Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ángeles Terrazo con domicilio na rúa Colón, número 18, en Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 16 de maio de 2025, Francisco Salvador Villanueva Rodríguez, en representación do Padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Ángeles Terrazo constituíuna María de los Ángeles Terrazo Blanco, mediante escritura pública outorgada o 17 de marzo de 2025, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 813.
Tras requirimento do 20 de xuño de 2025, a Fundación achega unha dilixencia outorgada o 17 de xullo de 2025, na que emenda a escritura de constitución e completa o expediente de clasificación da dita entidade.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «promover a arte literaria, escritura e lectura».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por María de los Ángeles Terrazo Blanco, como presidenta; Luis Quinteiro Fiúza, como vicepresidente; Juan Carlos Aladro Fernández, como secretario; e Susana García-Baquero Borrell e Alfonso Carlos Penela Fernández, como vogais.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ángeles Terrazo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de setembro de 2025
DISPOÑO:
Clasificar de interese cultural a Fundación Ángeles Terrazo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
