DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 1 de outubro de 2025 Páx. 51819

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 81/2025, do 15 de setembro, polo que se aproba a agrupación voluntaria entre os concellos de Sober e Pantón, da provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de traballo de Secretaría-Intervención, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Os concellos de Sober e Pantón acordaron aprobar definitivamente a súa proposta de agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo de Secretaría-Intervención reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

De conformidade coa normativa estatal, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de Secretaría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. E o artigo 10 do citado Decreto 49/2009 regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación anteriormente referida, requiríndose os informes da Deputación Provincial de Lugo e da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. Así mesmo, consta a proposta de clasificación do posto resultante.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Sober e Pantón, da provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de traballo reservado de Secretaría-Intervención, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación que forman parte integrante do expediente.

Segundo. Clasificar o posto de traballo reservado resultante da agrupación voluntaria dos concellos de Sober e Pantón nos seguintes termos:

Posto: Secretaría de clase 3ª.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 28.

Terceiro. Adscribir a Elena González López, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención ao novo posto de secretaría de clase 3ª resultante da agrupación de concellos de Sober e Pantón, revogando o nomeamento temporal outorgado á citada persoa funcionaria para o desempeño do posto de traballo reservado de Secretaría de clase 3ª no Concello de Pantón.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes