DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 3 de outubro de 2025 Páx. 52228

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de outubro de 2025 pola que se acorda a apertura dun novo prazo para a presentación das solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras na Orde do 28 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

O 13 de agosto de 2025, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 154 a Orde do 28 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

O prazo para presentaren as solicitudes de adhesión as entidades colaboradoras, ao abeiro do procedemento IF310F, finalizou o día 15 de setembro de 2025. Porén, dado que se trata da primeira convocatoria desta orde de axudas, e ao publicarse esta durante o mes de agosto, moitos centros de formación e autoescolas non presentaron a solicitude de adhesión en prazo.

Ademais, o sector das empresas de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada presenta unha problemática derivada da carencia de persoal para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos de transporte. Esta escaseza de condutores vén motivada por diversos factores, como o elevado custo económico que supón acceder á dita profesión. Neste ámbito enmárcase esta orde, dirixida a fomentar a incorporación de novos profesionais ao sector, o que vai contribuir a mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando así as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, ao implementar estas dúas liñas de axuda para facilitar a obtención do certificado de aptitude profesional e os permisos de condución correspondentes.

De conformidade co exposto, considérase oportuno proceder á apertura dun novo prazo de presentación das solicitudes de adhesión, que empezará a contar a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta orde no DOG ata o 15 de outubro de 2025, dado que non prexudica terceiros interesados, porque o obxectivo é que a axuda chegue ao maior número de beneficiarios posible e tampouco prexudica as demais entidades colaboradoras que xa presentaron a solicitude de adhesión no prazo inicial.

Ademais, a apertura deste novo prazo non afecta «aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación», a que se refire o artigo 13.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Mantéñense o resto dos prazos previstos na orde, polo que non se ve afectado o prazo previsto no artigo 18 en relación co prazo de presentación das solicitudes, nin o previsto no artigo 31 para presentar a documentación xustificativa.

Por todo o anterior, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Apertura dun novo prazo

Abrir de novo un prazo para a presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras.

O prazo comezará a contar a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2025.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes