Exposición de motivos
O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 23 de xullo de 2025, aprobou o Regulamento de mobilidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Con data do 26 de setembro de 2025, publicouse unha corrección de erros do dito regulamento no taboleiro electrónico de anuncios da USC.
Por isto, este reitorado
RESOLVE:
Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Regulamento de mobilidade da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 23 de xullo de 2025, no cal se integra a corrección de erros publicada no taboleiro electrónico de anuncios do día 26 de setembro de 2025.
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ACORDO do Consello de Goberno, do 23 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de mobilidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Tal como se recolle no Plan de internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela 2024-2026, a mobilidade constitúe un dos elementos clave para a internacionalización e a proxección das universidades, co programa Erasmus+ como punta de lanza da estratexia europea na educación superior desde o ano 1987.
A mobilidade, en particular a mobilidade internacional, representa un beneficio para toda a comunidade universitaria. Permítelle ao estudantado complementar noutras universidades os estudos conducentes á obtención dun título oficial, realizar prácticas en empresas e institucións, beneficiarse dunha proveitosa experiencia social e cultural, e mellorar o seu currículo de cara á súa incorporación laboral. Pola súa banda, o persoal docente e investigador (PDI) pode, a través da mobilidade, afianzar as súas relacións con outras universidades e centros de investigación estranxeiros e contar cunha experiencia docente internacional. Por último, o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) adquire, mediante a mobilidade, unha experiencia laboral máis rica, ao mellorar a súa capacitación en linguas estranxeiras e en formación intercultural.
No último lustro, nomeadamente a raíz da pandemia da COVID-19, o concepto de mobilidade expandiuse de xeito considerable, outorgándolle un peso importante á mobilidade híbrida e virtual como complemento da mobilidade física. A mobilidade virtual percíbese como un avance na medida en que flexibiliza o acceso ás experiencias internacionais de colectivos con menos oportunidades. Ademais, permite o establecemento de colaboracións estables entre equipos docentes, de investigación e de xestión no eido internacional. O xurdimento destas novas modalidades de mobilidade fan necesaria a actualización do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012.
Por outra banda, o Regulamento do ano 2012 recolle unicamente os procedementos para a mobilidade estudantil para estudos ao abeiro de programas de intercambio, quedando fóra da súa aplicación outros tipos de mobilidade alén destes programas, así como a mobilidade doutros colectivos da comunidade universitaria, como o PDI e o PTXAS.
Este regulamento dá resposta a estas necesidades ao incluír tanto as novas modalidades de mobilidade como a mobilidade de todos os sectores da comunidade universitaria, tanto dentro como fóra do Estado español.
O regulamento foi elaborado polo Vicerreitorado de Titulacións e Internacionalización coas achegas realizadas polos membros do grupo de traballo para a elaboración do regulamento de mobilidade, e recibiu informe favorable da Comisión de Internacionalización delegada do Claustro Universitario.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno, na súa reunión do 23 de xullo de 2025, acordou aprobar este regulamento.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Ámbito de aplicación
Este regulamento será de aplicación a todas aquelas mobilidades que realicen, ao abeiro de programas ou convenios de mobilidade, os membros da comunidade universitaria da USC, tanto estudantado como persoal docente e investigador (PDI) e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), noutras institucións de ensino superior ou, no caso de mobilidades para a realización de prácticas internacionais, en empresas ou en institucións públicas ou privadas. Será tamén de aplicación a aquelas mobilidades que realicen na USC o estudantado, o PDI e o PTXAS procedente doutras universidades, tanto dentro de programas e convenios de intercambio universitario como fóra destes programas.
Artigo 2. Principios
A mobilidade da USC réxese polos seguintes principios:
a) A boa fe.
b) A confianza lexítima no cumprimento dos compromisos asumidos para o recoñecemento dos estudos cursados e das estadías de prácticas de mobilidade realizadas polo estudantado.
c) A coordinación e colaboración dos órganos e das unidades da USC con competencias en materia de mobilidade.
d) A publicidade, igualdade, mérito e capacidade no acceso aos programas de mobilidade, ás convocatorias e ás axudas de mobilidade.
e) O respecto e cumprimento dos acordos interinstitucionais e das normas de funcionamento dos programas de mobilidade.
f) O dereito a unha mobilidade inclusiva de todos os colectivos da comunidade universitaria.
Artigo 3. Responsable de internacionalización do centro (RIC)
1. O/a decano/a ou director/a de centro proporalle ao/á reitor/a un membro do equipo directivo do centro para asumir as funcións de responsable de internacionalización do centro (RIC).
2. Unha vez nomeado/a polo/a reitor/a, o/a RIC realizará as seguintes funcións de carácter xeral:
a) Difundir, promocionar e dinamizar entre o estudantado, o PDI e o PTXAS do seu centro as estratexias e accións de internacionalización da USC establecidas no Plan de Internacionalización en vigor, así como os diversos programas de mobilidade interuniversitaria en colaboración co Vicerreitorado con competencias en materia de internacionalización.
b) Coordinar o fluxo de comunicación entre o Vicerreitorado con competencias en internacionalización e o seu centro.
c) Velar polo cumprimento na aplicación das normas e criterios que regulen a mobilidade dos distintos colectivos da comunidade universitaria.
d) Apoiar o/a decano/a ou director/a do centro na recepción das visitas de delegacións ou persoas responsables da internacionalización procedentes de institucións con que o seu centro ten subscritos convenios, ou daquelas que poidan ser de interese para establecer relacións de colaboración.
e) Trasladarlle ao Vicerreitorado con competencias en internacionalización as propostas de novos convenios de mobilidade aprobadas pola Comisión de Internacionalización do centro ou pola comisión con competencias en internacionalización e mobilidade do seu centro nos prazos establecidos polo Vicerreitorado.
f) Trasladar ao Vicerreitorado con competencias en internacionalización as propostas de novos programas intensivos combinados (Blended Intensive Programmes, BIP) aprobadas pola Comisión de Internacionalización ou pola comisión con competencias en internacionalización e mobilidade do seu centro.
g) Apoiar e coordinar o labor das persoas responsables da coordinación académica de mobilidade pertencentes ao seu centro.
h) Colaborar coas unidades administrativas e académicas do centro na planificación e organización do traballo relacionado cos programas de mobilidade.
i) Autorizar e comunicarlle á Oficina de Mobilidade as propostas de mobilidade do PDI e o PTXAS procedente doutras institucións que desenvolva estadías no seu centro para que este persoal estea debidamente rexistrado.
i) Recibir o estudantado procedente doutras institucións de educación superior e orientalo cara aos/ás seus/súas respectivos/as coordinadores/as académicos/as.
m) Verificar que os/as coordinadores/as académicos/as ou titores/as de prácticas cumpren efectivamente coa súa obriga de tutelar o estudantado de mobilidade entrante e saínte.
n) Revisar e darlles o visto e prace aos acordos de formación (tanto de estudos como de prácticas) elaborados polo estudantado con axuda dos/das coordinadores/as académicos ou titores/as de prácticas, así como aos cambios nos ditos acordos, para comprobar que se axustan ao establecido no plan de estudos e nas normas de matrícula.
3. Os/as RIC terán dereito ás certificacións oportunas para os efectos de que se lles poidan conceder os recoñecementos que establezan as normativas.
4. Os/as RIC poderán ser cesados/as polo/a reitor/a, por proposta do/da decano/a ou director/a do centro a que estean adscritos.
Artigo 4. Coordinadores/as académicos/as de mobilidade (CAM)
1. O centro establecerá o número de CAM correspondente ás diferentes titulacións oficiais impartidas nel e ás diferentes institucións de educación superior coas cales a USC ten subscritos convenios.
2. Os/as CAM serán nomeados/as, por proposta do/da decano/a ou do director/a do respectivo centro, polo/a vicerreitor/a con competencias en mobilidade. De non constar de forma expresa un/unha coordinador/a para un programa de intercambio, a función será asumida polo/a RIC do centro. En caso de baixa por enfermidade, maternidade, paternidade, etc. dun/dunha CAM, poderá nomearse un/unha CAM substituto/a. En caso de non haber substituto/a, o/a RIC substituirá a persoa de baixa.
3. Os/as CAM titorizarán e asistirán o estudantado de intercambio nos aspectos académicos e asumirán as seguintes funcións:
a) Participar, baixo a coordinación do/da RIC, nas accións de promoción da mobilidade e da internacionalización no centro.
b) Informar e orientar o estudantado da USC na elaboración dos acordos de formación, comprobando, de ser o caso, a equivalencia entre as materias que se van cursar de intercambio e as materias matriculadas na USC.
c) Autorizar as modificacións dos acordos de formación no período establecido.
d) Naqueles procesos en que así se determine, formar parte das comisións de selección do estudantado para os programas que coordinen.
e) Asesorar academicamente o estudantado de intercambio, tanto entrante como saínte, así como realizar o seu seguimento.
4. Os/as CAM terán dereito ás certificacións oportunas para os efectos de que se lles poidan conceder os recoñecementos que establezan as normativas.
5. Os/as CAM poderán ser cesados/as polo/a vicerreitor/a con competencias na materia, por proposta do/da decano/a ou director/a do centro a que estean adscritos.
Artigo 5. Comisión con competencias en internacionalización e mobilidade do centro
1. Os centros crearán una Comisión de Internacionalización do Centro (CIC) ou asignaranlle as competencias de internacionalización e mobilidade a outra comisión xa existente.
2. A CIC ou a comisión con competencias en internacionalización e mobilidade será a encargada de darlle apoio ao/á RIC na promoción da estratexia de internacionalización de acordo co establecido no Plan de internacionalización vixente e na promoción dos programas de mobilidade nos cales participe o centro.
3. A CIC ou a comisión con competencias en internacionalización e mobilidade terá a composición que determine o Regulamento de réxime interno do centro.
4. As funcións da CIC ou a comisión con competencias en internacionalización e mobilidade serán as que determine o Regulamento de réxime interno do centro, entre as cales se deberán incluír as seguintes:
a) Seleccionar o estudantado de intercambio saínte cando a selección se realice no propio centro.
b) Asignarlle os destinos ao estudantado saínte seleccionado cando a selección se realice no propio centro.
c) Darlles o visto e prace ás propostas de novos convenios realizadas polo PDI do centro.
d) Darlles o visto e prace ás propostas de organización e de participación en BIP do seu centro.
e) Outras competencias recollidas no Regulamento de réxime interno do centro.
Artigo 6. Unidades de xestión de centro e departamentos
As unidades de xestión de centro e departamentos son responsables da xestión derivada dos procesos de mobilidade do estudantado, PDI e PTXAS dos seus centros. As súas funcións inclúen, entre outras, as seguintes:
a) Facilitarlles ao estudantado, PDI e PTXAS do seu centro a información sobre a oferta, condicións, trámites, etc. dos distintos programas de mobilidade.
b) Recibir o estudantado entrante e facilitarlle información particular da titulación, dos/das CAM, dos procedementos, dos horarios dos cursos, etc.
c) Colaborar na resolución de incidencias durante as mobilidades de estudantado, PDI e PTXAS, tanto saínte como entrante.
d) Colaborar na selección do estudantado que realizará os intercambios (elaboración de listas, baremos, publicación de propostas, etc.) naquelas convocatorias de mobilidade en que a selección se realice no centro.
e) Gravar os acordos de formación do estudantado no sistema informático.
f) Remitirlles as actas, resolucións ou certificacións, segundo sexa o caso, de recoñecemento de estudos aos/ás CAM para a súa conformidade e á unidade de xestión académica (UXA) correspondente para a súa anotación nos expedientes do estudantado.
g) Comunicarlle ao Vicerreitorado con competencias en internacionalización as altas e baixas dos RIC e CAM do seu centro.
h) Arquivar toda a documentación administrativa xerada polos procesos de mobilidade no centro.
Artigo 7. Vicerreitorado competente en materia de internacionalización e mobilidade
As atribucións do Vicerreitorado competente en materia de internacionalización e mobilidade estarán determinadas pola resolución pola que o/a reitor/a acorde a delegación de competencias en diferentes materias e órganos.
Artigo 8. Convocatorias de mobilidade
1. A USC, a través do Vicerreitorado competente en materia de internacionalización e mobilidade, publicará no taboleiro de anuncios electrónico da USC as convocatorias para a participación do estudantado, o PDI e o PTXAS nas distintas actividades de mobilidade, a través de programas ou de convenios.
2. As convocatorias de mobilidade tamén serán difundidas a través do Vicerreitorado competente, dos centros e do portal internacional da web da USC.
3. Entre outros aspectos, as convocatorias deberán incluír toda a información relativa ao procedemento de admisión, aos requisitos xerais e específicos, aos prazos de solicitude, aos órganos e criterios de selección, así como aos prazos e procedementos para a reclamación.
TÍTULO II
Convenios interinstitucionais de mobilidade
Artigo 9. Consideracións xerais
A USC conta con varios tipos de convenios de mobilidade con diferentes procedementos de formalización: (i) convenios bilaterais; (ii) convenios Erasmus+; (iii) convenios SICUE. A formalización dos convenios reguladores da mobilidade axustarase ao réxime xeral vixente na materia na USC, en particular ao Regulamento para a xestión de convenios na USC, aprobado polo Consello de Goberno o 30 de abril de 2021, ou á normativa que o substitúa.
Artigo 10. Convenios bilaterais
1. As novas propostas de convenios bilaterais de mobilidade para estudantado, PDI e PTXAS propostas desde os centros e ratificadas pola CIC ou comisión con competencias en internacionalización e mobilidade do centro deberán ser aprobadas polo Vicerreitorado con competencias en internacionalización e mobilidade logo de informe técnico.
2. Unha vez aprobada a proposta, corresponderalle á Unidade de Convenios velar polo cumprimento de todos os seus requisitos, tramitar a súa sinatura e proceder ao rexistro dos convenios bilaterais de cooperación e intercambio académico de que sexa parte a USC.
3. Con carácter previo á sinatura dos convenios específicos de mobilidade para estudantado, PDI e PTXAS, deberá asinarse un protocolo ou memorando de entendemento (MoU) entre a USC e a institución socia.
4. A sinatura dos protocolos e convenios bilaterais específicos correspóndelle ao/á reitor/a.
Artigo 11. Convenios Erasmus+ e SICUE
1. Unha vez aprobadas pola CIC ou a comisión con competencias en internacionalización e mobilidade do centro, as novas propostas de convenios Erasmus+ para o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e de convenios SICUE deberán ser remitidas polo/a RIC do centro á Oficina de Mobilidade para a súa tramitación, xunto coa proposta do/da CAM que se encargará de titorizar o estudantado.
2. As novas propostas de convenios Erasmus+ International Credit Mobility (fóra do EEES) serán xestionadas pola Oficina de Mobilidade. A diferenza dos convenios Erasmus+ para o EEES, estes convenios son asinados para toda a Universidade, non para titulacións específicas.
3. Todos os convenios interinstitucionais Erasmus+ poderán ser asinados, por delegación de sinatura, pola persoa titular da Xefatura da Oficina de Mobilidade ou por aquela persoa designada para tal fin polo/a vicerreitor/a con competencias en internacionalización, por delegación do/da reitor/a.
4. Os convenios SICUE serán asinados polo/a vicerreitor/a competente, por delegación do/a reitor/a, seguindo o procedemento e os prazos marcados pola CRUE.
TÍTULO III
Mobilidade de estudantado saínte por programa ou convenio de intercambio
CAPÍTULO I
Consideracións xerais
Artigo 12. Dereitos do estudantado saínte por programa ou convenio de intercambio
O estudantado saínte da USC terá os seguintes dereitos:
a) Recibir información a través do vicerreitorado con competencias en materia de internacionalización e mobilidade e a través dos/das RIC e dos/das CAM dos seus centros sobre convocatorias de mobilidade, tanto nacional como internacional, incluíndo información sobre as bolsas, requisitos, trámites administrativos, recoñecemento de estudos, etc.
b) Recibir asesoramento para a formalización do seu acordo de formación (acordo de estudos ou de prácticas) e para o seu recoñecemento.
c) Modificar o seu acordo de formación no prazo dun mes desde o inicio da súa mobilidade na institución de destino, en caso de que as actividades incluídas no acordo de formación non estean dispoñibles ou se a escolla inicial resulta inadecuada ou inviable.
d) Modificar a súa matrícula na USC nos prazos establecidos.
e) Obter recoñecemento por parte da USC da formación académica ou das prácticas curriculares como parte dos seus estudos oficiais.
f) Obter unha acreditación das prácticas non curriculares no suplemento europeo ao título (SET) e/ou a través do Europass.
g) Percibir as axudas económicas de mobilidade que estableza a convocatoria na cal obtivo a praza de intercambio.
h) Percibir aquelas bolsas e axudas que non sexan incompatibles coas axudas económicas que estableza a convocatoria para a cal obtivo a praza de intercambio.
i) Estar exento, de ser o caso, das taxas de matrícula na institución de destino, sempre que así se recolla nas condicións do convenio de mobilidade que regula a súa estadía.
Artigo 13. Obrigas do estudantado saínte por programa ou convenio de intercambio
O estudantado saínte da USC terá as seguintes obrigas:
a) Estar matriculado na USC nunha titulación de grao, mestrado universitario ou doutoramento. Queda exento de formalizar matrícula o estudantado que realiza unha mobilidade de prácticas como titulado/a recente.
b) No caso de mobilidade por estudos, formalizar matrícula na institución de destino seguindo as indicacións da institución.
c) Presentar en tempo e forma a súa solicitude xunto coa documentación exixida tanto na USC como na institución de destino.
d) Realizar os trámites para cumprir coas exixencias da lexislación vixente no país de destino, en caso de mobilidades internacionais, especialmente para a tramitación de visados e permisos de residencia.
e) Contratar o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para estudantes coas coberturas que determine a USC, independentemente da existencia de requisitos adicionais impostos pola institución de destino.
f) Incorporarse á institución de destino na data establecida por esta e comunicar esta incorporación á Oficina de Mobilidade mediante o certificado de chegada no prazo establecido na convocatoria.
g) Cumprir o acordo de formación e o período de mobilidade acordado, incluíndo as probas de avaliación, de ser o caso.
h) Respectar as normas da institución de destino e, no caso das mobilidades internacionais, a lexislación vixente no país de acollida.
i) Unha vez rematada a mobilidade, entregar na Oficina de Mobilidade o certificado de fin de estadía no prazo establecido na convocatoria.
j) No caso de realizar unha mobilidade para estudos a través dun programa que inclúa asignacións económicas en concepto de axudas á mobilidade, axudas de viaxe, matrícula gratuíta, etc., o estudantado de grao e mestrado deberá regresar cunha cualificación, sexa de superación da materia ou de suspenso, para un mínimo do 60 % dos créditos incluídos no seu acordo de formación. O estudantado de doutoramento deberá regresar cun informe favorable asinado pola persoa que titorizou a súa estadía.
k) O incumprimento destas obrigas por causas non xustificadas poderá comportar o reintegro das axudas económicas percibidas, a perda do dereito ao recoñecemento académico e a penalización en convocatorias de mobilidade posteriores.
Artigo 14. Requisitos xerais para o estudantado saínte da USC por programa ou convenio de intercambio
Para participar nunha mobilidade por programa ou convenio de intercambio, o estudantado debe cumprir os seguintes requisitos de carácter xeral, ademais daqueles de carácter específico marcados polas respectivas convocatorias:
a) Estar matriculado no momento da solicitude e da estadía en estudos de grao, mestrado universitario ou doutoramento, agás no caso do estudantado de prácticas na modalidade de titulado/a recente, que deberá cumprir este requisito no momento da presentación da solicitude.
b) No caso de mobilidades internacionais, acreditar, antes do remate do prazo de solicitude, o coñecemento da lingua oficial do país de destino ou da lingua de instrución ou de traballo empregada na entidade de acollida se esta é distinta da do país de destino. O nivel mínimo exixido será o B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER), ben que a institución de destino pode exixir un nivel superior.
c) Non se lles exixirá acreditar o nivel de idioma que:
i. A aquelas persoas que teñan como lingua materna a exixida para a institución en que desexan realizar a mobilidade. Esta circunstancia deberase indicar e acreditar no momento de realizar a solicitude mediante unha copia do pasaporte ou da tarxeta de identidade estranxeira.
ii. Ao estudantado das titulacións recollidas na Resolución reitoral do 2 de marzo de 2023 que teña superadas as materias ou módulos necesarios para que se lles recoñeza o nivel B1, B2, C1 ou C2.
iii. Ao estudantado das diferentes titulacións filolóxicas que aprobase un mínimo de 12 créditos en materias dunha lingua estranxeira instrumental, sempre que esta coincida coa lingua de instrución na institución de destino.
Artigo 15. Modalidades de mobilidade para o estudantado saínte por programa ou convenio de intercambio
O estudantado saínte por programa ou convenio de intercambio poderá realizar estadías de mobilidade nas seguintes modalidades:
a) O estudantado de titulacións de grao e de titulacións de mestrado universitario de máis de 60 ECTS poderá realizar mobilidades de longa ou curta duración para estudos nunha institución de educación superior con convenio coa USC. O estudantado de titulacións de mestrado universitario de 60 ECTS só poderá realizar mobilidades de curta duración. As mobilidades de curta duración poderán ser físicas, híbridas ou virtuais.
b) O estudantado de titulacións de grao e de mestrado universitario poderá tamén realizar mobilidades para prácticas no estranxeiro nunha institución de educación superior con convenio coa USC ou nun organismo público ou privado. Esta modalidade está aberta tamén a titulados/as recentes, sempre que a solicitude e a asignación de destino sexan anteriores ao depósito do título.
c) O estudantado de doutoramento poderá realizar estadías físicas de longa duración para levar a cabo actividades de formación, así como participar en mobilidades de curta duración físicas, híbridas ou virtuais nunha institución de educación superior ou nun organismo público ou privado.
CAPÍTULO II
Mobilidade para estudantado de grao e mestrado universitario por programa ou convenio de intercambio
Sección 1ª. Mobilidade de longa duración para estudos
Artigo 16. Requisitos específicos
1. De xeito xeral, o estudantado de grao deberá ter superado o 15% dos créditos da súa titulación ou a porcentaxe establecida na respectiva convocatoria. Este requisito non será de aplicación para o estudantado que inicie unha segunda titulación do mesmo ámbito de coñecemento ou afín á que rematou o curso anterior. Deste xeito, non rexerá este mínimo naqueles casos en que o/a estudante superase previamente un minor e estea a cursar un maior dunha titulación de grao.
2. As convocatorias poderán incluír outros requisitos específicos para as mobilidades de longa duración.
3. A Oficina de Mobilidade comprobará a elixibilidade das persoas solicitantes e o cumprimento dos requisitos xerais e dos específicos.
Artigo 17. Procedemento de asignación de destino
1. As convocatorias de intercambio académico especificarán se a asignación de destinos é competencia do centro ou da Oficina de Mobilidade.
2. Naqueles casos en que a asignación de destinos se realice no centro, este procedemento será competencia da CIC ou da comisión do centro con competencias en internacionalización e mobilidade.
3. Nas convocatorias en que a asignación de destinos sexa competencia da Oficina de Mobilidade, a comisión de asignación estará presidida polo/a vicerreitor/a con competencias en internacionalización, ou persoa en quen delegue, e estará composta por dous membros do persoal técnico da Oficina de Mobilidade, un dos cales actuará de secretario/a. Adicionalmente, a comisión poderá incluír outros membros, se así se establece na convocatoria.
4. Os destinos serán asignados en virtude dun procedemento público de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
5. Na asignación de destinos valoraranse, polo menos, o expediente académico e o nivel acreditado de linguas. Poderán tamén valorarse outros aspectos, como a adecuación ao programa ou convenio de intercambio, se así o decide a comisión que realice a asignación de destinos. Adicionalmente, a convocatoria poderá fixar outros méritos que se terán en conta no proceso de selección do estudantado, así como os criterios que se utilizarán en caso de empate.
6. Nas convocatorias de intercambio para estudos baseadas en acordos e convenios non vinculados a titulacións concretas, será responsabilidade do estudantado comprobar previamente que as institucións solicitadas como destinos preferentes impartan a titulación que está a cursar en orixe.
7. A aceptación dunha praza de mobilidade implica a renuncia a seguir participando noutras convocatorias de mobilidade que se poidan ter publicado de xeito paralelo. Polo tanto, unha vez aceptada formalmente unha praza no prazo establecido, o/a estudante quedará excluído/a doutras convocatorias da Oficina de Mobilidade ás que concorrese para o mesmo semestre. Non obstante, o/a estudante poderá aceptar unha praza e optar a outra dunha convocatoria distinta dentro do mesmo curso académico sempre que as dúas prazas sexan para semestres distintos.
8. A selección para a participación nunha convocatoria non implica automaticamente a aceptación do/da estudante por parte da institución de destino.
Artigo 18. Ampliación da estadía
1. O estudantado de mobilidade por estudos que teña concedida unha mobilidade para o primeiro semestre poderá solicitar unha ampliación da súa estadía a un curso completo unha vez iniciada a mobilidade.
2. Para solicitar esta ampliación, a persoa interesada deberá obter o consentimento por escrito do/da CAM e da universidade de acollida no formulario dispoñible para estes efectos.
3. Unha vez concedida a ampliación, o estudantado deberá tramitar os cambios que procedan no acordo de estudos para incluír nel as materias que cursará na institución de acollida no segundo semestre, tendo en conta os requirimentos relativos ao máximo e mínimo de créditos para mobilidades anuais.
4. Despois de realizados os cambios no acordo de estudos, a UXA realizará de oficio as modificacións correspondentes na matrícula do/da estudante.
5. Dependendo da dispoñibilidade orzamentaria, a USC reserva para si o dereito a ampliar tamén a contía da axuda económica percibida polo/a estudante para o primeiro semestre.
6. As mobilidades semestrais realizadas no segundo semestre non poderán ser ampliadas ao seguinte curso académico.
Artigo 19. Redución da estadía
1. O estudantado que teña concedida unha mobilidade de curso académico completo poderá reducir a súa duración por motivos académicos ou doutro tipo, ben no momento de aceptar a súa praza, ben posteriormente, empregando o formulario dispoñible para estes efectos.
2. A persoa interesada deberá informar o/a CAM da redución da estadía e, posteriormente, tramitar os correspondentes cambios no seu acordo de estudos.
3. Despois de realizados os cambios no acordo de estudos, a UXA realizará de oficio as modificacións correspondentes na matrícula do/da estudante.
Artigo 20. Interrupción da estadía
1. A estadía poderá interromperse, temporal ou definitivamente, por causas de forza maior ou por causas non imputables ao estudantado de mobilidade, que estean debidamente acreditadas. Fóra destes supostos, a interrupción da estadía será causa de penalización para outras convocatorias da Oficina de Mobilidade.
2. A interrupción da estadía poderá ter consecuencias académicas e/ou económicas.
Artigo 21. Acordo de estudos
1. Con carácter previo ao inicio da súa estadía, o estudantado de mobilidade por estudos deberá elaborar, de acordo co/coa CAM, un acordo de estudos (learning agreement). Este documento terá carácter vinculante sempre que se cumpran os requisitos establecidos para o programa de intercambio no plan de estudos da titulación do/da estudante e nas normas de matrícula e de permanencia da USC e que estea asinado ou aceptado por todas as partes.
2. No acordo de estudos incluiranse as materias e créditos que se van cursar na institución de destino, así como as materias e os créditos que se recoñecerán na USC. O acordo de estudos deberá contar co visto e prace e a sinatura do/da RIC e será tamén asinado polo/a CAM e pola persoa titular da Xefatura da Oficina de Mobilidade.
3. O acordo de estudos poderase modificar ata un mes despois da incorporación do estudantado á institución de destino. O estudantado que realice unha estadía de estudos de dous semestres disporá dun segundo prazo dun mes para a modificación do seu acordo de estudos ao principio do segundo semestre. Rematado o prazo dun mes, a modificación do acordo de estudos só se autorizará por causas extraordinarias e debidamente xustificadas. A autorización será competencia do/da RIC do centro. Non se poderán realizar modificacións extraordinarias no acordo de estudos con posterioridade á realización das probas de avaliación na institución de destino. O estudantado que modifique o acordo de estudos autoriza tacitamente a UXA correspondente para realizar a modificación da súa matrícula de oficio.
4. O estudantado poderá incluír materias suspensas no acordo de estudos consonte a normativa de permanencia en vigor. O estudantado poderá cursar en réxime de intercambio tantas materias suspensas como cursos en que estea matriculado, sen contar o curso en que vaia realizar a mobilidade. Non se poderá matricular do resto das materias suspensas, agás que o seu intercambio sexa para un semestre. Neste caso, deberá matricularse na USC das materias suspensas do período en que non realice a mobilidade. As materias que aparecen no expediente como «Non presentado» non forman parte deste cómputo.
5. No acordo de estudos poderá figurar un número de créditos baixo a epígrafe «Créditos optativos xenéricos-programa de intercambio», naqueles casos onde as materias que o estudantado vaia cursar na institución de acollida non coincidan con materias da súa titulación na USC. Ben que estes créditos constarán como créditos optativos xenéricos na parte do acordo de estudos correspondente á USC, na parte correspondente á institución de acollida deberán figurar as materias ou actividades coa súa denominación concreta. O número de créditos optativos xenéricos ten que coincidir exactamente co número de créditos ECTS da materia na institución de acollida. Non se poderán recoñecer como créditos optativos xenéricos os excedentes de créditos das materias cursadas en destino e que sexan recoñecidas contra materias da USC.
6. O número de créditos que ordinariamente se incluirán no acordo de estudos de longa duración é o equivalente a 60 ECTS para un curso académico completo ou o equivalente a 30 ECTS para un semestre. De forma excepcional, e debido a circunstancias académicas acreditadas, o estudantado poderá incluír no acordo un mínimo de 40 ECTS e un máximo de 75 ECTS para as mobilidades anuais, e un mínimo de 20 ECTS e un máximo de 36 ECTS para as mobilidades semestrais.
7. O período de estudos poderá incluír unha formación práctica e traballos academicamente dirixidos ou similares, sempre que estes traballos figuren no plan de estudos. Os traballos de fin de grao ou máster poderán defenderse, ben na USC, ben na institución de destino, segundo quede establecido na regulamentación xeral de traballos de fin de grao/máster da USC e no regulamento do centro en que estea matriculado/a o/a estudante.
8. O estudantado seleccionado estará sometido ao réxime de estudos da institución de destino e disporá das convocatorias de exame que esta teña establecidas. Non obstante, poderá presentarse aos exames de segunda oportunidade na USC sempre que se cumpran todas as seguintes condicións:
a) Que a materia non se superase na institución de destino, circunstancia que debe acreditar no momento da solicitude;
b) Que a materia da titulación de orixe teña contidos equivalentes aos da materia cursada na institución de destino;
c) Que a guía docente non estableza criterios ou sistemas de avaliación que impidan a superación da materia de xeito independente na segunda oportunidade.
9. A solicitude de presentación á segunda oportunidade deberá realizarse perante o/a CAM cun mínimo de 30 días antes do inicio do período de exames de segunda oportunidade. O/a CAM comprobará que a solicitude reúne os requisitos e remitiraa ao/á RIC con informe favorable ou desfavorable. O/a RIC autorizará ou desestimará a solicitude por calquera medio que permita ter constancia e comunicárllelo con antelación suficiente o/a docente responsable da materia, antes da avaliación, e á persoa interesada. A Unidade de Xestión de Centro e Departamentos de cada centro comunicaralle á UXA correspondente a relación do estudantado que se vai acoller a esta posibilidade, para que lle sexa retirada da acta a condición de estudante de intercambio e, polo tanto, poida ser cualificado.
Artigo 22. Recoñecemento académico
1. O estudantado da USC que realice unha mobilidade para estudos ten dereito ao pleno recoñecemento académico das materias e créditos que figuren no seu acordo de estudos.
2. Para realizar o recoñecemento de estudos, o estudantado solicitará da institución de acollida a certificación académica acreditativa dos estudos realizados (Transcript of Records, ToR), onde se especifiquen a denominación das correspondentes materias, os créditos obtidos e a cualificación acadada. Só se considerarán válidas aquelas certificacións cuxa autenticidade sexa comprobable por medios electrónicos ou que sexan enviadas por correo electrónico directamente desde as institucións de acollida aos decanatos, direccións de centro ou á Oficina de Mobilidade.
3. Recibida a certificación académica oficial da institución de destino, a Unidade de Xestión de Centro e Departamentos elaborará a proposta de resolución de recoñecemento de estudos segundo as táboas de equivalencias aprobadas pola USC e remitiralla o/a CAM para a súa conformidade. Posteriormente, a proposta será enviada ao/á decano/a ou director/a do centro para a correspondente resolución, que será trasladada á UXA para que se proceda á súa imputación no expediente académico do/da estudante.
4. Non se recoñecerán estudos ou actividades realizados na institución de destino que non figuren no acordo de estudos, nin aqueles dos que o/a estudante non se matriculase previamente, sen prexuízo da posibilidade da súa constancia no SET.
5. Con carácter xeral, o límite máximo de créditos recoñecibles en programas de mobilidade será o 50 % do número total dos créditos da titulación de orixe na USC, sempre que o/a estudante cursase as materias mediante un acordo de estudos.
Sección 2ª. Outros tipos de mobilidade para estudos
Artigo 23. Consideracións xerais
Ademais das mobilidades de longa duración, o estudantado de grao e mestrado universitario da USC poderá realizar mobilidades de curta duración, tanto físicas como híbridas ou virtuais.
Artigo 24. Mobilidade de curta duración, BIP e mobilidade virtual
1. Os requisitos específicos de participación para as mobilidades de curta duración (titulacións, nivel de competencia lingüística, etc.) serán os establecidos nas respectivas convocatorias.
2. Os acordos de estudos para mobilidades de curta duración, Blended Intensive Programmes (BIP) e mobilidades virtuais incluirán a denominación da actividade, a descrición dos contidos e o número de créditos ECTS susceptibles de recoñecemento. Estes acordos serán validados polo/a RIC do centro.
3. As actividades realizadas en mobilidades de curta duración, mobilidades híbridas realizadas no marco de programas BIP e mobilidades virtuais que requiran matrícula recoñeceranse como «Créditos optativos xenéricos-programa de intercambio».
4. As mobilidades de carácter virtual con carga de créditos ECTS en actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell (como cursos, seminarios, xornadas, etc.) recoñeceranse como créditos transversais, segundo o establecido na Resolución reitoral do 5 de febreiro de 2025.
5. As mobilidades de carácter virtual, como COIL (Collaborative Online International Learning) e as clases espello, que non precisan de matrícula e non teñen recoñecemento en créditos ECTS, poderán figurar, non obstante, no diploma de méritos de internacionalización (DiMI) da USC.
Sección 3ª. Mobilidade para a realización de prácticas
Artigo 25. Modalidades de mobilidade para a realización de prácticas
1. O estudantado de grao e máster universitario da USC poderá realizar mobilidades para a realización de prácticas curriculares e extracurriculares.
2. A mobilidade para prácticas tamén estará aberta ao estudantado titulado, sempre que tanto a solicitude como a asignación de destino se efectúen con anterioridade ao depósito para a obtención do título (modalidade de titulado/a recente).
Artigo 26. Requisitos específicos
1. Os requisitos específicos das mobilidades para a realización de prácticas serán os establecidos nas correspondentes convocatorias.
2. Para solicitar unha praza de intercambio para prácticas, o estudantado de grao e mestrado universitario deberá ter superado, como mínimo, o 50 % dos créditos da titulación. Adicionalmente, deberá cumprir os requisitos establecidos, de ser o caso, na memoria de verificación do título.
3. O estudantado de mobilidade para prácticas terá que formalizar matrícula na USC das prácticas curriculares e extracurriculares. Queda exento de formalizar matrícula o estudantado que realice as súas prácticas na modalidade de titulado/a recente.
4. O estudantado de mobilidade para prácticas deberá solicitar a aceptación nunha entidade pública ou privada doutro país para a realización das actividades previstas.
5. O período de prácticas terá unha duración mínima de dous (2) meses e máxima de doce (12) meses.
6. Poderase solicitar unha mobilidade de estudos e unha mobilidade de prácticas no mesmo curso académico, sempre que non sexan incompatibles por motivos académicos e/ou de programación docente.
Artigo 27. Acordo de prácticas
1. Antes da incorporación á institución de acollida, o estudantado deberá elaborar o acordo de prácticas coa persoa que titorice esas prácticas na USC. Este acordo incluirá as competencias que cómpre adquirir durante o período de mobilidade por prácticas e o plan de traballo.
2. No caso das prácticas curriculares e extracurriculares, o acordo de formación será validado pola persoa que titorice as prácticas na USC e polo/a RIC do centro. No caso de titulados/as recentes, o acordo de formación será asinado pola persoa titular da Xefatura da Oficina de Mobilidade.
3. Os acordos de prácticas poderanse modificar ata un mes despois da incorporación do estudantado á entidade de destino.
Artigo 28. Recoñecemento
1. Unha vez finalizada a estadía, o estudantado deberá presentar, no prazo dun mes, o informe de avaliación das prácticas, así como a memoria de prácticas na Oficina de Mobilidade. A Oficina de Mobilidade remitiralle esta documentación ao centro para a súa avaliación.
2. A formación realizada na entidade de acollida para as prácticas curriculares e extracurriculares será recoñecida academicamente pola USC, sempre que se acade o nivel requirido e se cumpran as condicións exixidas polas institucións participantes para obter o pleno recoñecemento. As prácticas curriculares serán cualificadas numericamente segundo o recollido no informe final realizado pola entidade de destino e a memoria de prácticas elaborada polo/a estudante. As prácticas extracurriculares contarán cunha cualificación de apto/non apto.
3. Unha vez avaliadas as prácticas curriculares e extracurriculares polas persoas designadas polo centro para tal fin, a Unidade de Xestión de Centro e Departamentos elaborará a proposta de resolución de recoñecemento e remitiralla ao/á RIC para a súa conformidade. Posteriormente, a proposta será enviada ao/á decano/a ou director/a do centro para a correspondente resolución, que será trasladada á UXA para que se proceda á súa imputación no expediente académico do/da estudante.
4. As prácticas realizadas despois da obtención do título non terán cualificación, pero poderán estar recollidas no documento de mobilidade Europass por petición do/da estudante.
CAPÍTULO III
Mobilidade para estudantado de doutoramento
Artigo 29. Consideracións xerais
O estudantado de doutoramento poderá realizar mobilidades físicas de longa e curta duración para a realización de actividades formativas e/ou de investigación ao abeiro dun programa ou convenio de intercambio ou fóra deles. Este estudantado poderá participar, así mesmo, en mobilidades híbridas (BIP) e en mobilidades virtuais. Para que as mobilidades poidan ser tidas en conta para a mención de doutoramento internacional, estas deberán ser físicas, polo menos unha delas deberá ter unha duración mínima dun mes e ningunha delas poderá ter unha duración inferior a sete días.
Artigo 30. Mobilidade para estudantado de doutoramento ao abeiro de programas ou convenios de intercambio
1. O estudantado de doutoramento poderá realizar mobilidades físicas ao abeiro de programas ou convenios de intercambio para actividades de formación e/ou de investigación. Estas estadías poderán ser de longa ou de curta duración. Este estudantado tamén poderá participar en mobilidades híbridas (BIP) e en mobilidades virtuais, sempre que isto estea recollido na convocatoria correspondente.
2. Como criterio xeral, para optar a estas mobilidades reguladas por programas ou convenios de intercambio, o estudantado de doutoramento deberá estar matriculado no segundo ano de doutoramento ou posteriores e contar cunha avaliación positiva do seu último informe anual de actividades.
3. O acordo de formación para mobilidades de doutoramento por programa ou convenio de intercambio e reguladas por convocatorias incluirá a denominación e descrición da actividade de formación ou de investigación, a súa duración e a relevancia da estadía para o plan de investigación do/da estudante. O acordo de formación será validado polo/a director/a da tese e polo/a coordinador/a do programa de doutoramento, mediante a súa inclusión no plan de formación do doutoramento regulado no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro.
4. As mobilidades para formación por programa ou convenio de intercambio realizadas polo estudantado de doutoramento nos períodos de mobilidade non compartan o recoñecemento en créditos ECTS, pero poderán ser incluídas no documento de actividades de doutoramento que se valoran e validan anualmente o/a director/a de tese e a Comisión Académica do Programa de Doutoramento. As mobilidades de carácter internacional poderán incorporarse tamén ao DiMI. A Oficina de Mobilidade poderá, así mesmo, expedir un documento acreditativo da mobilidade por petición da persoa interesada.
5. As estadías vinculadas a teses en cotutela requirirán da sinatura dun acordo específico para cada estudante individual.
6. Ademais de mobilidades ao abeiro de programa ou convenio de intercambio, o estudantado de doutoramento poderá realizar mobilidades físicas de curta ou longa duración para actividades formativas e/ou de investigación noutros centros fóra de convenio e/ou programa. Estas estadías poderanse incorporar no documento de actividades do/da estudante, mediante un certificado expedido polo centro de destino e asinado pola persoa que titorice a estadía.
TÍTULO IV
Mobilidade de estudantado entrante
CAPÍTULO I
Consideracións xerais
Artigo 31. Dereitos do estudantado entrante
Con carácter xeral, o estudantado entrante terá, durante a súa estadía na USC, os mesmos dereitos que o estudantado propio, establecidos nos estatutos da USC, con excepción do dereito a participar nos órganos de goberno e representación da Universidade.
Artigo 32. Obrigas do estudantado entrante
Son obrigas do estudantado entrante as seguintes:
a) Aboar os prezos públicos en concepto de matrícula que correspondan, coa excepción daquel estudantado de programas de intercambio cuxo convenio especifique a exención do pagamento da matrícula.
b) No caso de estudantado internacional, realizar todos os trámites legais establecidos na lexislación española en materia de estranxeiría en función da súa procedencia e da modalidade da súa estadía.
c) O estudantado internacional que non estea en posesión da tarxeta sanitaria europea deberá posuír un seguro médico e de responsabilidade civil con cobertura en España. Adicionalmente, o estudantado entrante deberá contratar a póliza que a USC porá ao seu dispor. A USC garantirá que o estudantado estranxeiro poida contratar a póliza ofertada por esta institución con anterioridade suficiente ao cumprimento da matrícula para así garantir a súa cobertura á súa chegada á USC e, nos casos en que sexa necesaria a expedición dun visado, para a solicitude deste.
d) Presentarse na Oficina de Mobilidade (estudantado entrante por mobilidade ao abeiro de programas ou convenios de intercambio) ou na Oficina de Proxección Internacional (estudantado entrante fóra de programas ou convenios de intercambio), onde se expedirá a correspondente credencial e se selará, de ser o caso, o certificado de chegada.
e) O estudantado entrante de grao e mestrado universitario que permaneza na USC por un semestre ou ao longo do curso académico estará suxeito ao réxime de estudos e ás normativas que sexan de aplicación na USC, así como ás convocatorias de exame e oportunidades que esta teña establecidas para o estudantado propio.
f) O estudantado entrante de doutoramento deberá formalizar unha matrícula por estadía nun dos programas de doutoramento da USC, nos termos previstos neste regulamento e no Regulamento de estudos de doutoramento.
g) No caso de incumprimento grave das obrigas e da normativa da USC por parte do estudantado entrante, a USC poderá acordar, logo de audiencia da persoa interesada, a suspensión da mobilidade e a comunicación desta suspensión á universidade de orixe.
Artigo 33. Requisitos lingüísticos
1. O estudantado de titulacións de grao cuxa lingua de instrución sexa o galego ou o español deberá acreditar na súa solicitude un nivel mínimo de B1 de galego ou español do MCER. O estudantado que se matricule en materias do grao en Lingua e Literatura Españolas deberá acreditar un nivel B2 ou superior de español.
2. O estudantado de titulacións de grao cuxa lingua de instrución sexa distinta do galego ou español deberá acreditar o nivel exixido na memoria do título.
3. O estudantado de titulacións de máster universitario con requisito de lingua (español, galego, inglés, etc.) deberá acreditar o nivel exixido na memoria do título.
4. O estudantado procedente de países de fala española ou portuguesa estará exento destes requisitos lingüísticos, agás no caso de que a lingua de instrución da titulación de grao ou máster universitario en que se matricule sexa diferente do galego, español ou portugués.
5. Conforme o que estableza a USC, o estudantado entrante de doutoramento deberá posuír os suficientes coñecementos lingüísticos (en español, galego, inglés, etc.) para poder desenvolver de xeito satisfactorio a súa actividade de formación predoutoral.
Artigo 34. Modalidades de mobilidade para estudantado entrante na USC
O estudantado que estea cursando titulacións oficiais noutras institucións de educación superior, nacionais ou estranxeiras, poderá realizar unha estadía na USC a través dalgunha das seguintes modalidades:
a) Como estudantes de intercambio para estudos ou prácticas ao abeiro de programas de mobilidade ou de convenios subscritos pola USC con outras institucións, que inclúan a recepción temporal de estudantado entrante;
b) Como estudantado visitante fóra de programas de intercambio, que accede á universidade por libre para realizar estadías académicas temporais (free movers);
c) Como estudantado entrante para a realización doutras actividades titorizadas de formación e/ou investigación.
CAPÍTULO II
Estudantado entrante de grao e máster para a realización de estudos ou prácticas ao abeiro de programas ou convenios de intercambio
Artigo 35. Requisitos específicos
1. O estudantado entrante de grao e máster para a realización de estudos deberá acollerse ao estipulado na convocatoria do programa ou convenio que regule a súa estadía.
2. O estudantado de grao e máster que estea interesado en realizar unha estadía de prácticas nun centro, departamento, instituto ou unidade administrativa da USC solicitaralle a súa titorización á persoa responsable da unidade en que desexe desenvolver as prácticas. A persoa titora deberá inscribir o/a estudante no rexistro habilitado para este fin para a emisión da preceptiva carta de admisión por parte do Servizo de Xestión Académica. O estudantado deberá formalizar a súa matrícula baixo a modalidade que corresponda e aboar o seguro obrigatorio.
3. O estudantado entrante de grao e máster non poderá realizar simultaneamente unha mobilidade para estudos e unha mobilidade para prácticas.
Artigo 36. Acordo de formación
1. O estudantado entrante de grao e máster seleccionará as materias do seu acordo de estudos ou de prácticas de conformidade cos requirimentos da súa institución de orixe, baixo a orientación do/da seu CAM ou da persoa que titorice as prácticas na USC.
2. Os acordos de estudos estarán asinados polo/a CAM e validados polo/a RIC do centro.
3. Os acordos de prácticas estarán asinados pola persoa que titorice as prácticas na USC e terán que contar co visto e prace do/da RIC do centro ou da persoa responsable do instituto ou unidade administrativa da USC onde se realicen as prácticas, ademais de pola persoa responsable na institución de orixe.
4. Naqueles casos en que a estrutura do programa académico da institución de orixe así o xustifique, o estudantado entrante de grao e máster poderá combinar estudos de grao e máster universitario. Para iso, será necesario contar co visto e prace do/da RIC do centro e das persoas coordinadoras das titulacións correspondentes.
5. O estudantado entrante de grao e máster deberá formalizar matrícula, ben que estará exento de aboar os prezos públicos. Este trámite realizarase de oficio na UXA correspondente. Unha vez efectuada a matrícula, expedirase o correspondente xustificante.
6. O estudantado entrante de grao e máster poderá modificar o seu acordo de estudos ou de prácticas ata un mes despois da súa chegada, sempre co acordo do/da CAM ou da persoa que titorice as prácticas na USC e o visto e prace do/da RIC ou da persoa responsable do instituto ou unidade administrativa da USC onde se realicen as prácticas. Rematado o prazo dun mes, a modificación do acordo de formación só se autorizará por causas extraordinarias e debidamente xustificadas. Unha vez modificado o acordo de formación, a modificación da matrícula realizarase de oficio.
7. No caso de mobilidades para estudos, se o acordo de formación do/da estudante prevé a realización de cursos, seminarios ou calquera outra actividade fóra do plan de estudos dunha titulación oficial, o estudantado de grao e máster formalizará a matrícula nos centros ou servizos que especifique a convocatoria oficial e pagará, de ser o caso, os prezos públicos establecidos na citada convocatoria. Para os efectos da inclusión destas actividades na certificación académica que se lle remita á institución de orixe, a persoa interesada deberá presentar na UXA correspondente o documento oficial acreditativo da súa realización e solicitar o recoñecemento conforme o procedemento xeral vixente na USC. Este recoñecemento non reportará prezos públicos.
Artigo 37. Certificación da formación (estudos ou prácticas) realizada na USC
1. No caso do estudantado entrante de grao e máster para a realización de estudos, a UXA correspondente enviaralle á Oficina de Mobilidade as certificacións das cualificacións obtidas. Esta certificación deberá ser expedida en versión bilingüe castelán/galego e inglés, indicando os créditos ECTS de cada materia, e ir acompañada dunha explicación do baremo de avaliación utilizado na USC. A Oficina de Mobilidade remitiralles as certificacións á institución de procedencia do estudantado entrante, de acordo cos requirimentos formais dos respectivos programas ou convenios.
2. No caso de estudantado entrante de grao e máster para a realización de prácticas, a persoa titora na USC elaborará e asinará un informe de prácticas e, de ser o caso, outorgará unha cualificación. Unha vez finalizado o período de realización das prácticas e recibido o informe da persoa que titorizou as ditas prácticas, o estudantado poderá solicitar unha certificación das actividades realizadas.
CAPÍTULO III
Estudantado entrante de grao e máster para a realización de estudos fóra de programas de intercambio (estudantado visitante)
Artigo 38. Requisitos específicos
Para poder acceder a esta modalidade de mobilidade, o estudantado visitante de grao e máster ten que ter iniciado estudos nunha institución de educación superior. Unha vez recibida a documentación do/da estudante, o Servizo de Xestión Académica solicitaralles ao(s) centro(s) que corresponda o preceptivo informe favorable para expedir a carta de admisión e remitiralla ao/á estudante.
Artigo 39. Acordo de estudos
1. O estudantado visitante de grao e máster deberá elaborar un acordo de estudos que terá que ser aprobado polo/a RIC do centro.
2. O número mínimo de créditos que se van cursar por semestre en réxime de estudantado visitante de grao e máster é de 10 ECTS.
3. O estudantado visitante de grao e máster poderá combinar estudos de grao e máster universitario sempre que conte co visto e prace do/da RIC do centro e das persoas coordinadoras das titulacións correspondentes.
4. O estudantado visitante de grao e máster deberá formalizar matrícula das materias seleccionadas e aboar os prezos correspondentes.
5. O estudantado visitante de grao e máster poderá modificar o seu acordo de estudos ata un mes despois da súa chegada, sempre co acordo e validación do/da RIC e a resolución favorable do Servizo de Xestión Académica. Unha vez recibida a dita resolución, o estudantado visitante de grao e máster deberá matricularse de novo na UXA correspondente no prazo indicado polo Servizo de Xestión Académica e pagar os prezos de matrícula que deriven dos cambios do acordo.
Artigo 40. Certificación dos estudos realizados na USC
1. Ao finalizar a súa estadía na USC, o estudantado visitante de grao e máster poderá solicitar un certificado académico na UXA correspondente. Esta certificación deberá ser expedida en versión bilingüe castelán/galego e inglés, indicando os créditos ECTS de cada materia, e ir acompañada dunha explicación do baremo de avaliación utilizado na USC. A posibilidade de recoñecer os estudos realizados na USC na institución de orixe dependerá das políticas de recoñecemento desa institución.
2. Os estudos realizados como estudantado visitante de grao e máster recoñeceranse plenamente na USC no caso de que a persoa interesada acceda posteriormente aos ditos estudos tras superar os procesos de ingreso establecidos pola lexislación vixente, sempre que reúna os requisitos de acceso para cursar os estudos obxecto de recoñecemento no momento de cursalos.
CAPÍTULO IV
Estadías para a realización na USC doutras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación
Artigo 41. Consideracións xerais
A USC poderá admitir estudantado de grao, máster universitario e doutoramento en estadías para a realización doutras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación, tanto ao abeiro de programas ou convenios como fóra deles. Agás para o estudantado de doutoramento, están incluídas neste capítulo as prácticas de estudantado entrante fóra de programa ou convenio de intercambio.
Artigo 42. Dereitos
O estudantado que realice unha estadía para outras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación poderá utilizar ou acceder aos servizos xerais de investigación, bibliotecas, comunicacións, servizos informativos e servizos de apoio á investigación nas mesmas condicións que o estudantado da USC de categoría equivalente ou asimilable, sempre que conte coa credencial correspondente.
Artigo 43. Obrigas
1. O estudantado de grao e máster que desexe realizar unha estadía para outras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación na USC deberá solicitar a aceptación da persoa que titorizará a dita estadía, así como contar co informe favorable do/da RIC do centro ou da persoa responsable do instituto ou centro de investigación correspondente.
2. O estudantado de doutoramento que desexe realizar unha estadía de formación e/ ou de investigación na USC deberá solicitar a aceptación da comisión académica dun dos programas de doutoramento da institución e a asignación dunha persoa investigadora do programa como titora da estadía, nos termos que establece o Regulamento de estudos de doutoramento.
3. A persoa que titorice a estadía para outras actividades formativas e/ou de investigación deberá inscribir o/a estudante no rexistro habilitado para tal fin, para a emisión da preceptiva carta de admisión por parte do Servizo de Xestión Académica.
4. Á súa chegada á USC, este estudantado deberá presentarse na Oficina de Proxección Internacional, onde se lle facilitará a correspondente credencial.
5. O estudantado que realice na USC unha estadía para outras actividades formativas e/ou de investigación deberá formalizar matrícula e aboar o prezo que corresponda, agás no caso de que a dita estadía se realice ao abeiro dun programa ou convenio de intercambio. Deberá, así mesmo, subscribir o seguro que proceda.
Artigo 44. Certificación de estadías para outras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación
Unha vez rematado o seu período na USC, o estudantado matriculado en estadías para a realización doutras actividades titorizadas de formación e/ou de investigación terá dereito a que se lle emita un documento acreditativo da súa estadía na USC, onde consten, o período da estadía, as tarefas desenvolvidas e as competencias adquiridas. Este documento estará asinado pola persoa que titorizou a estadía na USC e polo/a RIC do centro ou pola persoa responsable do instituto ou centro de investigación correspondente, ou, no caso do estudantado de doutoramento, polo/a director/a da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) ou persoa en quen delegue.
TÍTULO V
Mobilidade para o persoal docente e investigador (PDI) e para persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da usc por programa ou convenio
Artigo 45. Consideracións xerais
O PDI da USC poderá realizar mobilidades con fins docentes ou con fins de formación e/ou investigación. Pola súa banda, o PTXAS poderá realizar mobilidades con fins formativos. As convocatorias de cada programa de mobilidade establecerán e detallarán toda a información relativa ao procedemento de admisión, requisitos xerais e específicos, prazos de solicitude, órganos e criterios de selección, así como os prazos e procedementos de reclamación.
Artigo 46. Dereitos
Son dereitos do PDI ou PTXAS saínte que realice unha mobilidade os seguintes:
a) Estar amparado polos convenios interinstitucionais ou os acordos de mobilidade que establezan as condicións polas cales se desenvolva a mobilidade.
b) Recibir información e asesoramento por parte da Oficina de Mobilidade para realizar todos aqueles trámites necesarios para o desenvolvemento da mobilidade.
c) Percibir as axudas económicas para a mobilidade que estableza a convocatoria na cal se obtivo a praza de mobilidade, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na dita convocatoria.
d) Estar exento das taxas e dos prezos por servizos académicos na institución de destino, sempre que as condicións do programa de intercambio ou o convenio coa citada institución así o recoñezan.
e) Obter un documento acreditativo da realización da súa mobilidade, emitido pola Oficina de Mobilidade.
Artigo 47. Obrigas
Son obrigas do PDI e PTXAS saínte que realice unha mobilidade as seguintes:
a) Formalizar a documentación exixida, antes, durante e despois de rematar a estadía, tanto na USC como na institución de destino, na forma e no prazo que se establezan.
b) Solicitar o permiso correspondente no departamento ou unidade administrativa a que pertence.
c) Subscribir, de ser o caso, por requirimento da institución de destino ou da convocatoria, un seguro de accidentes, saúde e/ou responsabilidade civil que cubra a totalidade do período da estadía.
d) Cumprir coas normas de participación establecidas polo programa para o cal a persoa solicitante foi seleccionada.
e) Incorporarse á institución de destino nas datas establecidas.
f) Cumprir integramente o período de formación ou docencia acordado na institución de destino.
g) Promocionar a oferta académica e a estratexia de internacionalización da USC durante a súa estadía de mobilidade.
h) Entregar o certificado de fin de estadía na Oficina de Mobilidade no prazo máximo dun mes desde a finalización do período de mobilidade.
O incumprimento destas obrigas por causas non xustificadas poderá comportar o reintegro das axudas concedidas e os xuros que, de ser o caso, se xeren, así como a penalización en posteriores convocatorias da Oficina de Mobilidade.
TÍTULO VI
Mobilidade para o persoal docente e investigador (PDI) e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) entrante
Artigo 48. Consideracións xerais
O PDI procedente doutras institucións de educación superior poderá realizar na USC estadías con fins docentes ou de formación e/ou investigación. Pola súa banda, o PTXAS doutras institucións poderá levar a cabo mobilidades con fins de formación. Estas estadías poderán realizarse ao abeiro dun programa ou convenio de intercambio ou fóra deles.
Artigo 49. Dereitos
Son dereitos do persoal entrante que realice unha mobilidade na USC os seguintes:
a) Estar amparado, de ser o caso, polos convenios interinstitucionais ou os acordos de mobilidade que establezan as condicións polas cales se desenvolva a mobilidade.
b) Estar exento das taxas e dos prezos por servizos académicos na USC, sempre que as condicións do programa de intercambio ou o convenio coa citada institución así o recoñezan.
c) Obter un documento acreditativo da realización da súa mobilidade, emitido pola Oficina de Mobilidade.
Artigo 50. Obrigas
Son obrigas do persoal entrante que realice unha mobilidade na USC as seguintes:
a) Formalizar a documentación exixida pola USC, na forma e no prazo que se establezan, antes, durante e despois de rematar a estadía.
b) Comunicarse, antes do inicio da estadía, coa persoa anfitrioa na USC para que esta proceda a inscribir a persoa visitante no rexistro habilitado para este fin.
c) Formalizar a matrícula que se habilite para tal fin e aboar os prezos marcados polo Consello Social, agás no caso de que a estadía se realice ao abeiro dun programa ou convenio de intercambio.
d) Subscribir un seguro de accidentes, saúde e/ou responsabilidade civil que cubra a totalidade do período da estadía.
e) Incorporarse á USC nas datas establecidas.
f) Cumprir integramente o período de formación ou docencia acordada coa institución de orixe.
g) De ser o caso, cumprir coas normas de participación establecidas polo programa para o cal a persoa solicitante foi seleccionada.
Disposición adicional. Transferencias internacionais de datos
As transferencias de datos persoais en programas de mobilidade universitaria a países situados fóra do Espazo Económico Europeo realizaranse de acordo co disposto na normativa de protección de datos, garantindo en particular que, en ausencia dunha decisión de adecuación por parte da autoridade competente, as transferencias se leven a cabo mediante a adopción de garantías axeitadas, como cláusulas contractuais estándar, acordos interinstitucionais ou mecanismos equivalentes que garantan a protección de datos.
Disposición transitoria única
O estudantado cuxo acordo de formación estea asinado con anterioridade á data de entrada en vigor deste regulamento rexerase polo Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012.
Disposición derrogatoria única
Queda derrogado o Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012.
Disposición derradeira
Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia
