En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, publícase como anexo desta resolución o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de setembro de 2025, polo que se outorga a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. (expediente IN408A 2020/17).
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2025
Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de setembro de 2025, polo que se outorga a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. (expediente IN408A 2020/17)
Tras ser examinado o expediente iniciado por solicitude de Serra do Faro, S.L., na actualidade Pena da Costa Eólica, S.L., en relación coa declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II e a súas infraestruturas de evacuación, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 5.2.2020 Serra do Faro, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II.
Segundo. Mediante a Resolución do 4.12.2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do Parque Eólico de Serra do Faro, S.L. a Pena da Costa Eólica, S.L.
Terceiro. Mediante a Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. por 13,5 MW (DOG nº 101, do 30 de maio).
Cuarto. O 23.6.2022 tivo entrada nesta dirección xeral a solicitude presentada por Pena da Costa Eólica, S.L. relativa á declaración de utilidade pública do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, coa correspondente relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados, para dar cumprimento ao establecido no artigo 44.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Quinto. O 26.5.2023 Pena da Costa Eólica, S.L. solicitou unha modificación non substancial do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, consistente con carácter xeral na substitución do modelo de aeroxerador proxectado, así como o desprazamento dalgunha das súas posicións.
Sexto. Mediante a Resolución do 27 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, recoñeceuse como non substancial unha modificación do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L.
Sétimo. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2023, acordou declarar como iniciativa empresarial prioritaria o referido parque eólico. Con base niso, o 27 de novembro de 2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
Oitavo. Coa Resolución do 10 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. (expediente IN408A 2020/17)
A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia número 218, do 16.11.2023, e nos xornais El Faro de Vigo o 16.11.2023 e La Región o 16.11.2023. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra e remitiuse para exposición aos concellos afectados (Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor).
Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
Noveno. O 16.11.2023 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense emitiu informe en que indicaba: «Os terreos sobre os cales está proxectado o Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, no que atinxe aos expedientes tramitados na Xefatura Territorial de Ourense, non están afectados por ningún dereito mineiro preexistente».
Décimo. O 28.11.2023 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu informe, en que indicaba: «en relación coa existencia de dereitos mineiros vixentes afectados polo proxecto modificado do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II e engadidos no Catastro mineiro de Galicia, os arquivos shapefile da planimetría do proxecto modificado achegados, non constan dereitos mineiros vixentes tramitados nesta xefatura territorial e afectados pola infraestrutura proxectada».
Décimo primeiro. A promotora presentou o 18.12.2023 acordo de cesión de dereito de superficie para a instalación do parque eólico coa CMVMC Santa María de Dozón, titular do MVMC Pena de Francia.
Décimo segundo. O 21.12.2023 o Servizo de Propiedade Forestal remitiulle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais informes dos servizos de montes da Consellería do Medio Rural das provincias de Ourense e Pontevedra do 17.11.2023 e do 12.12.2023, respectivamente, en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico, onde se indica que o proxecto afecta a:
• MVMC Miotos, titular A Cabana e Pobadura.
• MVMC Pena de Francia, titular CMVMC Santa María de Dozón.
• CMVMC de Pereira.
Décimo terceiro. O 2.2.2024 Pena da Costa Eólica, S.L. presentou contestación en relación cos certificados de aproveitamentos de masas forestais emitidos polo Servizo Provincial de Montes de Ourense e de Pontevedra, onde manifesta que non existe afección do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II a MVMC de Miotos e de CMVMC de Pereira, posto que ningunha das infraestruturas proxectadas se materializa na delimitación dos ditos MVMC, e polo tanto non procede iniciar o trámite de audiencia coas referidas CMVMC.
O 6.2.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle a ese organismo o informe de aproveitamentos e achegou a documentación proporcionada pola promotora.
O 28.2.2024 o Servizo de Montes de Ourense remitiu informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos da infraestrutura do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II.
O 29.2.2024 o Servizo de Montes de Pontevedra contesta que non se pode emitir o informe solicitado xa que, ademais do proxecto definitivo, se deberá remitir a documentación do trámite de audiencia de todas as CMVMC ocupadas pola poligonal do parque.
Décimo cuarto. O 4.4.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados MVMC Miotos, titular A Cabana e Pobadura, CMVMC Santa María de Dozón e CMVMC de Pereira, de acordo cos informes dos servizos de Montes de Ourense e Pontevedra recollidos no antecedente de feito décimo segundo, e concedeulles un prazo de quince días para presentar as alegacións que considerasen oportunas.
Durante o dito prazo, as comunidades de montes veciñais en man común afectadas non presentaron alegacións.
Décimo quinto. O 7.3.2025 a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos forestais afectados polo Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II nas provincias de Ourense e Pontevedra.
Décimo sexto. O 31.3.2025 esta dirección xeral recibiu do Servizo de Propiedade Forestal informes dos servizos de Montes de Pontevedra e Ourense do 25.3.2025 e do 28.3.2025, respectivamente, en relación co artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, emitiuse informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais do proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II.
No informe do Servizo de Montes de Pontevedra indícase: «Así, atendendo a todo o anteriormente exposto e revisada a documentación achegada do proxecto técnico de execución Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, con base no cumprimento do número 4 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, informo sobre a compatibilidade do aproveitamento afectado coa actuación proposta, salvo nas zonas de pleno dominio e servidume coas súas correspondentes faixas de xestión da biomasa, sen prexuízo doutros informes preceptivos e sempre que se cumpra o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cumprimento das distancias de plantación, así como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas exixidas».
No informe do Servizo de Montes de Ourense indícase: «Polo exposto anteriormente, e en cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio a reactivación económica de Galicia, e do disposto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, emítese informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos da infraestrutura Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, exceptuando a superficie en que se cambie a clasificación do solo, e sempre que se cumpra a lexislación vixente sobre a xestión da biomasa dentro da poligonal de ocupación do parque eólico».
Décimo sétimo. No marco dos procedementos PO-7196/2023 e PO-7319/2023, interpostos pola Asociación Ecoloxistas en Acción Galicia, e do PO-7277/2023, interposto pola Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, contra a Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. por 13,5 MW (DOG nº 101, do 30 de maio), o Tribunal Superior de Xustiza da Galicia ditou os autos número 00054/2024, do 5 de marzo de 2024 e número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024, referidos aos procedementos da Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza, e Auto número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024, referido ao procedemento da Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, e acordou a suspensión cautelar da resolución impugnada.
En concreto, o Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00054/2024, do 05 de marzo 2024, resolve:
«1º. Acollemos a solicitude de medida precautoria consistente na suspensión do acto aprobatorio de fondo cuxa solicitude de suspensión durante a tramitación do recurso de alzada foi denegada mediante a resolución da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditada no expediente RAI-DXEM-105/23, con data do 16 de xuño de 2023, que resolve o recurso de alzada interposto, no sentido de desestimar a suspensión cautelar da resolución impugnada, durante a tramitación do recurso de alzada interposto. Este recurso de alzada presentouse contra a Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se concede autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto de Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II.
É dicir, acordamos a suspensión da executividade da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais».
E o Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024, resolve o seguinte:
«1º. Adoptar, –sen imposición de caución algunha–, a medida cautelar de suspensión da executividade, interesada pola Asociación Ecoloxistas en Acción Galicia, respecto da Resolución do 23.4.2023 ditada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicicia), que outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Faro Ampliación II, sito en Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristobo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L.».
Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024, resolve o seguinte:
«Acordamos acoller a pretensión que formula a representante procesual da Asociación Petón do Lobo, de suspender cautelarmente a execución da resolución da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación do 23.4.2023, que outorgou á sociedade mercantil Pena da Costa Eólica, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións do proxecto do Parque Eólico Serra do Faro, situado nos concellos de Rodeiro e Dozón (Pontevedra) e San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense). Impoñémoslles ás codemandadas o pagamento das custas causadas á asociación ecoloxista, ata un máximo de 150,00 euros para cada unha de elas. –Por en coñecemento da Administración demandada a medida cautelar acordada para o seu inmediato cumprimento».
Décimo oitavo. O 17.6.2025 a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático recibiu do Servizo de Enerxías Renovables do Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático informe en relación co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no que conclúe indicando: «Na observación permitida polas condicións orográficas, de vexetación e de accesibilidade, comprobou sobre o terreo, salvo erro involuntario, que nos 13 predios obxecto do expediente expropiatorio que resultaron afectados na provincia de Ourense non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro».
Décimo noveno. O 7.7.2025 a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático recibiu do servizo de Enerxías Renovables do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático un informe en relación co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no que conclúe indicando: «Na observación permitida polas condicións orográficas, de vexetación e de accesibilidade, comprobouse sobre o terreo, salvo erro ou omisión involuntaria ou mellor criterio técnico, que nos predios obxecto do expediente expropiatorio que resultaron afectadas non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o número 1 do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Consonte o número 2 do citado artigo, tal como se aprecia na imaxe número 1 do anexo 1, imponse unha servidume de paso para a liña subterránea sobre esta propiedade particular incluída na RBDA: predio ref. catastral 36016A02000168 (sen acordo)».
Vixésimo. O 19.2.2025 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre a posibilidade de tramitar a declaración de utilidade pública dos proxectos de parque eólico (e/ou, de ser o caso, das súas infraestruturas de evacuación) que, ainda que conten con autorización administrativa previa e de construción, estean afectados por suspensión cautelar acordada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no marco dun recurso contencioso-administrativo.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. O informe de 19.2.2025 da Asesoría Xurídica sobre a posibilidade de tramitar a declaración de utilidade pública dos proxectos de parque eólico (e/ou, de ser o caso, das súas infraestruturas de evacuación) que, aínda que contan con autorización administrativa previa e de construción, estean afectados por suspensión cautelar acordada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no marco dun recurso contencioso-administrativo, conclúe:
«5. O feito de que a solicitude de declaración de utilidade pública poida presentarse e tramitarse simultaneamente coa solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción (artigos 143.2 Real decreto 1955/2000 e 44.2 da Lei 8/2009) pon de manifesto que non é necesario que as ditas autorizacións estean aprobadas para poder tramitar a solicitude e, en consecuencia, que a medida cautelar de suspensión acordada respecto das autorizacións administrativa previa e de construción non é un obstáculo para tramitar as solicitudes de declaración de utilidade pública correspondentes aos parques eólicos coas autorizacións suspendidas cautelarmente. Isto é, na medida en que non é necesario que a autorización administrativa previa e a de construción estean aprobadas para solicitar e tramitar a declaración de utilidade pública a suspensión cautelar destas autorizacións non impide tramitar as solicitudes de utilidade pública a que se refire a petición de informe e, en particular, realizar os seguintes trámites destacados na consulta formulada:
• Realización da información pública.
• Notificación aos afectados por cambios nos proxectos despois da información pública da relación de bens e dereitos
• Petición de certificados de aproveitamentos forestais e mineiros afectados.
• Apertura do trámite de audiencia, de ser o caso.
• Emisión de informes de compatibilidade cos dereitos afectados (minas e montes).
• Emisión de informes de servidumes.
6. En todos os casos a que se refire á consulta, o proxecto executivo está aprobado, o que permite dispor da relación de bens e dereitos afectados pola expropiación (a diferenza do que sucedeu, por exemplo, no suposto analizado na do STS 22.3.2010, Sala Terceira do Contencioso-Administrativo, Sección 3ª, Rec. 513/2007, RJ\2010\4447, FX 4º: «Se por calquera destas circunstancias non se aproba o proxecto de execución, ou a localización da instalación se modifica para evitar os óbices urbanísticos, a declaración de utilidade pública e as actuacións expropiatorias derivadas dela resultarían carentes de base firme poderían ter ocasionado prexuízos innecesarios a algúns titulares de bens ou dereitos como a empresa recorrente»). Os efectos suspensivos da medida cautelar que afecta a autorización administrativa de construción non inhabilitan o alcance do proxecto executivo nin o privan do seu valor para identificar os bens e dereitos concretamente afectados pola instalación de enerxía eléctrica, motivo polo que é perfectamente posible declarar a utilidade pública solicitada polo órgano competente (ben a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, ben o Consello da Xunta nos supostos previstos no artigo 44.5 da Lei 8/2009 – supostos de compatibilidade ou prevalencia cando as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de más de una consellería) e efectuar a súa notificación e publicación, de acordo co legalmente exixido.
7. Ben que a suspensión cautelar da autorización administrativa previa e de construción non impide tramitar e declarar a utilidade pública en concreto (ao tratarse de procedementos autónomos e tendo en conta o concreto alcance da medida cautelar de suspensión acordada), o certo é que non resulta razoable continuar a tramitación do procedemento expropiatorio (privando os propietarios da súa posesión coa ocupación do ben ou dereito expropiado) cando a promotora non pode executar o proxecto por razón da medida cautelar. A esta imposibilidade material de executar o proxecto pola promotora súmase a incerteza propia da pendencia do procedemento administrativo que pesa sobre as autorizacións administrativas previa e de construción, indispensables para a posta en funcionamento da instalación de enerxía eléctrica. Atendendo a estas circunstancias e co obxectivo de non ocasionar prexuízos innecesarios aos titulares de bens e dereitos afectados pola declaración de utilidade pública (STS 25.2.2016 e STS 22.3.2010, antes citadas), procede (como xa se propón na petición de informe) suspender o prazo para resolver o procedemento e notificar a resolución do procedemento expropiatorio ata o levantamento da medida cautelar de suspensión (véxase ao respecto o artigo 132 da LXCA), aplicando o previsto no artigo 22, número 1, letra g), da Lei 39/2015, do 15 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».
En consecuencia, tal e como se xustifica no Informe da Asesoría Xurídica do 19.2.2025, a suspensión cautelar da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. por 13,5 MW, identificada no antecedente de feito terceiro, acordada polos autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00054/2024, do 5 de marzo de 2024, número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024, e número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024, non impide tramitar a solicitude de declaración de utilidade pública para o Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II presentada pola promotora Pena da Costa Eólica, S.L., xunto coa correspondente relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados, de acordo co exixido no artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Cuarto. De acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a declaración de utilidade pública leva implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Agora ben, o levantamento da medida cautelar de suspensión acordada polos autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00054/2024, do 5 de marzo de 2024, número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024 e do número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024, ben mediante unha decisión expresa referida á dita medida cautelar de suspensión, ou ben mediante unha sentenza firme que poña fin aos procedementos ordinarios que se seguen contra a Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense) e promovido por Pena da Costa Eólica, S.L., resulta indispensable para poder continuar coa tramitación do procedemento expropiatorio con todas as garantías para os afectados por el, de xeito que non se lles ocasionen prexuízos innecesarios, tendo en conta que a situación de incerteza que pesa sobre as autorizacións administrativa previa e de construción pola pendencia dos procedementos contencioso-administrativos PO-7196/2023, PO-7319/2023 e PO-7277/2023 se ve agravada singularmente pola medida cautelar que lla impide a promotora executar o proxecto neste momento.
En consecuencia, atendendo a estas circunstancias e, singularmente, á suspensión cautelar acordada polos autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00054/2024, do 5 de marzo 2024, número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024 e e número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024, procede suspender o prazo para resolver e para notificar a resolución deste procedemento expropiatorio de acordo co artigo 22, número 1, letra g), da Lei 39/2015, do 15 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
En canto á duración desta suspensión, de acordo co artigo 22.1, letra g) da Lei 39/2015, en relación co artigo 132 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, non procede dirixir solicitude ningunha ao órgano xurisdicional de acordo co artigo 132 en relación co artigo 130 da Lei 29/1998, e iniciarse a presente suspensión desde o momento en que así se declare.
Polo demais, a suspensión debe estenderse, atendendo a cal é o pronunciamento xurisdicional que resulta indispensable para a continuación do procedemento, ata que, de acordo co artigo 22.1, letra g) da Lei 39/2015 en relación co artigo 132 Lei 29/1998, esta administración teña constancia da emisión do pronunciamento polo cal se acorde o levantamento da medida cautelar de suspensión (suposto en que a actuación impugnada recuperará a súa executividade) ou ben, na súa falta, cando esta administración teña constancia da emisión da sentenza firme pola que se resolvan os procedementos PO-7196/2023, PO-7319/2023 e PO-7277/2023.
Quinto. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente de declaración de utilidade pública, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:
No caso de escritos de oposición ao estudo de impacto ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse os informes sectoriais das administracións afectadas: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Dozón, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Sociedade Galega de Historia Natural.
No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.
En relación coa alegación sobre prexuízos xerados polo proxecto sobre unha explotación gandeira, cómpre indicar que a única afección existente sobre a parcela sinalada, conforme se recolle na relación de bens e dereitos, consiste nunha servidume de paso que afecta unha porcentaxe moi reducida da superficie da devandita parcela. Esta circunstancia non supón incompatibilidade ningunha co eventual desenvolvemento dunha actividade de explotación porcina na parcela por parte dos alegantes. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.
No caso de alegacións relativas á titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, para os efectos previstos no artigo 52, número 3, da Lei de expropiación forzosa.
Sexto. No que respecta á compatibilidade do parque eólico cos montes afectados, e de acordo co establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, finalizado o trámite de audiencia coas MVMC Miotos, titular A Cabana e Pobadura, CMVMC Santa María de Dozón e CMVMC de Pereira, o 31.3.2025 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiulle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais os informes dos servizos de Montes das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense do 25.3.2025 e do 28.3.2025, respectivamente, que se transcriben a continuación.
No informe do Departamento Territorial de Pontevedra indícase:
«Así, atendendo a todo o anteriormente exposto e revisada a documentación achegada do proxecto técnico de execución do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, con base no cumprimento do número 4 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, informo sobre a compatibilidade do aproveitamento afectado coa actuación proposta, salvo nas zonas de pleno dominio e servidume coas súas correspondentes faixas de xestión da biomasa, sen prexuízo doutros informes preceptivos e sempre que se cumpra o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cumprimento das distancias de plantación, así como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas exixidas».
No informe do Departamento Territorial de Ourense indícase:
«Polo exposto anteriormente, e en cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio a reactivación económica de Galicia, e do disposto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, emítese informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos da infraestrutura do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II; exceptúase a superficie na que se cambie a clasificación do solo, e sempre que se cumpra a lexislación vixente sobre a xestión da biomasa dentro da poligonal de ocupación do parque eólico».
Procede engadir que, como resulta dos antecedentes, non se declara o trámite de compatibilidade coa comunidade de monte coa cal ten acordo a CMVMC Santa María de Dozón, titular do MVMC Pena de Francia.
De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do Parque Eólico Serra do Faro Ampliación II, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro) en relación coas parcelas recollidas no anexo I deste acordo.
Segundo. Suspender, de acordo co artigo 22.1, letra g) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento expropiatorio previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa en relación co artigo 56 da Ley 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o artigo 44.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Esta suspensión, de acordo co artigo 22 da Lei 39/2015, estenderase, atendendo a cal é o pronunciamento xurisdicional que resulta indispensable para a continuación do procedemento, ata que, de acordo co artigo 22.1, letra g) da Lei 39/2015, en relación co artigo 132 Lei 29/1998, esta administración teña constancia da emisión do pronunciamento polo que se acorde o levantamento da medida cautelar de suspensión acordada polos autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 00054/2024, do 5 de marzo de 2024, número 00075/2024, do 25 de marzo de 2024, e o número 00021/2024, do 8 de febreiro de 2024 (suposto en que a actuación impugnada recuperará a súa executividade) ou ben, na súa falta, cando esta administración teña constancia da emisión da sentenza firme pola que se resolvan os procedementos PO-7196/2023, PO-7319/2023 e PO-7277/2023.
Terceiro. Declarar a compatibilidade do parque eólico cos montes veciñais en man común afectados: MVMC Miotos, titular A Cabana e Pobadura.
A presente declaración de compatibilidade axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
• Tal e como queda recollido nos informes do 25.3.2025 e do 28.3.2025 emitidos polos servizos de Montes dos departamentos territoriais de Pontevedra e Ourense, respectivamente, mencionados no antecedente de feito décimo sexto, debe cumprise a lexislación vixente sobre a xestión da biomasa dentro da poligonal de ocupación do parque durante toda a súa vida útil.
Cuarto. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
