funcionario ou de recoñecemento do correspondente complemento de desempeño para o persoal laboral do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia deberán establecer requisitos adaptados para o persoal empregado público que acredite unha discapacidade intelectual.
Artigo 16. Colaboración e cooperación con outras entidades
A Administración autonómica fomentará a realización de convenios ou contratos con persoas físicas ou xurídicas, incluídas as asociacións e federacións representativas dos distintos tipos de discapacidade, que teñan como finalidade facilitar a inclusión no ámbito do sector público das persoas con discapacidade intelectual que se atopan con especiais dificultades para a efectiva incorporación ao posto de traballo.
Artigo 17. Sistema de información
A consellería con competencias en materia de emprego público establecerá un sistema de indicadores e rexistros que permita dispoñer de información estatística exacta, actualizada e global do acceso e ingreso de persoas con discapacidade ao emprego público. Para xerar esta información, terase en conta a Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, en particular o previsto nela sobre rexistros e procedementos administrativos de posible aproveitamento estatístico, salvagarda do segredo estatístico e consideración das perspectivas de xénero e idade.
Disposición adicional única. Protocolo de acollemento
No prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto publicarase un protocolo para o acollemento no ámbito do emprego público do persoal de novo ingreso con discapacidade intelectual.
Disposición transitoria única. Réxime dos procedementos xa iniciados
Os procedementos selectivos e de provisión de postos de traballo xa iniciados no momento da entrada en vigor deste decreto continuarán rexéndose pola normativa vixente na data de publicación da correspondente convocatoria.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público para aprobar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, oito de setembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
