O día 10 de decembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2025.
No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, xabaril e oso), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e se procederá á súa convocatoria para o ano 2025.
O artigo 21 establece que o pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención e que o prazo máximo inicial para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 19 de setembro de 2025.
O elevado número de solicitudes presentadas dificulta o cumprimento por parte das persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que comprende tres liñas: unha para a prevención dos danos ocasionados polo lobo, outra liña para a prevención dos danos ocasionados polo xabaril e unha terceira para a prevención dos danos ocasionados polo oso.
Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para a emenda tanto de documentación como de erros detectados, así como a realización das diferentes comprobacións documentais necesarias.
Todo o anterior ten xerado unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención.
O día 2 de setembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de agosto de 2025 pola que se modifica a Orde do 26 de novembro de 2024, ampliando o prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos ata o día 19 de outubro de 2025.
Porén, en vista da complexidade da documentación que debe revisarse e dado que as persoas beneficiarias deben contar con tempo suficiente para poder levar a cabo as actuacións obxecto de subvención e, consecuentemente, para presentar a xustificación correspondente dos gastos, considérase necesario establecer novos prazos de execución e xustificación destas.
En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase o punto 2 do artigo 21 da Orde do 26 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2025, que queda redactado nos seguintes termos:
«O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 4 de novembro de 2025. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto».
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
