En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 23 de xullo de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra o 27.11.2024. O motivo fundamental polo que se acordou denegar a clasificación obedecía á falta dunha proba sólida e fidedigna do aproveitamento consuetudinario por parte dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Fragas sobre os montes Fontenla, Os Muchachos e Laxes, obxecto deste expediente de clasificación.
Segundo. O 12.12.2024 notificóuselle á CMVMC de Fragas a resolución de non clasificación e o 10.1.2025, dentro do prazo establecido, presentou un recurso de reposición. Xuntaron un escrito explicativo do uso dos montes como veciñal e achegaron actas de manifestacións ante o notario José María Graíño Ordóñez, do concello de Caldas de Reis, de varios veciños que recoñecen o carácter comunal dos montes Fontenla, Os Muchachos e Laxes e unha acta conforme dous propietarios de terreos lindan coas parcelas comunais Muchachos e Laxes.
Revisada a documentación presentada, resultan as seguintes consideracións sobre as parcelas impugnadas:
Os Muchachos: (8,27 ha iniciais). Superficie de 7,77 ha, descontados os tres camiños municipais: 1C.1.0173, 1C.1.0255, 1C.1.0336 e a estrada EP 8303. Mantéñense as estremas orixinais. Xúntase: requirimentos do Concello de Campo Lameiro, do 25.5.2018, 16.9.2020 e do 8.9.2021, para o cumprimento das faixas secundarias establecidas pola Lei 3/2007, de prevención de incendios de Galicia, na parcela catastral 36007A03400501 (0,56 ha), estremeira co núcleo de vivendas de Ricoi e Mullerboa, e documentación xustificativa das limpezas feitas. Case a totalidade da superficie solicitada ten como titular catastral a propia CMVMC de Fragas (como a dita comunidade realizou a medición topográfica por medio dun técnico competente morde cabeceiras doutros propietarios).
Laxes: (0,63 ha iniciais). Superficie de 0,48 ha, descontado o camiño municipal 1C.1.0153 e a estrada PO-231. Mantéñense as estremas orixinais. Xúntase: acta da asemblea xeral da regulación de aproveitamentos forestais da parcela. Acta orixinal da Asemblea Xeral de 2018, en que se aproba a cesión de terreos da Laxe ao Concello de Campo Lameiro para instalar unha depuradora; requirimento do 13.2.2018, do alcalde do Concello de Campo Lameiro, do certificado do secretario da aprobación da cesión e alta da cesión no Inventario de bens e dereitos municipal (36007A026011300000DG). Case a totalidade da superficie solicitada ten como titular catastral a propia CMVMC de Fragas (como a dita comunidade realizou a medición topográfica por medio dun técnico competente morde cabeceiras doutros propietarios).
Fontenla: (1,45 ha). Trátase dunha parcela de alta pendente cara ao regato Amorín, afluente do Lérez, en que existe un muíño chamado Valiña. Non se achega documentación histórica que acredite a súa orixe veciñal nin documentación do aproveitamento actual por parte dos veciños. Menos da metade da parcela ten titularidade comunal.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que manifesta o seguinte:
«As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio Xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, de conformidade coa lei reguladora desta xurisdición».
Segundo. Como cuestión preliminar, cómpre manifestar que o principal motivo tomado en consideración polo Xurado Provincial de Montes de Pontevedra á hora de denegar a clasificación dos montes Fontenla, Os Muchachos e Laxes como monte veciñal en man común a prol dos veciños da CMVMC de Fragas obedece a que non quedaba acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común.
Segundo o indicado pola presidenta da CMVMC de Fragas, houbo un cambio da xunta reitora e descoñecían a tramitación do expediente de clasificación, razón pola que non se achegou a documentación agora presentada.
Sentada esta base, e tomando como punto de partida a nova documentación achegada, debe valorarse se é suficiente para xustificar un cambio no criterio sentado sobre a petición de clasificación por parte do Xurado de Montes, e a conclusión a que se chega é que só queda acreditado o aproveitamento dos veciños da parroquia de Fragas nas parcelas Os Muchachos e Laxes.
En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e os demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado, por unanimidade dos seus membros, acorda:
Estimar o recurso de reposición presentado pola CMVMC de Fragas (Campo Lameiro), respecto das parcelas Os Muchachos (7,77 ha) e Laxes (0,48 ha), conforme as estremas reflectidas no antecedente de feito primeiro da Resolución do 27.11.2024 e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución, e non estimar o recurso respecto da parcela Fontenla.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 1 de outubro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra
