DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 9 de outubro de 2025 Páx. 53101

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 9 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa de construción ao proxecto do Parque Eólico Penas Pardas, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN408A 2020/67).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 9 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa de construción ao proxecto do Parque Eólico Penas Pardas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución do Parque Eólico Penas Pardas, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 26 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 322.537 euros, dos cales 138.230 euros corresponderán á fase de obras e 184.307 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, así como no punto 5.1.5 da declaración de impacto ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude ante o órgano competente, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 16.11.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no punto 5.1.2 da declaración de impacto ambiental, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións que desenvolverá para verificar a eficacia das ditas medidas, que deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública respecto do condicionado expresado no seu informe, antes do inicio das obras.

6. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, o promotor deberá contar cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque eólico, previstos no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

8. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o Departamento Territorial de Lugo un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

Este prazo quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, logo de petición do titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de existiren recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización acade firmeza.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 4.5.2020, Norvento, S.L. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado Parque Eólico Penas Pardas, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

2. O 20.7.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 8.9.2020, a promotora achegou o xustificante de pagamento das taxas de autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 20.9.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

4. O 13.10.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (o Concello de Abadín, sen planeamento xeral, conta cunha delimitación de solo urbano e 7 delimitacións de núcleo rural, mentres que o Concello da Pastoriza conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 9.8.2013), e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

5. O 2.12.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do Parque Eólico Penas Pardas á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

6. Polo Acordo do 7 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do Parque Eólico Penas Pardas.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17 de marzo de 2023 e permaneceu exposto ao público nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, así como no portal web da dita Vicepresidencia. Así mesmo, o dito acordo remitiuse aos concellos afectados, Abadín e A Pastoriza, para a súa exposición pública.

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom (Retevisión), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello da Pastoriza, Concello de Abadín, Comunidade de Montes de Abeledo, monte veciñal en man común de Mudia en Bozo, Endesa, Más Móvil, Orange, Retegal, Telefónica, Viesgo e Vodafone.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Orange, o 10.3.2023, Retegal, o 1.4.2023, Telefónica, o 6.3.2023 e Vodafone o 20.3.2023. A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos ditos condicionados.

Con respecto aos demais condicionados solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 3.10.2024, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. O 16.11.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Penas Pardas, que se fixo pública polo Anuncio do 18 de novembro de 2024 da dita dirección xeral (DOG núm. 231, do 29 de novembro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto recibíronse os seguintes informes: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo e Sociedade Galega de Historia Natural.

10. O 20.12.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente.

11. O 13.1.2025, Norvento, S.L. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achegou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución Parque Eólico Penas Pardas. Xaneiro 2025, asinado dixitalmente o 13.1.2025 polo enxeñeiro do ICAI Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI coa mesma data e núm. de visado 0305/20, así como as correspondentes declaracións responsables.

12. O 12.2.2025, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o informe técnico sobre o proxecto de execución refundido do Parque Eólico Penas Pardas, recollido no antecedente de feito anterior.

13. O 18.2.2025, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

14. Pola Resolución do 18 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do Parque Eólico Penas Pardas.

15. O proxecto do Parque Eólico Penas Pardas conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, emitida o 28.7.2021, en que se establece, ademais, o correspondente condicionado.

16. O Parque Eólico Penas Pardas conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 26 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede do 9.2.2021, así como o informe de aceptabilidade emitido polo xestor da rede de transporte o 18.4.2022.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático